Onde saían os atracadores? Da feira de Sarria.
Na feira de Sarria, que era os días 6, 20 e 27 de cada mes, había un señor cunha parella de vacas ao que meu pai llas comprou. Tería eu uns 13 ou 14 anos, e sería polo ano 1938.

O vendedor tiña canda el unha filla, e díxolle á filla, que era de Láncara, no momento en que meu pai lle pagou as vacas,
- Toma os cartos e vaite no coche da feira e ten coidado que non chos rouben. Eu voume na burra polo travesío e non levo cartos.
Contestoulle a filla:
- Papá! Leve algúns porque se non leva ningún hanlle pegar.
Vaise o home e colleu algúns cartos e marcha na burra para a súa casa, pero en pasando a feira, aló pola veiga de Sarria había tres homes esperándoo. Pedíronlle os cartos da primeira vez e el non quixo entregárllelos, despois pegáronlle unha tunda, metéronlle a man no peto e sacáronllos.
Na feira seguinte volveu vernos ao papá e a min e contounos o caso que lle pasara dicindo
- Mira que se non lle dou os cartos á filla, róubanme as dúas vacas.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero