Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pedrón de Ouro

viernes, 05 de junio de 2009
Padrón, 24 maio de 2009.

Bos días, señoras e señores, dignísimas autoridades da Cultura, …do amor a Galicia! Señor Presidente, membros numerarios do Pedrón de Ouro, …Avelino e Isaac -presidentes de honra, Helena amiga e Presidenta da Fundación Rosalía de Castro, aquela das tantas auroras compiladas nos “Cantares Gallegos”; Dª Mariana Ploae, filóloga premiada co Pedrón de Honra, señor Fandiño presentador, mantedor-amigo David Otero, amigos do Bico na Balouta. Hoxe premiades co Pedrón de Ouro a dous humildes servidores –que o son por obra e graza da nación, do idioma, do Todo Cultural que desde uso da razón nos seduce. De non ser así, quizais non representariamos –e menos con este orgullo- ese mundo inmaterial da nosa Terra, ese p/matrimonio oral que acaba volatilizándose nun alalá ou na xuntanza feliz de voz e de palabra que contén o prognóstico dun pasado, onde se gaña o presente mentres pousa no corazón das nosas xentes para, superando os soños, facelos realidade e acadar un porvir feliz. Tampouco seriamos cantores deste noso cantar, ás veces desesperado, outras entrecortado e conmovido que bica alentos trasfegados por outras voces moi antigas, que nos chaman desde o fondo. Nesas andamos, algo diso temos. Pero é así porque así o queremos e porque así o quixemos, no noso egoísmo, seducidos -xa digo- no encantamento da Patria que nos mira.

Neste recoñecemento que nos facedes, sabemos estades implicadas moitas persoas de ben e habería que citarvos unha a unha, non é posible. A nós acórdannos primeiro os nosos, os da casa, as nosas familias que padecen as nosas continuas ausencias e quedan sempre co traballo, …os compañeiros de “A Quenlla” que saben sumarse á nosa obstinada teima con desprendemento, os informantes, cómplices das nosas pescudas, que con tanto amor e paciencia foron pulindo os seixos duros das nosas incertezas, das nosas ignorancias, …as amigas/os que confiaron cegamente en nós e nos deron azos, …as nosas alumnas/os que axudaron a buscar nas súas propias casas e arredores e que volveron sobre de si, falar cos veciños e avós para recuperar a fachenda de recoñecelos protagonistas da Lingua, da Cultura que crían doutros, ao vela nos libros.

…E tamén nos acordan Avelino Abuín de Tembra e Gustavo Santiago Valencia, valedores deste Premio, amigos que pasaron neste último ano. E os irmáns da resistencia férrea de cada día, e que nos aveñen con frecuencia á memoria, hoxe estarían aquí moi ledos: Manuel María, Chano Piñeiro, Xocas, Fiz Vergara, Suso Vaamonde, Sr Ramón da Gharabanxa, Laghares, Sr. Ramiro e Rafael e Elvira, tantos!. E vós todos, os de Lugo, os da Terra Chá, os de Xanceda e Boimorto, do Mº do Pobo Galego, os da Estrada, de Cangas, de Melide, de Chapela, Da Agolada, Raigame de Ourense, Os de Atreu, os da Xentalla do Pichel, de Redes Escarlata, de Teo, de Barcelona, Os da Memoria Histórica, os do Xoán de Requeixo, de Arzúa, os do Couto da Ponteceso, de Auxilia, da Poesía en Salvaterra, Airiños de Fene, Irimia e Encrucillada, do Moncho Valcarce, os de QQQoC, os de Volta e Dálle, da farándula, das Romaxes, do audiovisual, das escolas de danza, da Música –músicos e gaiteiros con conciencia- sobre todo os da Canción Galega e, aínda máis, os aqueles que nunca se venderon nin calaron, sendo vangarda dos nosos anceios comúns (Anxo Rei, Tino Baz, Miro Casabella, Mª Manuela, Pilocha…et), e tantos outros, como Garrido -o noso produtor- sempre apostou por nós, mesmo nas perdas e derrotas presentidas, …Mato, cura que comparte intensamente esta paixón e, lonxe de adoutrinarnos, inculcounos amor polo noso. Con eles e con vós queremos compartir este premio cheo de historia, de pureza e compromiso, que comporta e imprime carácter -diría Gustavo- impedindo esquecer obrigas para coa nosa orixe e a nosa Cultura con firmeza.

Nós, sentimos a obriga de buscar camiños sabendo que somos terra e é a terra a que nos posúe. Estamos chamados para seguir buscando na historia e no tempo ata tocar aos devanceiros, e enlazar o seu tesouro para pousalo dignamente nos que veñan. É lei de vida.

