Sen pena nin groria
Editorial - lunes, 08 de junio de 2009
A romaría foise co día. Xa o noso refrán afirma que pasou o día, pasou a romaría. Todo é efímero e polo tanto tamén a paupérrima campaña electoral, os floxos argumentos empregados, o escaso ánimo do electorado, a xornada gris das eleccións, e o resultado que contenta a case todos: Uns, porque se declaran satisfeitos vencedores; outros, porque pensan que puido ser peor.
Despois dunhas eleccións, a tentación informativa é a de animar ós gañadores a disfrutar do triunfo traballando, e ós perdedores a apoiar a acción gobernante loitando noblemente polo voto no futuro.
Neste caso é máis difícil. Tanto nos alonxaron de Europa estando dentro dela; tanto se alonxaron de nós, sendo os nosos representantes; tanto nos furtaron a representatividade e a información sendo nós europeos de pleno dereito aínda que parezamos europeos a distancia, que cumpridos co noso deber electoral, obtido o resultado previsible e coñecido, nin siquiera agardamos que fagan un traballo brillante. Gostaríanos que fixesen todos un traballo mínimo que xustificase a súa presencia, a nosa preocupación, e as nosas necesidades. E que alguén se esforzase por facérnolo saber.
Porque o goberno do Estado xa se preocupa en que asumir que o primeiro semestre de 2010 vai ser o Presidente español o titular da Unión Europea, cos correspondentes fastos e o xa anunciado parangón cunha conxunción planetaria anunciado por unha destacada militante do Partido socialista.
Non será doado en casos así barrer para a casa, pero conformarianos saber que a casa está ben representada, e que os deputados europeos elixidos esste domingo se preocupan polo seu traballo e por nós.
A xornada pasou sen pena nin groria. Agardemos que os nosos representantes non pasen do seu papel.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora