A UNED Senior Coruña recibe sus clases de Historia de Galicia
na Sala de Exposicions Porta Miña e nas Cloacas da Muralla de Lugo
Este centro, ubicado no antigo matadoiro municipal no barrio do Carmen, alberga unha exposición permanente sobre a vida cotiá na cidade romana Lucus Augusti.
A través de carteis, audiovisuais e restos arqueolóxicos atopados en diferentes excavacións coñecemos a estrutura e evolución da cidade, os sistemas de abastecemento de auga e evacuación de augas residuais, os oficios, os rituais funerarios e relixiosos.
Coma no resto das visitas a museos de Lugo unha atenta e eficaz guía acolleunos e explicounos o contido da sala, neste caso, os pormenores do que se coñece do pasado romano da cidade.
O lugar foi elixido polos romanos debido a que estaba localizado no alto, rodeado por dous ríos e contaba con abundancia de acuíferos e materias primas.
Comezou coma un campamento militar establecido durante a conquista do noroeste da península (do que non se atoparon restos).
No s. I a. C. Paulo Fabio Máximo, legado do emperador Augusto, funda a cidade, unha cidade aberta, artellada arredor de dúas vías principais; na intersección destas atopábase o foro, situado nun extremo da cidade, adaptándose ao terreo (o habitual era que o foro se situara no centro da poboación).
O foro estaba formado por unha gran plaza, o templo e a basílica (edificio público destinado ao tribunal).
As domus, vivendas unifamiliares nas que habitaban os romanos ricos, situábanse nas cercanías das vías principais e do foro.
Os demais habitantes vivían de alquiler en edificios de varios pisos organizados en ínsulas, nos barrios máis alonxados.
Moitas das beirarrúas estaban porticadas.
As actividades económicas principais eran a agricultura, a olería e o comercio, das que nos falan os restos de muíños, de cerámicas importadas e locais, as moedas e xoias atopadas.
O abastecemento de auga facíase tanto mediante pozos coma a través de canalizacións que percorrían as rúas dende un alxibe central, ao que chegaba a auga grazas a un acueduto conectado a un manantial situado fóra da cidade. As tubaxes eran de cerámica ou de chumbo.
Non se atoparon restos de edificacións adicadas ao ocio, seguramente porque era unha cidade esencialmente administrativa, pero sí de xogos de mesa e outros pasatempos.
Nos diversos ritos funerarios e relixiosos obsérvanse influencias orientais e cristianas, como xa vimos en anteriores visitas.
A construción da muralla nun momento en que o Imperio romano se ve ameazado cambiou a fisonomía da cidade, perdeu espazo na zona SO e gañouno cara ao norte.
Algunhas rúas remodeláronse, perderon os pórticos e construíron dúas grandes cloacas que levaban as augas residuais ás aforas da muralla.
A peza máis salientable da sala e o resto dunha das cloacas, atopado durante as obras de remodelación do edificio.
Eran dúas as cloacas que percorrían a cidade, construídas con pedra da zona, de forma abovedada, cunha altura que ía dende 130 a 160 cm e anchura duns 60 cm.
O ocaso da cidade romana comeza o domingo de Pascua do ano 460 cando os suevos a conquistan.