Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 27 de noviembre de 2024
A curva da circunferencia
Estudei a posibilidade de... ser lanza ou ser escudo, de ser indio ou rostro pálido, ser bomba atómica ou rama de oliveira, de ser emigrante ou inmigrante, europeo ou africano, de ser treboada ou formar unha dana, e de ser valente ou covarde.
Tras varios minutos ou horas souben que son o Robin Hood da esperanza, o Clint Eastwood da xustiza, o Gandhi das xenreiras, o emigrante anónimo da miseria, o europeo con certa conciencia, o lóstrego que tan só alumea e o covarde de Víctor Manuel ó que lle treme o fusil na man e non quere matar.
Da nugalla pasei ó movemento. Co movemento chegou o desexo. Do desexo pasei á acción. Detrás da acción asomou o descanso. No descanso as ansias creceron. Coas ansias volveu a ilusión. A ilusión de seguir e non parar ningún día. E que os días sexan eternos.
Agora mesmo tamén son o asubío que sae dos beizos, o toxo bravo que alberga a flor amarela, o sorriso que asoma na noite pecha, o bico que se lanza ó vento. Son o berro. Son o silencio. Son o xemido. Son o consolo. Son o salouco e o reloxo que marca o tempo. Son os pés que andan ou as mans que traballan e acariñan. Son o verso. Son o poema. Son as pingas de orballo que caen. E son todo e non son nada.
Estudei a posibilidade de... ser astronauta ou submarinista, de ser guerreiro ou pacifista, de ser labrego ou ministro, de ser cadro ou pincel, de ser modelo ou inepto, e de ser sol ou xeo. Son a curva da circunferencia; que, por moitas voltas que dou, sempre volvo ó mesmo lugar, ó inicio da ecuación.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora