O amigo Moncho Villares vive en Compostela, porque a investigación e a docencia o levou a esa cidade, como lle gusta recordar en público e en privado, pero segue sendo un chairego que volve á súa terra sempre que pode. Moncho e Berta, a súa muller e compañeira de moitos desafíos, non só non renuncian ás súas orixes, senón que aproveitan calquera ocasión para recuperar forzas da man da auga e os aires que identifican a calquera dos pobos de aquí ou de acolá que conforman o mapa da Terra Chá. Calquera ocasión é boa para unha conversa agradable e enriquecedora nun outeiro chairego ou nun recuncho con encanto dunha natureza que reclama máis atención, coidado, protección e proxección.
Forma parte do colectivo da irmandade de chairegos fóra da chaira e recrea a súa memoria coas historias de

vida de boa parte dos chairegos que tiveron algún papel destacable na súa traxectoria profesional. Da súa prodixiosa memoria podemos dar testemuño os que con algunha frecuencia podemos cambiar impresións sobre o que acontece e o que pode vir. É un contador de historias, como o foron Manuel María, Darío Xohán Cabana ou outros chairegos ilustres dos que todos gardarmos un grato recordo.
A miña visión como xornalista e investigador universitario de Moncho Villares, cunha mirada de Balbino -é dicir, un ninguén-, é a dun neno de Cazás que asumiu desde pequeno o peso de chamarse Ramón -por don Ramón Otero Pedrayo, que coñece ben por ter estudado a súa obra e por tentar avanzar no que el comezou-. E sempre se atopou cómodo como o Ramón que segue o ronsel marcado polo tamén mestre Otero Pedrayo.
O don ramón de cazás destaca, en público e en privado, como un mestre tranquilo e intelixente que alimenta a ciencia sen renunciar á diplomacia branda, esa que camiña da man da cultura e a lingua, e a retranca -esa capacidade de rirse co interlocutor arredor da mensaxe posta en circulación na tertulia ou na tribuna académica-.
As súas habelencias como académico, amais do rigor e da honestidade que se lle reclaman a todos os que elixen esa vía universitaria, é a diplomacia branda, na que é un mestre, e a retranca, na que se move con soltura, bebendo nas raíces que identifican as nosas xentes do pasado recente e algúns do presente. Como se sabe, o sentido do humor depende, en boa medida, da cultura acumulada. E Villares paz forma parte da tribo de intelectuais galegos dos séculos XX e XXI.
O amigo Moncho zumega cultura, constrúe ciencia e proxecta bonomía e esperanza nos tempos convulsos e complexos actuais, os que nos toca vivir e nos que temos que movernos e actuar para camiñar cara a unha sociedade mellor e máis xusta.
Por iso e por moito máis, longa vida a este mestre chairego, historiador excelente, académico comprometido e amigo e cultivador da república das letras chairegas.