Pero vimos e vivimos no rural. Nel tocamos a terra e vimos del para –que menos!- volver por el. E estamos na obriga de dicir que este noso mundo da aldea esmorece e está nunha crise que non temos tempo tampouco a debuxar, ameazada polas economías do mundo e o esgotamento de recursos, onde nós somos o noso propio recurso. Pero hai outra crise, aínda peor, e provocada pola mentira e a opresión de intereses sempre bastardos que ataca a nosa propia existencia, tantas veces agochada na xente do común e do rural. Sen darnos conta estamos pasando a ser definitivamente colonizados por quen nos rexeita desde a súa ignorancia. E nós, semella que nos deixamos ir submisos, discriminando o propio a favor do alleo, os nosos valores, a nosa identidade, os nosos dereitos… Neste exterminio incomprensible que non nos cabe na cabeza, e menos no corazón, seguimos aguantando leis de malabarismos malévolos, de pirotecnia verbal na que se refuxian as frangullas dun reparto inxusto, partimos dun constrinxido estatuto de autonomía que non resolve e que nos subordina, cheo de limitacións e dependencias, de permisos sen competencias, de restricións para sermos, de desconfianzas fraudulentas que mesmo quixeran reducir dereitos que outras cartas superiores amparan, non saben nin deixan reparar as miserias que arrastramos de vello, as malas infraestruturas, os malos servizos que nos discriminan negándonos, para instalarnos nun soño virtual dun mundo inexistente no que a modernidade caduca antes de chegar, …esquecen as débedas históricas e a función reparadora da xustiza, chámanlle “bilingüismo” á diglosia porque seguimos na súa periferia, en provincias, cun esperpéntico plan de emprego que nos obriga a emigrar e a recibir inmigrantes, eles chámanlle “mobilidade laboral”, con pensións e xubilacións inxustas e inferiores ás deles, con contaminación de todo tipo, …mesmo nos levan os beneficios do vento! Empresas, privadas de escrúpulos e alleas, rouban as nosas materias primas, ah! pero deixan aquí o lixo, os enterramentos ilegais e contaminantes, as horribles formas que rompen a paisaxe, os vertidos pestilentes, as queimas de montes dos escuros intereses de mercado, e traen construcións perversas que danan ata os máis baixos niveis de sensibilidade, …porque os autores son tamén corruptos e non lles importa especular co noso ben público, os aqueles máis prezados. Ah, e tamén temos unha Igrexa fosilizada, aínda de costas a nós, que evoca palabras enormes que, logo, non quere comprender nin practica,…e seica falan de Amor! Así imos, mentres todos os indicadores amosan intentos deste suicidio existencial, todos eles se enchen a boca falando de igualdade e liberdade. Nós queremos liberdade, a nosa liberdade, non a deles que exercen o abuso mesmo para falar por nós e suplantarnos. Nós queremos a que nos permita ser quen somos! Agora mesmo esixen, despois de estaren agardando a nosa agonía, …esixen igualdade, cando resulta tan doado abater a quen está ferido, non lembran as prohibicións seculares, as persecucións e agravios atroces que nos partiron en cachos. Liberdade e igualdade…, para xogaren outra vez con vantaxe. Palabras e manipulacións nas que están axudados dos compracidos medios de comunicación e certa caste de intelectuais cómplices de tanto exceso ou de oportunísimos silencios. Catedráticos de oficio e orificio que van en procesión acompañando aos verdugos que se pintan vítimas, cos agresores que se finxen agredidos, …e que se presentan mártires da ofensa que lles produce, …fíxense: a nosa identidade!, …a nosa memoria! Dóelles, que acordemos pasaxes enfermizas con sentencias de morte nas cunetas do medo. Pois non, non queremos que se conte do revés a nosa Historia, tantas veces mal contada. E aínda queda o peor –non se escandalicen- mentres nós seguimos coas ansias reprimidas na impotencia, calados na educación, con problemas de soidade e incomprensión, de illamento, …queda o peor: estamos negados de futuro para os fillos, hipotecados no porvir dun prato de lentellas e nas mans de políticos irresponsables que, aínda non resolvendo, véñennos furgar nas feridas. Xa o vedes.

Aínda así, …ninguén volve pola fouce! Semella que esquecemos a ferramenta eficaz e máis prezada, …a de xuntos rebelarnos contra o abuso, a mentira, o medo, a extorsión, a inxustiza. Aquela fouce do avó, a de Curros Enríquez, que tantas veces acordamos afiar, está -de momento- entre as silvas, no medio das sombras, onde enferruxa descoidada.

Que nos están deixando sen xente, sen o uso e a práctica de sabernos posuidores de tanto! Que nos deixan sen ter de qué vivir. Que nolo trocan por outras formas, que nos rouban o noso, e vén esa industria feroz a esnaquizarnos, a obrigarnos a correr e ser competitivos, para producir máis a custo de inmolarnos vivos! dinamitando os modos de vida e de sobrevivencia (no sector gandeiro, pesqueiro, lácteo, forestal, artesanal…). Perdoade esta teima, reivindicamos eses recendos orixinais da vida, os máis sinxelos e sosegados porque, anque humildes, son máis humanos e respectan o medio e garanten futuro. Queremos movernos entre as paisaxes de sempre e no respecto aos espazos e das pequenas toponimias secretas que aínda con só nomealas, nos marabillan. Esas que deron nome en propiedade a este, noso curruncho do mundo, que se detén no tempo e, sen descanso, se perde na boca de tantos redentores de turno. Neste barco estamos, e aínda así, cantamos e cantaremos, …ese alalá incandescente, que a nós nos aquenta e aos soberbios abrasa, así, defendendo a Nosa Voz, e chamando as cousas polo nome… O problema non está na convivencia de pobos e de linguas, non, está na actitude de quen nega a existencia da diversidade e tenta aniquilar os elementos de cohesión e liberdade! E como? Pois reducindo a capacidade de rexeneración -aínda desde a precaria lexislación que hai, abusando da posición dun poder que demoniza as discrepancias e nega, sendo despectiva, aos que coidamos que outro mundo mellor é posible. Fan da xustiza balanza desequilibrada que “obriga” a coñecer o castelán pero que “invita” a aprender o galego, …repartindo frangullas, forzando a unha identidade asimilacionista, imposta e que anestesia con campañas mediáticas, con subvencións e abalorios controladores, e onde nos sinalan a nós como pecadores, malditos e luxados de vergoña e autoodio. Saberán, nós o sabemos, que a nosa Lingua é unha lingua primordial e única, única chave da nosa liberdade e que nos conducirá a todos cantos outros códigos queiramos entender e coñecer, cantos máis mellor. Non, non nos poden roubar o noso, nin a esperanza, nin a nosa vontade de ser. …E sempre haberá unha cantiga! Sen concesións e, se fai falla, tamén para abolir calquera intento ou sistema que nos agrida e queira condicionar. Sempre será unha canción e unha loita en defensa propia!
Levamos anos nesta esquizofrenia de querer ser, e seguiremos para adiante sen atender ao “ninguneo habitual” ou aos desprezos, aos “acenos educados e aparentes”, aos silencios que nos fan sentir “raros”, “forasteiros na propia casa”, coma se estiveramos equivocados ou debéndolle algo a alguén, ou no peor dos casos sendo “tolos, parvos ou necios ” que lle botamos á melancolía un certo inconformismo anárquico e ferrados de utopía.

Por iso, hoxe, a vós: “grazas” de corazón. Por cargar as nosas pilas e asumir esta teima, levados da emoción que expresa Amor, Beleza e Orixe. Sentímonos orgullosos: sabemos que participades connosco dela. É a necesidade de ser. Amamos esta Terra e dóenos, tanto que mesmo nos doemos nós. Porque sabemos -así nolo ensinaron- que Galicia -parafraseando a Novoneira- pode e debe ser outra cousa! E é máis, para ser outra cousa non necesita venderse- señores… os do esperpento e o absurdo, os que queren limitar en porcentaxes a nosa voz -como se fose un ciclo produtivo- aniquilándonos. Vosos seguirán sendo os muros da incomprensión, nosas seguirán sendo as pedras. As da razón, da forza e a defensa, as da fouce do avó. A grandeza non é de quen máis ten, senón de quen é e sabe ser. Estaremos aquí para destruír os complexos do voso muro, creados por vós para ofendernos. Estaremos aquí para reconfortarnos no amor propio e na autoestima, antídoto contra a aniquilación que propoñedes! Resistiremos, como non, na lembranza agradecida que nos comprace, permitíndonos ser e estar no mundo en propiedade, e nunca de prestado, para así mirar de fronte o futuro e garantir moitas máis de 1000, as primaveras (…que sempre nos pareceron poucas) para a Nosa Patria, para a Nosa Lingua!

Grazas por estar aquí, por ser quen sodes, por ser amigas/os. Grazas por este bico nos ollos. Saúde e cante o merlo. Que o cuco xa cucou!
Mero.

Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES