Marco
Santalla, Iago - miércoles, 20 de noviembre de 2024
Cando digo Marco, non digo aquel valente neno que na nosa infancia partira na procura da súa nai. A nobreza daquel neno que nos abraiou nada ten que ver cun personaxe escuro e delirante como é Enric Marco de profesión impostor. O citado dedicou a súa vida a dar conferencias como vítima do holocausto no campo de concentración de Flossenbürg. Recibiu importantes condecoracións como a Creu de Sant Jordi e, incluso, escribiu un libro coas súas falsas experiencias. Entre outras cousas, afirmaba ter sido amigo de Durruti ou exercer como secretario xeral da CNT.
Quizais, o máis significativo desta historia é que, unha vez retratado ante a realidade dunha maneira fidedigna por Benito Bermejo, Marco seguiu defendendo a súa historia ata o último alento. Evidentemente, acabou repudiado por todos e, incluso, cuestionado con forza pola familia.
O que me chamou a atención desta historia é como Marco era capaz de transmitir algo que el non vivira dunha maneira que emocionaba ás propias vítimas que deron por boa a súa testemuña ata que as probas de Bermejo puxeron negro sobre branco.
Evidentemente, a partir de aí, Marco non foi ninguén porque non merecía ser. Non en tanto, cabe a reflexión do que pode facer por unha causa alguén que se expresa ben e como a facilidade de palabra pode converter unha mentira en emoción e, polo tanto, nunha verdade pública.
Marco foi defenestrado por unha causa moi grave pero a súa historia lévanos a pensar cantos impostores presentes e pasados ficaron e fican sen descubrir a ollos da historia.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora