Tarde de ritmos compasados
No ceo asoman unhas pequenas nubes brancas e, todo o demais, é azul. O seu sorriso é azul. Unha pomba está a peteirar sobre as súas propias plumas; imaxino que facendo limpeza ou catando piollos. O seu sorriso é limpo. Ós cachos hai silencio e, por momentos, pasan coches que meten ruído. O seu sorriso destaca en silencio sobre o bulicio do momento.

Nesta tarde de ritmos compasados e o sol medio brillando, todo sucede con lentitude pero co espírito bailando un tango sobre a ilusión dunha noite pecha. O seu instante está cheo de incertezas. O seu tempo aboia polas augas da ausencia. Queda a señardade acubillada entre os fíos do nobelo, entre os farrapos do silencio.
Non teño medo do transcorrer do tempo, nin dos folios en branco que se enchen con poemas incompletos, nin da noite escura no monte Medo, nin das pingas de orballo que me mollan os cotobelos, nin do silencio que sobresae do seu propio silencio ou sobre o particular ruído. O seu tempo é dourado. O seu poema é tan só un verso. A súa noite é efémera. A súa pingueira cae, lentamente, sobre a inocencia.
Ninguén debe quedar parado nesta tarde calma para que a nugalla non se adentre moito nas entrañas. Hai que mover os fíos para que os sentimentos se cosan co desexo e para que o desexo se enguedelle cunhas circunstancias que van e veñen por un tempo incerto. O seu falar é alegre. A súa conversa é culta. A súa parola é clara, diáfana e coa realidade sobre a mesa dunha ilusión. O ceo segue azul. Ó lonxe escoito un berro. Todo o demais é silencio.