Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 04 de diciembre de 2024
Nun tempo baleiro

Quere chover, pero o tempo mantense. Quere orballar, pero non hai que contar. A non ser que diga que todo pasará cando teña que pasar, que nada é o que nada foi e que o baleiro é tan só iso... nada. Que de noite non todos os gatos son pardos e que algúns cans ladran cando acougan debaixo dos canastros. Porén, o lobo oulea de ansia e co rabo entre as pernas desde o alto dos Castros.
Quere saír un asubío polos meus labios, pero a morriña non me deixa nin colocar ben os beizos. Queren rematar as conversas cando aínda nin se iniciaron. Quere o sol apagarse, a lúa minguar e os astros escarallar todo o universo. Quere a soidade bailar unha polca cando, na realidade, nin tan sequera sabe o significado dun tango. Agora, cada quen, que lle busque tres pés ó gato. Mellor á aquel que non é pardo.
Desde o nobelo das pingas de orballo saen pensamentos, ideas e materias que quedan colgadas, aí, no aire, sen acabar de mollar as herbas da ansiedade. Se cadra o que ten que mollar son as matogueiras da saudade. Algunhas pingas enchouparán as ilusións, os soños dun ir e vir pola noite pecha. Que todo se dá, que todo hai neste tempo no que estamos.
Estou esperando a que chova, pero o tempo mantense. Espero a que orballe para que unha palabra vaia detrás doutra e, na finalización, quede completo o epílogo. Esa conclusión, ese remate no que todo acaeceu e nada se dixo, no que todo se dixo e nada significou e no que todo significado nin amosa silencio nin mostra ruído. Ó final todo quedou niso... nun tempo baleiro.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES