A interesante e suxestiva tradución do meu poema "A cabeleira" ao griko ou greco salentino, a cargo de Leo Luceri, poeta e egresado da italiana Universidade de Salento, enriqueceu o colaborativo e solidario proxecto multilingüe en torno a tal composición, cuxas decenas de textos e gravacións audiovisuais en idiomas dos cinco continentes poden verse e escoitarse na páxina web
https://www.acabeleira.com/a_cabeleira_multilinge.html
Mais, a maiores, esta versión propiciou toda unha serie de comentarios en torno á tradución a linguas defectivas e minorizadas, entre os que destaca dende logo o artigo escrito en italiano polo propio tradutor co cómplice título de "Il griko non ha perso i capelli (sulle difficoltà della traduzione in griko)", publicado na revista Insula Europea o 16 de novembro de 2024:
https://www.insulaeuropea.eu/2024/11/16/il-griko-non-ha-perso-i-capelli-sulle-difficolta-della-traduzione-in-griko/?fbclid=IwY2xjawGl8bRleHRuA2FlbQIxMQABHZM71VX3unyPy8-vkyqadTZU9Iu8Fvq1WjXxo287Zk7srhJT-L3Adizcbw_aem_aO9l_LWPVg8gFW9l0OKggw&sfnsn=scwspwa.
A historia do griko remóntase á remota Antigüidade, cando os gregos colonizaron o sur da Península Itálica e a illa de Sicilia, dando paso ao que se chamou Magna Grecia, que acabaría integrándose na República de Roma. Mais a lingua grega desta rexión da Italia romana foi evolucionando en paralelo á falada na propia Grecia e, na Idade Media, confluíu coa chegada dunha significativa inmigración helenófona procedente do Imperio

Bizantino. Conviviu pois nesta área mediterránea o grego co latín e, despois, o griko, derivado do primeiro, co italiano, derivado do segundo, malia a progresiva italianización da poboación de orixe helena. Durante o fascismo, represor das minorías lingüísticas dende unha posición nacionalista centralista, acrecentouse a diglosia desprestixiadora do griko, estigmatizada como lingua de clase popular e ademais de orixe estranxeira. Actualmente, a minoría grecoparlante de Italia concéntrase en Calabria, onde resiste o greco calabrés, e en Salento, onde subsiste o greco salentino, pois xa non existen máis duns dous mil falantes de griko, que por certo se escribe co alfabeto latino e non co grego.
Esta fascinante historia lingüística, que permite gozar da supervivencia do grego en Italia e das súas fusións co italiano, idioma este ao que habitualmente recorren os falantes de griko cando non encontran expresións propias, chegoume a través da escritora e profesora Elisa Vázquez de Gey, antiga colega miña no Colexio Universitario de Lugo, que lle deu a coñecer o proxecto multilingüe de "A cabeleira" ao poeta políglota e profesor en diversas universidades do mundo Leo Luceri, defensor e promotor da supervivencia da súa lingua materna, o griko. Este activista involucrouse con ilusión, compromiso e eficiencia no proxecto, tanto a través da dificultosa tradución mencionada como do explicativo artigo citado.
En dito ensaio, Leo Luceri contextualizou histórica e sociolingüisticamente tal reto: "O griko é una lingua particular porque nos últimos séculos, especialmente despois da extinción do rito grego nas igrexas -xeralmente datada na segunda metade do século XVII- que supuxo a última persistencia dun uso elevado da lingua, se foi desenvolvendo de xeito exclusivamente oral e, pouco a pouco, cada vez máis limitado ao ámbito familiar dos estratos máis humildes da poboación. O léxico restrinxiuse así principalmente ao ámbito doméstico e agrícola e acabou empobrecéndose, sobre todo en termos abstractos. Poucos destes subsisten, como, por exemplo, algún relativo á relixión (perdón / fsichòrisi, confesión / afsemolisìa, graza / chari, etc.) ou ás relacións interpersoais (amor / agàpi, axuda / afidìa, separación / afsechorìa, etc.)".
E logo detallou como buscou as palabras en griko de maior afinidade cos termos de partida cando os propiamente correspondentes non existían, na procura da mellor restauración do sentido orixinal do poema: "Malia ter analizado detidamente tanto a tradución italiana de Ana Rosso como a tradución grega moderna de Theodora Grigoriadou, ambas presentes no proxecto, partín da versión orixinal, a do galego, para evitar a tradución ponte que podería distanciarme dos versos de Rodríguez Fer".
Os problemas comezaron xa no título e no subtítulo do poema: "A primeira dificultade veu xa polo título, posto que en griko falta a palabra que define o pelo ou cabelo. Ningunha axuda me puido vir sequera do termo 'κὀμη' (tamén orixe da nosa 'chioma' en italiano) usado pola tradutora ao grego moderno. Pero, por sorte, 'ao griko non se lle caeu o pelo' e puiden así recorrer á moito máis concreta, quizais menos poética pero aínda próxima, "maḍḍìa", mantendo así a referencia explícita ao pelo contida no termo galego 'cabeleira'". Para o subtítulo, "Fragmentos", concepto abstracto inexistente en griko, optouse por "Kòmmata" (pezas).
O mesmo problema houbo coa paréntese final onde se acredita "Tradución ao griko de Leo Luceri", pois as alternativas consideradas polo tradutor eran deixar "traduzione" en italiano, usar "metafrasa" como en grego (pero tamén presente en italiano) ou recorrer a un verbo griko como "votò / xirar" e logo resolver con "votimmèno e' grika / xirado ao griko", mais a sabia e entrañable decisión derivou de "pensar como se tería expresado neste caso un simple orador, por exemplo o meu pai. Creo que simplemente tería usado o verbo 'graficar / escribir' e esa é a solución que adoptei".
Mais, segundo a explicación do voluntarioso tradutor, "As maiores dificultades xurdiron na tradución de palabras totalmente inexistentes e para as que non encontraba un posible correspondente. É o caso de 'incerto, tribo, patria, estado, espírito, telúrico, contorno natural, naufraxio, sensualidade, labirinto'. Para estes lexemas, excluíndo a posibilidade de recorrer ao neogrego, porque sería artificial ademais de incomprensible para calquera grikófono, tiven que adoptar estratexias diferentes".
Nalgúns casos achegouse o máis posible ao equivalente galego, por exemplo, en "paìsi / país" para patria e en "fsichì / alma" para espírito. Mais noutras ocasións tivo que desviarse algo do texto orixinal, "utilizando dous adxectivos existentes en griko que, malia significar outra cousa, non cambiaban o sentido xeral do poema: 'incerto' traducino por 'anàfsero / inconsciente - quen non sabe' e o adverbio 'sensualmente' por 'alòcharo / contento - feliz' porque non encontrei nada que puidera achegarse á mesma esfera semántica". Ao dicir de Leo Luceri, resultou aínda "máis complicado" traducir "sentido telúrico do contorno natural", pois "sentido" pode ser traducido por "nòima", pero "telúrico" e "contorno natural" non teñen equivalencia en griko. Para "telúrico", dado que o raro termo "ghi / terra", aparece nos dicionarios, inicialmente pensou en posibles calcos do neogrego 'γἠινo' como "ghìino / ghiinò / ghistò", pero renunciou ao risco de crear neoloxismos conservando a palabra "ghe".
Finalmente, tanto para "contorno natural" como para "tribos", "estado", "naufraxio" e "labirinto" decidiu acollerse aos préstamos do léxico italiano, seguindo a "práctica común e aceptada" entre os falantes de greco salentino de adoptar préstamos do dialecto de Salento ou do italiano estándar cando "o griko non ten palabras equivalentes, xa estean grikizadas -por ejemplo 'pensèo / pensar' - ou deixadas tal cal".
A partir desta exemplar tradución, Leo Luceri chegou a interesantes conclusións: "Esta experiencia de tradución demostra que o griko segue a ser unha lingua viva, maleable, e que, a pesar dalgunhas dificultades, consegue adaptarse a linguaxes máis complexas que as cotiás. Deberiamos, non obstante, comezar a reflexionar sen tabús sobre a necesidade de crear algúns neoloxismos para ampliar o léxico e entendo que os nenos máis pequenos, que quizais teñen unha relación menos sentimental e nostálxica con este idioma, sexan capaces de facelo. 'Su whatsappèo avri / mándoche unha mensaxe de whatsapp mañá', dixo una rapaza que segue o taller de lingua grika realizado en Martano (Lecce), o que me deixou feliz e admirado pola espontaneidade do uso. Ademais, permanece a emoción de ver o texto griko na páxina web do proxecto 'A Cabeleira' e, a través do vídeo adxunto, tamén de escoitar resoar os fonemas típicos desta lingua minoritaria e humilde, xunto aos de linguas moito máis difundidas e faladas, como o inglés ou o español, ou moito máis nobres, como o grego clásico".
En suma, Leo Luceri realizou todo un exercicio integral de tradución semiótica con tanto esmero ético como acerto estético. Así o percibiu a tradutora de "A cabeleira" ao grego moderno, a profesora e hispanista tesalónica Theodora Grigoriadou, por certo afeccionada á música greco-salentina, quen me comunicou dende Atenas que tal versión lle soaba a "melodía". Tamén a profesora e hispanista greco-boliviana Tatiana Alvarado Teodorika, quen como a anterior foi rapsoda de "A cabeleira" no recital multilingüe de Madrid en 2024, apelou á súa escoita encantada coa versión: "Qué precioso encontrar la chora con ajelade, en ese kosmo makrèa, ese que agapò". E, igualmente, a pintora ateniense, oriúnda de Lesbos, Sula Repani, habitual rapsoda de "A cabeleira" nos recitais políglotas en Galicia dos anos dous mil vinte, felicitouse da existencia de tal tradución: "Encántame o griko porque é como escoitar grego con acento italiano". Mais tampouco faltaron, por suposto, outras manifestacións de alborozo procedentes de Galicia e de Italia, pois á curiosidade polo abraiante descoñecido e á fascinación pola fusión intercultural adoita unirse a solidariedade entre os pobos e as súas linguas, cuxo libre e permanente uso desexamos e defenderemos sempre fraternalmente dende Galicia.