Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Bispo Maeloc (Fundador da sé episcopal de San Martiño de Mondoñedo)

jueves, 28 de noviembre de 2024
No século V, os saxóns invadiron o Sur e o Leste de Bretaña, polo que os bretóns víronse obrigados a fuxir do seu país. Un grupo conseguiu chegar a Francia, e alí fundaron a Bretaña francesa. Outro dos grupos que puideron fuxir, foi capitaneado polo bispo Maeloc. O pobo bretón e celta, á busca dun país o máis semellante ao deles, viñéronse ata a provincia de Lugo e despois de encontrar terreo deshabitado, fundaron nel unha cidade que se chamaría "Britanium", en lembranza á súa "Bretaña", dito lugar aínda existe hoxe e que todos coñecemos por "Bretoña". Claro está, esta tribo bretona, chegou por mar e para elo, tiveron que vir ou ao peirao de Ribadeo ou ao peirao de Foz para logo introducirse na hoxe chamada provincia de Lugo.

En "Britanium" (Bretoña) tamén fundaron unha sé episcopal de carácter persoal, dita sé collería forza no Concilio de Braga no século IX, e esa sé sería trasladada a Mondoñedo (hoxe San Martiño).

Polos anos oitenta da pasado século, o periodista Javier Lorenzo de La Voz de Galicia, escribía un artigo no que nos falaba deste famoso bispo Maeloc e os seus celtas bretóns, que andando por terras de Vilaronte, agocharon un fabuloso tesouro no monte Cornería.

Ao parecer, existe nun convento da Bretaña francesa, un pergameo que fala precisamente dese tesouro. O tesouro está no interior dun baúl de ouro macizo e entre outras xoias, contén unha enorme Diadema Azul á que se lle atribúen "virtudes todopoderosas". Quen atope esta Diadema Azul -segundo afirma o manuscrito- atoparase co legado dos bretóns e unha bendición dun alcance aínda sen descifrar.

Comentaba no artigo Javier Lorenzo, que foron varios os arqueólogos, tanto españois como bretóns, que se achegaron ao monte de Cornería con sofisticados aparellos de detección de metais, para ver se localizaban o famoso baúl de Maeloc, pero todo foi inútil, os detectores nada encontraron.

Dende o artigo de Javier Lorenzo ata hoxe, transcorreron uns corenta anos e mira ti por onde, ás veces parece como se o demo as armara, que fai poucos días no restaurante Portochico, estiven falando con Carlos Gil (Charly), xerente de MAREMASMA, empresa dedicada a dar paseos en lancha polo río Masma, clases de submarinismo, aluguer de bicicletas e todo o que lle pidas, comentoume algo que me chamou moito a atención.

Comentábame Charly, que facía poucos días, estando el e outros tres amigos mergullándose a menos de dúas millas náuticas da ría de Foz, encontráronse cos restos dun barco que nun principio pensaron se serían os do pesqueiro Jesús Nazareno, pero ao ver que tiña o que parecía un mascaron en proba, descartaron esa hipótese dándose conta de que o barco ara moi antigo e ao tempo, que non tiña pinta de ser de construción española.

Charly e os seus amigos, moi sorprendidos do achádeo, deron varias voltas ao redor do pecio e encontraron medio soterrada unha peza de louza. A louza era moi pequena e comprobaron que se trataba dunha teteira, cuestión que lles levou a confirmar, que efectivamente, o barco non era español, pois en España non é tan tradicional tomar te como para levalo nun barco.

Aos mergulladores de Maremasma, ocorréuselles enviar a peza á Pobra de Brollón para que lle fixeran a proba do Carbono 14 e aí vén a gran sorpresa, o Carbono 14 da como resultados que o pecio é do século V, o mesmo século da invasión saxona a Bretaña e á fuga dos bretóns.

Ao dicirme iso, ocorréuseme contarlle a Charly a historia da invasión saxona a Bretaña e de como Maeloc foxe cos seus fieis bretóns e fundan Bretoña e o famoso tesouro de Maeloc. Díxenlle, "Charly, remexede ben no pecio, non vaia ser que entre os cascallos do barco estea o famoso baúl". Charly botouse a rir e alegou, "ti sempre coas túas mofas".

A todo isto, pasaron como tres meses sen volver a ver a Charly e a semana pasada, volvinme a encontrar con el tomando un café en Portochico. Ao verme, Charly achegouse a min e díxome, "Xesús, ou es meigo ou moita intuición tes". Quedeime ollando para el e pregunteille, que por que mo dicía, e cando me conta a historia, o meu pasmo foi absoluto.

Contoume Charly, que a miña historia sobre Maeloc e o seu tesouro non lle caeu en saco roto, polo tanto, el á súa vez contóullela aos compañeiros e medio de carallada deciden baixar de novo a revisar os restos do barco. A inmersión fixérona varias veces e en varios días, pois sempre que baixaban encontraban algo de interese, ata que no terceiro día de inmersión e debaixo dos restos do barco e moi chantado na area, observaron algo que lles chamou a atención.

Volveron de novo a terra e colleron ferramenta adecuada para poder cavar para ver de que se trataba o que nun principio lles parecía un caixón de escasas dimensións. E así é, como se volven a mergullar e entre os catro foron movendo pedras, cascotes e area, ata que por fin conseguiron sacar o caixón que lle calcularon uns trinta quilos de peso. Subiron a arqueta á lancha deles e rumbo a terra de novo.

Efectivamente que se trataba dun baúl, pero Charly xa se decatou que non se trataba do tesouro de Maeloc, pois segundo o artigo de Javier Lorenzo, o baúl era de ouro, pero este era de madeira que se conservaba moi ben aínda que as bisagras e a pechadura estaban tan enferruxadas que houbo que rompelas para poder abrilo.

E aí vén a gran sorpresa. Charly e os amigos quedan fríos e pónselles a pel de galiña cando ven o que hai ni interior do baúl. Charly ao contarmo, poñíase emocionado e nervioso e díxome, "xúroche Xesús, que cando vimos o que había dentro, ata me caeron as bágoas e os meus compañeiros botaban as mans á cabeza, aquelo non tiña explicación".

Certo foi tamén, que ando Charly me dixo o que contiña o baúl, tiven que sentarme que me tremían as pernas. O primeiro que observaron que no interior do baúl todo o que había era de ouro e todas as pezas eran de carácter relixioso: Un crucifixo adornado de pedras preciosas. Había un cáliz que na base do seu pé, tiña unha inscrición en latín, idioma internacional nesa época, dita inscrición tiña apuntada Charly nun papel e que me ensinou, dicía NOLO ESE DATUS NEQUE BENUMDATUS. Ao oír o texto agarrei o papel que me amosaba Charly e volvino a ler e sorprendido díxenlle "Charly, isto significa "Non quero ser dado nin vendido", seino de memoria, porque esa inscrición é a mesma que ten o anel de San Gonzalo o Bispo Santo. Isto, amigo Charly, pode significar que o anel do Bispo Santo foi de bispo en bispo desde Maeloc a San Gonzalo, polo tanto, ese pode ser o baúl do que nos fala Javier Lorenzo en La Voz de Galicia".

Charly seguiu comentándome o que había no baúl. Tamén había unha patena e unha custodia e rompendo os esquemas das pezas relixiosas, tamén encontraron un torques e varias moedas, todo elo de ouro agás as moedas que eran de cobre. Pero o máis sorprendente foi, que efectivamente no interior do baúl, encontraron unha diadema azul que a Charly lle veo á mente a diadema da que eu lle falei do tesouro de Maeloc, pero a bendición da diadema azul, suponse que está aínda por chegar ou tan só forma parte dunha lenda.

Charly tamén me dixo, que tódalas pezas foron trasladadas por Patrimonio a Santiago de Compostela para facerlles o pertinente análise e limpeza, xa que despois de tantos anos baixo o mar, estaban moi sucias e necesitaban dun tratamento moi profesional e especial. Segundo lle dixeron a Charly os espertos, unha vez estudiadas as pezas irán para o museo provincial de Lugo. Non sen antes, dar unha compensación económica de varios miles de euros que lle corresponden a Maremasma e aos compañeiros polo seu achádeo.

Ao final, e tanto que eu sempre dixen que tal historia de Maeloc e o seu tesouro non existían, e si que existe, pero non estaba agochado en Cornería se non, fronte a Cornería, pero debaixo do mar, no mar de Foz e Barreiros.

NOTA: Esta historia agás o principio relacionado con MAELOC, que é certo, o resto é ficción, froito da miña imaxinación.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES