
Meu fillo Antonio e máis eu fixemos mil kilómetros (cincocentos de ida e outros tantos de volta) para ir comer capón de Vilalba, en pleno maio, en Madrid, dentro das degustacións que organiza a Cofradía do Capón, que preside Domingo Goás.
Comín capón de Vilalba tendo ó lado a don Antonio Mingote, enfronte a Alfonso Ussía e á dereita Ramón Pernas, o escritor que dirixe a cultura no Corte Inglés. E a pesar de que Ussía proclamaba a excelencia duns capón dos que non lembro o nome, todos ó final confesaban que o mellor do mundo mundial é o capón de Vilalba comido ó mesmo pé da Porta de Alcalá, miralá, miralá.
A verdade é que facer mil kilómetros para ir comer capón de Vilalba fai dubidar da racionalidade do que o fai, pero non nos arrepentimos de nada, e de paso puidemos asistir en vivo e en directo á toma de posesión do chairego de Pol José Ramón Ónega como Delegado da Xunta en Madrid e Director da Casa de Galicia.
Como en cada unha destas degustacións se nomea Cofrade de Honra a algún dos asistentes, tres foron os que recibiron esta dignidade no xantar madrileño: Alfonso Ussía, Antonio Mingote e Enrique Santín.
Alfonso Ussía, de aceirada pluma e fino humor, que veu falar a Lugo haberá uns vinte anos, disfrutou do xantar cunha ledicia contaxiosa. O sobrio Don Antonio Mingote, que nos contempla con máis de noventa primaveras e a xenialidade da súa arte, tomou moi a peito o nomeamento. E Enrique Santín, avogado lucense en Madrid, que foi varias veces Delegado de Información e Turismo e outras diversas dignidades oficiais ademáis de presidente dos empresarios galegos en Madrid, renovou os seus vencellos coas terras lucenses. E todos vivimos unha xornada inesquecible.
Comer capón en Madrid o vintecinco de maio, na compaña de primeiros espadas da actualidade nacional, e facerlles confesar que non hai nada mellor que as cousas de Vilalba, sentoume moi ben.