Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 28 de noviembre de 2024
Hai que moverse!

Cansei de estar cansado. Solución: hai que moverse! Movo a cabeza, movo os pés, movo as pernas, os brazos e as mans. Movo todo o esqueleto. Xa semello outro. Máis lixeiro. Máis contento. Vou de aquí para alá e de alá para o outro lado. Tamén fun á caldeira de Disoutrolado, alá en Baños de Molgas, e ós Castros de Toén e de Cartelle. Por ir ata fun polo vento e vin polo aire. Así, tal cal. Ou tal como.
Pingas de Orballo Se movo o ollo esquerdo, convértese nun chiscar de ollo. Se movo o dereito, noutro chiscar. Se movo o peito, débese, por suposto, ós latexos. Os latexos deste corazón que latexa. A boca prefiro, en principio, non movela. Canto menos se fale... En boca pechada non entran moscas. Aínda que, cada vez que a abro, en vez de entrar moscas, saen sentenzas e arroutadas e quimeras.
Comigo tamén se moveu a esperanza, que estaba medio apoucada e bastante acovardada no baúl da inxenuidade. E moveuse a ilusión dunha primeira vez. Primeira vez en todo; nos anhelos, nos devezos, nos desexos, nos berros e no sétimo ceo. Comigo moveuse a inocencia e, despois dun tempo, a propia inercia.
Xa non estou canso. Xa esparexín os movementos a base de pensamentos, e os pensamentos co bambán do tempo, e o tempo para empregalo contento. Ou polo menos medio contento. Estaba cansado de estar cansado e agora xa perdín a noción do tempo que levo movéndome. Seguro que non tardarei en cansar de andar tanto, de moverme sen acougar. Pero, mentres, seguirei deica que non me queden máis folgos.

Ver

Vexo na distancia un pombo. Ó mellor é u gaio. Non se move. Eu si me poño en movemento. Non tardei en saber que era unha rula. A vista, ás veces, falla. Ou desexamos que falle. Por veces vemos o que non queremos, e viceversa. Sempre quero mirar ben para ver mellor. Mais a idade... A idade sempre acaba poñendo a cada un no seu sitio.
Vexo ríos e montañas e sei que vexo natureza. Vexo nubes brancas que, pouco a pouco, se volven negras e iso é como ver que a tormenta se acerca. Vexo o sol, vexo a lúa e vexo o universo sen fin. Vexo esperpentos bambeando sobre gallas de castiñeiro e desexos bailando un tango sobre os outeiros do peito. Vexo luz e escuridade, vexo leiras e marcos, vexo sachos e arados, e vexo bicos lanzados. E tomados. E saboreados.
Vexo, agora si, a rula que segue sen moverse e dándome a intuír que algo quere. Meto a man no peto para sacar uns grans de millo e quedo a medio camiño. O que pensaba que era unha rula, era unha pedra. Unha pedra con forma de paxaro. Maldita sexa, como nos engana o desexo, a ansiedade, a ilusión, o soño!
Vexo unha azulenta no niño e un avión no ceo. Vexo o toxo e vexo a aguillada. Vexo a penumbra e vexo a cama. Vexo a seca en Lindoso e vexo a riada en Baños de Molgas. Vexo o mar e o seu ruído é coma se o vira. Vexo a canella e vexo o carreiro. Por ver ata xa vexo algúns mortos e a santa compaña no seu peregrinar. Vexo un triángulo equilátero e tatuaxes sobre unha pel branca. Vexo o traxe de astronauta no faiado e a un cometa mandando a este mundo ó carallo. Agora si que xa non vexo nada.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES