Onde saían os atracadores? Das Feiras de Lugo e arredores
Sendo o ano 1959 ou 1960 e subindo pola Ponte de Lugo -os da Valura, chamámoslle A Ponte, á do tren, entrando en Lugo pola estrada que vai a Oviedo-, mais non era a feira en Lugo, era a feira de Nadela, tamén subía un veciño meu pola ponte porque ía tamén para a feira de Nadela, que era, neste caso, o penúltimo día do mes de abril.
A ponte era moito máis baixa ca hoxe e por ela pasaba soamente o río Rato pois había

que pasar pisando a vía do tren na que morría moita xente porque alí non había ningún tipo de garda.
Na devandita ponte había tres homes aos que chamaban Os Fazais, unha camarilla de ladróns do lugar coñecido como Fazai, situado pola estrada que vai a Castroverde, moi cerca de Lugo. Os tres Fazais estaban cuns botes, dous pechados e outro un pouco aberto, ensináronllos ao señor que subía pola ponte e dixéronlle:
- Temos aquí estes tres botes que llos mercamos a un señor que veu de Cuba e tráenos cheos de billetes de 500 pesetas e foino gardar ao banco e dixéronlle que os tiña que cambiar en billetes de mil pesetas, que senón non llos collían.
En dous dos botes non se vía nada porque estaban pechados e no outro víase un pouco como asomaba un billete de 500 pesetas de uso legal e moitos máis no bote que estaba repleto de billetes falsos ou algo parecidos aos orixinais. Ensináronlle ao señor o bote co billete legal e os billetes falsos que semellaban fotocopias. E preguntáronlle:
- Leva vostede algún billete de mil pesetas.
- Si, levo.
- Cantos leva?
- Vóuvolos ensinar.
Ensinóullelos e dixéronlle:
- Leva poucos, que senón dabámoslle estes tres botes polos billetes se levase máis, pero vostede ha de volver por aquí.
- Si hei de volver, aló pola tarde que vou para a feira de Nadela mercar unha vaca.
- A que hora ha de volver? Que o esperamos aquí. Dámoslle agora os botes e vostede dános os cartos que leva e pola tarde tennos que traer sete ou oito billetes máis de mil pesetas. Esperámolo aquí. Póñanos hora. Dixeron os Fazais.
Contestou o home:
- Virei como ás catro.
- Ás catro logo. Esperámolo aquí e senón imos tras vostede.
Chegou o home á feira de Nadela e atopou comigo, o home non falaba ben pois era zarabeto e algo burriño e díxome:
- Ven ata aquí, que che vou ensinar unha cousa.
Levoume alí apartado da feira e sacou os botes e ensinoume o que traía aberto. Sacamos os cartos e díxenlle que tan só había un billete legal de 500 pesetas porque os outros eran todos falsos ou semellantes aos orixinais.
Eu quedeime mirando para el e para o seu fillo e díxenlles:
- Enganáronvos. Estes billetes son todos falsos menos un.
Díxome el
- Pero é posible iso?
Contesteille eu:
- Trae os outros botes que os imos abrir.
Así o fixemos e estaban todos cheos de billetes falsos que parecían fotocopias de cor azulado pero máis descoloridos. Tamén lle dixen:
- Agora non vaias por alí porque eles non están. Eles marcháronse, sonche dunha camarilla que hai en Fazai que se dedican a isto.
O pobre xa non podía mercar a vaca e pediume se eu lle podía prestar os cartos e díxenlle que si, que llos prestaba, mais eu non confiaba moito nel e díxenlle:
- Se mos devolves mañá, eu préstochos.
Ao outro día pola tarde chegoume con eles e eu botei o día pensativo porque era un trangalleiro e un tramposo, pero volveumos.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero