Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - martes, 10 de diciembre de 2024
O lobo que non solta a presa
Son o lobo que oulea nas noites de lúa chea. En cuarto minguante deixo escapar un xemido, un salouco de gozo, e tiro para adiante. Tiro pola lomba abaixo arrastrándome por entre os toxos do tempo que foi. Do tempo que será dependerá do ouleo, ou da lúa en cuarto crecente. Na fase nova recuperarei os folgos para, logo despois, seguir tirando, seguir gozando.
Son o lobo que oulea entre os outeiros do peito e o que corre tras as ovellas que andan pola barriga esquerda do monte Medo. Cando a barriga se cobre cun manto de primavera, non queda outra que babexar en silencio e desexar que o tempo pase e todo cambie. Son o lobo que, ás veces, está a velas vir e, outras, non solto a presa.
Sigo a ser o lobo que oulea sobre o silencio, sobre o instante eterno, sobre o infinitivo dun verbo e sobre a inmensidade do universo. En cada ouleo vai un soño, unha realidade, unha quimera, un toxo con flores amarelas, unha esperanza, un ruxerruxe de camadas entre as xestas da ansiedade. Como lobo que son ansío, devezo pola presa e non deixo de correr detrás dela.
Ouleo entre as catro paredes dunha habitación e tombado a todo ó longo dun sofá que me acolle entre os seus brazos. Ouleo sentado e ouleo choutando. Ouleo lembrando o pasado e soñando co futuro. No presente paso a lingua polos labios, que teñen sabor a deleite.
Son o lobo que oulea a calquera hora do día, nos insomnios da noite e mesmo nesa habitación na que cantan os soños "Love Me Tender" de Elvis Presley. Coa canción deixo que, pouco a pouco, o ouveo se envolva no nobelo da esperanza.
O Astronauta Nº 13
Vivo na galaxia que está moito máis alá desta, e penso que os días son máis longos cos do mes de maio, cando na realidade sei que estamos no decembro do 2024. Aquí seica é o ano 7033. Teñen unha forma rara de contar. Unhas veces contan de dous en dous e, outras, de seis en seis. E fano coas dedas dos pés. Non saben o que é unha calculadora, nin tan sequera saben medir a ollo... porque teñen catro e atrapállanse a causa dos celos visuais duns e doutros. Son raros de carallo.
Cheguei a esta galaxia no tempo que dura a ansia máis ansiosa. E vese que, como a miña era moita, cheguei axiña. Viaxei no ronsel dun soño que, canto máis corría, máis brillaba. O seu brillo era igualiño que os das flores dos toxos. Durante o traxecto, o ronsel facíase máis grande. Cando cheguei a esa galaxia que está moito máis alá desta, tal ronsel semellaba un monte enorme cuberto de toxeiras.
Son o astronauta número 13 dunha misión galáctica que axiña se foi ó carallo; cando a soidade do espazo nos volveu un pouco chalados, desequilibrados e empezamos a gastarnos bromas tan macabras que, aquilo, acabou coma o rosario de aurora. Por sorte, son o único supervivente porque teño o meu punto e, pouco a pouco, fun eliminando ós 12 restantes. Como dicía aquel: sálvese quen poida. Optei por un módulo espacial para seguir o meu camiño. Agora vivo nesta galaxia moi rara e son o amo e señor das súas existencias. Como non saben medir pensan que son un monstro enorme e todos me respectan. Perdón, todos me teñen medo. Eu deixo que mo sigan tendo.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora