Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Muller escolleita. Inmaculada Concepción

Cabada Castro, Manuel - domingo, 08 de diciembre de 2024
Esta vez cae en domingo a festividade da Inmaculada, coincidindo esta co segundo domingo de Advento. Ímonos, pois, centrar sobre todo na festividade mariana, aínda que sen esquecer o tempo litúrxico en que estamos, que é tempo de espera e esperanza. Así foi tamén o tempo todo de María, á espera do nacemento do seu fillo Xesús e tamén, trala súa morte na cruz, á espera da súa resurrección.

En relación coa festividade da Inmaculada Concepción, podemos dicir que María foi a primeira crente, a primeira cristiá. Con anterioridade incluso ós mesmos Apóstolos, en canto que creu na palabra de Deus dirixida a ela e aceptou con humildade o convite de Deus para ela ser nai de Xesús, o noso irmán maior. Por iso podemos chamala tamén Nai de Deus, nai da Igrexa e nai da esperanza.

Pola súa fonda, íntima e inimaxinábel relación con Deus tiña que estar María lonxe de calquera forma de pecado dende o primeiro intre da súa existencia. É isto o que se quere en definitiva dicir cando falamos da "Inmaculada Concepción de María". De aquí provén a súa grandeza. Ela é a "chea de graza", tal como a invocamos na oración "Deus te salve, María, chea de graza...". Porque se estar en "graza" ou ter a "graza de Deus" significa estar a ben con Deus, non pode existir persoa humana no mundo coa que Deus poida estar máis a gusto ca coa Nai de Xesús.

Agora ben, para ser María a "chea de graza" tivo ela que lle deixar, para dicilo dalgún xeito, moito espazo a Deus para que el puidese habitar plenamente nela. Faise ela así pequecha de todo, ata se converter na "escraviña" de Deus. Integramente dedicada ao seu servizo: "Velaquí a escrava do Señor", dinos ela sobre si mesma.

María era totalmente consciente de que para que Deus fixese nela as súas marabillas non podía haber outro camiño có de ela non ser obstáculo algún á obra de Deus. É dicir: o de se recoñecer pequena ante a grandeza do poder e da bondade de Deus. É así como María se converte en verdadeiramente "grande". Recoñecerao no seu fermoso himno do "Magníficat", cando vai visitar a súa curmá. "Proclama a miña alma a grandeza do Señor, alédase o meu espírito en Deus o meu Salvador, porque ollou a humillación da súa escrava... O poderoso fixo obras grandes por medio de min".

Neste sentido cómpre ter en conta un detalle filolóxico que non carece de importancia. Refírome a que propiamente non deberiamos dicir sen máis de María que está "chea" de graza, senón que ela foi "enchida" (por Deus) de graza. Así o quere dar a entender Lucas cando escribe en grego"“kejaritoméne", que é unha forma verbal pasiva. Como se dixésemos: “Alédate, María, Deus encheute de graza”. Deste modo vén Lucas expresar que é sempre Deus quen toma a iniciativa, que a "enche" de graza. Por iso María acerta cando manifesta que foi Deus, non ela, quen fixo que nela xurdisen grandes marabillas.

Mais non deberiamos quedarnos aquí nesta obrigada loa de María Inmaculada pola grandeza que recibiu de Deus. Tampouco nos deberiamos limitar a lle agradecer a Deus as grandezas que realiza no mundo ao se facer fillo en Xesús dunha muller, María, que non por iso deixa de continuar a ser unha criatura humana como calquera de nós.

Porque a grandeza realizada por Deus en María é unha case incríbel mensaxe. Pois todas e todos estamos dalgún modo representados nela en canto "chea de graza”. A única diferenza está en que o que en María é xa "plenitude de graza", en nós, en toda a humanidade, é un proxecto que está Deus a realizar. Todas e todos temos un mesmo destino: deixármonos encher pola sobreabundante graza de Deus, un destino no que María vai diante nosa. Para así formarmos xunto con ela unha mesma e única comunidade de amor a Deus Pai e de mutuo amor entre todos.

Este é o destino do que fala o apóstolo Paulo na carta ós Efesios cando nela se nos di: "Deus Pai bendiciunos con toda bendición espiritual, en Cristo". Deus "escolleunos para sermos santos e sen mancha [é dicir, ‘in-maculados’]". Estamos "predestinados polo Pai a sermos fillos adoptivos seus". Fomos "2prelixidos... para sermos imaxe da súa gloria".

Agora ben, que significado ten todo isto alén de recoñecermos e agradecermos o grandioso destino que Deus nos ten preparado?

Penso que a grandiosidade da festa da Inmaculada está en que nos manifesta que cando alguén se entrega en corpo e alma a Deus pode Deus facer con el verdadeiras marabillas. Pode convertelo, como ocorre en María, en vivo e sorprendente instrumento de salvación para moitos.

María foi así quen nos trouxo ao mundo Xesús, que significa Salvador. Foi ela quen puido ter no seu colo o desexado de todas as nacións, o Deus feito home. Foi ela a que no seu fillo Xesús nos deu a todos a posibilidade dunha fraternidade universal. E non imaxinemos María como unha muller fóra do normal, recluída no interior de si mesma coma se o peso da súa gran dignidade a paralizase. Pois ela entendeuse sempre a si mesma como a""escraviña" de Deus, como muller sinxela, pobre, dilixente e traballadora, fiel coma ninguén a Deus e ós demais, espallando entre todos o amor recibido de Deus. Como podería ser doutra maneira a nai daquel Xesús que naceu e viviu toda a súa vida entre xente sinxela e pobre, identificándose con ela?
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES