Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 29 de noviembre de 2024
Radio Macuto

Aquí, Radio Macuto, a emisora que nos ensina saber sen ver. Son as 20:20 e o ceo está escuro porque xa é noite pecha. Non hai volta de folla e nin tan sequera se ve a lúa en cuarto minguante. Normal, a pobre minguará tanto que é complicado vela na distancia.
En Radio Macuto, ás veces, tamén informamos de asuntos referentes ás linguas, ós idiomas. Pingas de Orballo Por exemplo, a vicedirectora da RAE (para os non entendidos, Real Academia Española), que responde ó nome de Carme Riera, clama contra o abuso innecesario dos anglicismos. ¡Por fin! Menos mal que xa non estou só nesta reivindicación. Aínda que eu usaba máis este tema cando acirraba en Galicia Bilingüe polo ataque que lle fai ó galego, e asegurando que tanto este coma o castelán si que estaban en perigo polos anglicismos. Aí está a proba: a propia RAE xa sabe que o asunto é serio. Aínda que, quen realmente debería tomar cartas no asunto son os medios de comunicación, que é onde realmente lemos todas esas palabras inglesas que nos invaden.
Desde o estudo central de Radio Macuto, e sendo as 20:33, tamén informamos dos vira chaquetas valencianos, que nunha semana pasaron de tirarlle barro ó Rei a ser aclamado. Isto demostra unha vez máis que, o primeiro lamazal estaba máis que orquestrado.
Desde Radio Macuto tamén dicimos que, ó final, saen as contas, o que se vía desde o primeiro día: as ansias de exterminio de Benjamin Netanyahu. A Corte Penal Internacional ordena detelo por crimes de guerra. Aínda que, nestes casos, do dito ó feito vai un treito. Agora, Radio Macuto corta a emisión ás 20:44. Que teñan boa noite.

Todo o que entra, sae

Debe andar por aí un martelo a darme golpes na cabeza porque me doe a máis doer. Serán os malos pensamentos, será a carraxe, será o demo que levo dentro. Porén, rillo nos dentes e tiro para adiante. A min non me vence un martelo mecánico dálle que dálle. Eu, nas enfermidades, sempre digo que todo o que entra, sae. Esta dor tamén ten que saír. Que remedio! E se non quere, xa a boto eu fóra. En principio, aguantarei coma os heroes.
Pingas de OrballoTodo o que entra, sae. Ou non. Ó mellor queda alí per secula seculorum. Non obstante, o detalle vai polo asunto de que se entra unha agulla, seguro que sae un fío. Se entra unha araña, sairá un elefante. Se entra un bico, máis seguro que saia un salaio. Un salaio de gozo. Se entra un cura, sae un ateo. Se entra un pecador, sae un santo sen conciencia. Se entra o silencio foi porque matou ó ruído. Claro que se entra o ruído... pobre silencio.
Ai logo!, a testán non hai quen me gane. A dor de cabeza xa noto que me colleu algo de medo. O martelo xa non golpea como golpeaba. Poida que tamén sexa eu mesmo o que me fago á idea de que non doe tanto; por aquilo de alardear un chisco, de que son heroe para calquera materia ou simplemente para quedar ben.
Si, algo diminuíu e, cando eu queira, minguará por completo. Porque así o mando e ordeno. Non me gustan as ditaduras pero, que carallo, son o ditador da miña saúde. Cando as hostes gripais ou enfermizas queren iniciar un proceso, non as deixo. En plan ditador. E non entran. E se por un aquel o fan... todo o que entra, sae.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES