O pasado día 9 soubemos do pasamento de Suso Ares, un veciño de Foz ligado ao mundo do mar... e ao mundo do fútbol. Neste último acadou unha meta significativa, ser o primeiro xogador da nosa vila en xogar na Primeira División do fútbol español.
Suso naceu o 20 de novembro de 1933. Era fillo da familia coñecida como "Os Quintanero". Seu pai, Eliseo Ares Rivas, e súa nai, Dominga Otero Gallo, formaron un fogar que tivo 8 descendentes: Antonio, María, Eliseo, Abelardo (Lalo), Ramona, Anita, Moncho e Suso, o máis novo. Vivían no barrio mariñeiro, moi preto da Ribeira. Desde a súa infancia, a familia estivo dedicada ao mundo do mar. Eran donos dunha lancha da traíña de nome TRES HERMANOS (Folio 946) construída no estaleiro de Juan Mª Nécega Somoza no ano 1929.
Co paso dos anos, viñeron outras embarcacións: Antonio (Folio 1018), Eudosia (Folio 1021), Jesús del Gran Poder (Folio 1141), Dominga (Folio 1287), Delio (Folio 1392) que cambiou o nome por Quintanero, Ares Otero (Folio1552), Nuevo Quintanero (Folio 1599), Quintanero (Folio 1668), Hermanos Quintanero (Folio 1737). Os barcos tiñan o casco de madeira e a súa base estaba no Porto de Foz. Dedicábanse, principalmente, á pesca da sardiña, chicharro e bonito.
No ano 1967 construíron o Siempre Quintanero (Folio 3ª CO-2-3876), un barco con casco de aceiro e trasladaron a súa base ao porto de A Coruña para dedicarse á pesca de altura nos mares do Gran Sol, formando sociedade os irmáns Eliseo, Moncho e Suso. En 1972, a flota aumenta coa construción do Eliseo Quintanero, outro barco de aceiro para traballar no Gran Sol.
"Os Quintanero" son moi queridos na vila porque proporcionaron moito traballo e fixeron progresar a moitas familias. Nos seus barcos formáronse mariñeiros novos que logo chegaron a ser armadores.
Os seus barcos son coñecidos en todo o Cantábrico pola gran cantidade de peixe desembarcado en Foz e en diferentes portos do País Vasco e Cantabria, principalmente. José Pino dicía nun artigo do ano 2021 que Eliseo Ares Otero «Quintanero» pasa por ser uno de los patrones de pesca del elenco de los elegidos del Cantábrico. Abrió el camino de lo que hoy es la pesca en A Mariña y fue cabeza visible de una saga puntera.
O mundo do fútbol
Pero Suso tiña outros obxectivos vinculados ao mundo do fútbol. De pequeno estudou no Colexio do Sagrado Corazón (hoxe Martínez Otero). En 1948 comezou a xogar no equipo do Centro Deportivo Cultural Juvenil da man do Hermano Próspero, relixioso menesiano, gran afeccionado ao fútbol, que se encargou de reclutar mozos de Foz e alumnos do Colexio para formar o citado equipo. Os partidos xogábanse na Granda, preto do río Centiño.
A través do libro C.D. FOZ. Un Clube con historia propia, sabemos que o Juvenil xogou o 31 de maio de 1950 un partido amigable e venceu ao Juventude de Hierro de Ortigueira por 6-3, partido no que destacou Ares II (Suso, xa que Ares I era seu irmán Moncho). Foi o mellor sobre o campo con apenas 17 anos. Con moi boa posición, mellor precisión nas entregas, pases medidos e sempre ao compañeiro mellor situado. Empezaba a despuntar un gran xogador.
Daquela veraneaba en Foz un señor de Lugo coñecido como "Don Salus", directivo da Gimnástica Lucense -xogaba na 2ª División-, que lle propuxo fichar polo citado equipo. Pero, na casa, non viron con bos ollos ese futuro.
