Boas tardes, begonteses e begontesas... Begontinos e begontinas...
Síntome moi honrado de poder acompañarvos a todos nunha data tan sinalada como o comezo do Nadal para todo o Concello...
Hónrame especialmente poder celebrar o Nadal nunha localidade como Begonte, onde

estas festas cobran un significado especial grazas ao papel protagonista dun emblema xa clásico do concello: o seu Belén electrónico...
O Belén chegou a Begonte hai 53 anos... Unha época na que a maior estrela do fútbol nacional era Gárate, do Atlético de Madrid... Na que Jeannette publicaba "Soy rebelde", John Lennon o seu "Imagine", Led Zeppelin "Stairway to Heaven" e Serrat "Mediterráneo".
Aquel ano, comezou a emitir RTVE en Galicia e en galego, dando maior visibilidade a canto acontecía na nosa Comunidade... e tamén en 1971 foi declarada oficial a riqueza histórica e cultural do centro histórico e da Muralla de Lugo. Sen embargo, por suposto, o máis importante foi a instalación do 1º belén eléctrico en Begonte.
Quen lle tería dito aos begonteses de hai 53 anos que o que entón parecía unha rareza acabaría sendo un dos maiores atractivos turísticos e culturais do pobo... e, sen dúbida, un dos maiores motivos de orgullo para todos os veciños.
O Belén de Begonte non é só un reclamo para os visitantes, como testemuña a súa declaración como Ben de Interese Turístico... Tamén unha imaxe simbólica da unión que define a este pobo, unha parte da súa identidade que prevalece ao paso do tempo, que se herda entre xeracións... E no que, aínda cos cambios que poda ter cada ano, mantén a mesma maxia que en 1972...
Entón, os esforzos do cura José Domínguez Guizán e do artestán José Rodríguez Varela puxeron un mimo distintivo para unha tradición case milenaria como é a dos beléns...
A Historia dinos que as primeiras representacións belenísticas estaban xa nos muros das catacumbas romanas, no século II... Case 100 anos antes de que o día 25 de decembro fose designado como data oficial de celebración do Nadal.
Tivemos que esperar até o século V para que por fin aparecesen os primeiros Beléns físicos, que o papa Sixto III creou dos fragmentos do "Santo Berce"... E que hoxe aínda se poden ver na Basílica de Santa María a Maior, convertida dende entón nunha das máis importantes de toda Roma.
Ao longo dos séculos, a imaxe que temos do Belén foi tomando forma: Primeiro, coa saída ao espazo público e incluso ás representacións teatrais do episodio do Belén no século VIII. ◦ Despois, coa primeira recreación do belén católico que inclúe a Xosé, María e o Neno, idea de Francisco de Asís na cidade italiana de Greccio /Grequio/, que entendía que así se achegaría a mensaxe relixiosa á poboación iletrada que non tiña acceso á Biblia...
Foi o propio San Francisco quen colocou a palla e os animais (que non aparecían na Biblia) coa disposición que aínda hoxe se ve en vilas e cidades de todo o mundo. A lenda conta incluso que o neno Xesús, levado pola emoción, cobrou vida e comezou a chorar e a estender os seus brazos cara ao Santo...
Foi tal o éxito do belén de San Francisco que moi pronto todos os pobos quixeron emulalo e cada un foi aportando a súa propia fórmula para facelo único: Dende a posta en escena con persoas reais que levaron a cabo por primeira vez en no século XIV... Ata o primeiro pesebre con figuras de madeira, exposto por primeira vez en 1534 en Nápoles...
E incluso no noso país, co belén monumental de Badaxoz, o viviente de Buitrago de Lozoya ou o belén mudéxar de Sevilla... Aínda que, como é lóxico, o mellor é o de Begonte, por suposto.
Con esta pequena viaxe pola Historia dos Beléns quero salientar que o que fai que un Belén sexa único, o que lle inculca a vida e a alegría que todos comparten, é o propio acervo popular... O espírito da Comunidade, a vontade humana, a tradición artística e espiritual únennos a todos en torno a un proxecto común... que celebra non só a chegada do Nadal, senón tamén que entre todos construímos os símbolos que nos fan ser parte desta terra.
Como dixen ao comezo, o Belén de Begonte é moito máis que a máis importante representación deste tipo que temos en Galicia: é tamén o corazón deste concello, un fenómeno que ano a ano renovan os veciños e que elevan a categoría de arte con novos engadidos de xeración a xeración.
Para escribir a historia de Begonte, basta botar un ollo aos cambios que experimentou o seu Belén, a transformación das pezas, o coidado na disposición...
Cada ano sobre estas datas, Begonte reinventa unha imaxe atemporal e, ao facelo, combina a tradición relixiosa universal coa creatividade na súa máxima expresión...
Máis de 50 anos despois, o Belén de Begonte mantén o seu poder cativador...inspirador... e tamén espiritual...
Se estas datas son para estar coa familia e para o reencontro, creo que Begonte se reencontra consigo mesmo en torno ao seu belén...
Confío que a longa tradición se manteña grazas ao traballo de xente como Xulio Xiz, e que este Belén siga sendo un emblema non só para o Concello, senón para toda Galicia.
Viva Begonte e viva o seu Belén! Moitas grazas a todos, e moi feliz Nadal!
(Pregón do Nadal en Begonte, lido por Román Rodríguez González, Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e F.P. da Xunta de Galicia)
Na fotografía, de El Progreso, o Pregoreiro con autoridades, convidados e directivos do Centro cultural José Domínguez Guizán.