A marcha feita velocidade
Anda a banda sonora de "Big Hero 6", composta por Henry Jackman, a darlle ritmo ós meus pés. Ás veces a estes non é necesario poñerlles ningunha música, case nunca están quietos; nin ó andar, por suposto, nin cando estou parado. O nervio ou os nervios son a arma de fogo que dispara a esgalla.
Os pés, agora mesmo, téñoos cruzados por debaixo dunha cadeira. Estou escribindo no ordenador, cos cascos na cabeza, a música de fondo e os pés dálle que dálle á inquietude do momento, á nerviosidade do instante.

Xusto agora descruceinos e, zas, son as pernas, é dicir, os pés os que bailan ou tremen aínda máis rápido que cando estaban cruzados. Son a marcha feita velocidade. Máis dunha vez me teñen acusado de acelerado. Porque, verdade é, cando vou pola Valenzá semello un bólido a combustión, coma se me arderan os pés.
A noite deixa caer a escuridade sobre a Finca Fierro e o silencio deixa de ser silencio por culpa da banda sonora. Pero esta entretén, distrae e... faime mover os pés. Cada vez a máis velocidade. E dá igual que estean cruzados coma en posición de sentado coma unha persoa normal. Eu doulle ritmo ós pés, que é o mesmo que dicir de darlle ritmo ó sangue, á propia vida. Con música e sen música. A noite está caladiña, só eu bisbo, borboriño o que escribo. Porque si, hai tempo xa que acompaño a lectura ou o ditado mental cun borboriño, cunha murmuración que me está a dicir que a idade non perdoa nin para isto. De nenos liamos en alto e de vellos... Din que os vellos, dúas veces nenos.