Nun artigo do xornal madrileño PUEBLO referido a Ares di: La familia de Ares es rica. Sus barcos de pesca son importantes, sobre todo uno, que es la envidia de la competencia. Ares, cuando dijo que dejaba la mar por el fútbol, tuvo disgusto familiar, pues los hermanos le dijeron que lo suyo era la pesca, la mar. Ares dijo que no, que a él el fútbol le gustaba más. Entonces le retaron: "Al tiempo: tú terminarás regresando a casa, el fútbol no es bueno, te asquearás de él". Ares, haciendo oídos sordos a esto, replicó: "Triunfaré a pesar vuestro".

Na temporada 1950-1951 xogou na Gimnástica Lucense. Ao remate da mesma desapareceu o equipo, e fichou polo Rácing de Ferrol, equipo da 2ª División onde estivo dúas temporadas e media (1951-1954).
A mediados de 1954, o Celta de Vigo fixo dúas fichaxes procedentes do Rácing, Ares e Blas Artime, cun contrato por 3 anos. Xa temos ao noso veciño nun equipo da 1ª División. Debutou co Celta o 4 de abril de 1954 en Valencia, sendo o único encontro que disputou ese ano.
O gran ano de Ares no Celta foi na tempada 1956-1957, con Alejandro Scopelli como adestrador. Con este home chegou Che Gutiérrez, un sensacional centrocampista arxentino que formou con Ares unha excepcional liña media. O noso veciño chegou a xogar 28 partidos de liga e anotar dous goles; un, na Coruña contra o Deportivo, e o segundo contra a Real Sociedad, en Vigo.
O nome de Ares vaise coñecendo. Nun partido Barcelona - Celta, o equipo local gañou ao Celta por 2 goles a 1. Na crónica deportiva dun xornal dise que foi un triunfo difícil. Na foto que acompaña a reportaxe vese a Ares e a Kubala na disputa dun balón.
Ao remate da liga 1956-1957 foi traspasado ao At. de Madrid por unha cantidade considerable, 1.250.000 pesetas, que supuxo rebaixar a débeda que tiña o Celta. Suso firmaba co At. de Madrid por 3 temporadas, a razón de 200.000 pesetas por cada unha. Neste clube compartiu vestiario con nomes moi coñecidos no mundo futbolístico: Peiró,

Collar, Mendoza... Mais, aquí non tivo sorte. O adestrador Daucík non contou con el nos seus plans e só xogou 6 partidos en Liga e 2 na Copa.
Nunha das conversas mantidas con Suso contábame: Na temporada 1957-1958 fomos sub-campións de liga. O último partido era contra a Real Sociedad, en San Sebastián. Como non podíamos alcanzar ao campión, o Real Madrid, Daucík puxo os xogadores non habituais... e gañamos 2-4, quedando o adestrador sorprendido e os xogadores, lóxico, moi satisfeitos.
Ao ano seguinte foi cedido ao Málaga (2ª División). O xornal PUEBLO, citado anteriormente, dicía: Ares, antes de partir para Málaga, comentó "Yo, la rabia que tengo es que me tengan arrinconado en el Atlético; estoy deseando que me traspasen, que me den la libertad. Quiero jugar, demostrar que sirvo para el fútbol". Entonces, como ignorábamos el reto familiar, pensamos que lo de Ares eran celos. Ahora vemos que no eran celos, sino orgullo de hombre de bien.
Rematada a tempada, volveu a Madrid, onde pasou o último ano vestindo a camiseta do Atlético. En 1960 foi traspasado ao Salamanca, equipo da 2ª División, onde xogou durante tres anos.
O 24-7-1960 é unha data moi recordada en Foz, xa que se celebrou un partido entre o C.D. Foz e o Arsenal de Ferrol. O noso clube estaba reforzado con catro xogadores do Atlético de Madrid: Ares, Mendoza, Amador e Lodeiro. Grazas a Ares, o público puido ver xogar en directo a xogadores de 1ª División.
Na época salmantina, Ares contraeu matrimonio o día 8 de xuño de 1961 na Igrexa do Mosteiro de Samos con María Rosario Pardo Prada. O novo fogar incrementouse coa chegada dos fillos Celia, Jesús e Ana.
Suso volve saír na prensa despois dun partido do Salamanca contra o Rácing de Santander no estadio "El Sardinero". Acompañando unha foto súa, hai unha crónica que di: ¿Quién estuvo como nunca... ayer, en el Sardinero? Ares. En los períodos de contención, el volante salmantino Ares fue el mejor hombre del bando visitante, dominando magníficamente su zona y derrochando entusiasmo en todos los momentos, imponiéndose por su velocidad y su genio para intervenir en cualquier situación. Cuando el Salamanca pasó a dominar, Ares se mostró como un volante ágil, con gran juego en sus botas, dando a sus compañeros de vanguardia infinidad de servicios. Ares estuvo en el Sardinero como nunca.
No ano 1963 fichou pola Unión Popular de Langreo, da 2ª División, onde xogou 3 tempadas. A prensa volve falar de Ares. Logo dun partido en Riazor contra o Deportivo, na crónica do mesmo podemos ler: "El que las pegó todas fue Ares. Dió un verdadero curso. Con limpieza, precisión, y además con fuerza y nervio para defender. Allí decían que jugaba pensando en el Celta, pero es absurdo, conociendo las características del chico de Foz que es un profesional integral y que desde que está en el Unión, da un rendimiento enorme (...) Ares ha estado hecho un coloso. Es jugador de recursos, temperamental. Su longevidad es estupenda, aunque solamente tiene 33 años (...) Para el año que viene lo tendremos de nuevo dando guerra".
En 1966, Ares abandonou o fútbol despois de xogar 15 anos como profesional.
Un día de verán, na terraza do Bar O Lar fíxenlle unha pequena entrevista a modo de resumo futbolístico. Estas foron as respostas:
- O teu impulsor foi? R/ O Hno. Próspero. Xogabamos na Granda.
- Anécdota de Madrid? R/ Nunha ocasión, Meana -seleccionador nacional español- dime "Ares, te tengo en la lista". Pero non cheguei a xogar na Selección.
- Entrenadores que destacarías? R/ O mellor que tiven foi Alejandro Scopelli, no Celta de Vigo. Tamén me gustaba Villalonga, no Atlético de Madrid, que logo sería seleccionador español, gañando a Copa de Europa (España 2 - Rusia 1).
- Algúns compañeiros cos que xogaches? R/ Azpeitia, Gutiérrez (internacional arxentino), Quinocho... No Atlético de Madrid: Mendoza, Peiró, Collar. Vavá (campión do mundo con Brasil)...
- Algúns xogadores aos que te enfrontaches? Di Stéfano (o máis completo), Kubala, Luís Suárez, Gento...
- Países nos que xogaches? R/ Co Celta, en Portugal (Porto, Lisboa). Co Atlético, en Francia (Lens, Metz, Nantes), Alemania (Colonia, Essen) e Italia (Cagliari).
En varias ocasións, eu recordaba o que me dicía meu pai cando navegaba no San Lorenzo de Foz: Se o barco estaba nos portos de Vigo, Xixón, Bilbao... e, se coincidía que o equipo local xogaba contra o equipo en que estaba Ares, algúns tripulantes ían ao fútbol. Suso conseguía as entradas, detalle que agradecían.
Unha vez retirado do fútbol, Suso volveu ter contacto co mar como armador de barcos, xunto aos seus irmáns Eliseo e Moncho. Aínda que vivía na Coruña, non deixou de vir a Foz asiduamente coa súa familia. Os últimos anos xa se estableceu na súa vila natal, nunha casa do barrio de Marzán, preto da Praia de Llás, onde pasou gratos días con Saros (a muller), cos fillos e cos netos, Jesús, Iago e Inés.
Suso, moitas grazas polos bos momentos que fixeches pasar como xogador, e tamén por todo o aportado no mundo laboral. Descansa en Paz.
Foz, 15 de novembro de 2024.