Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lendas

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 21 de noviembre de 2024
As flores da laranxeira no cadaleito

Nunha ocasión, había un grupo de nenos xogando no barrio da Ponte Vella en Fazouro. Un barrio pequeno onde todos se coñecían, pero todos ou case todos os veciños xa eran xente maior.
Unha das vellas dunha das casas do barrio, berroulles aos nenos e díxolles "nenos, vide acó que vos quero contar unha curiosa historia de amor, unha historia de San Valentín". Os nenos achegáronse a xunto da señora que estaba na soleira da porta da súa casa. Mandoulles entrar á cociña, e sentados ao redor da lareira, púxose a narrar a historia. LendasOs nenos ollando para ela con caras de misterio, e no máis absolutos dos silencios, que case nin respiraban:
"Veredes, lles dixo a vella, fai moitos anos, había aquí no barrio da Ponte Vella unha rapaza e un rapaz que estaban moi namorados. O seu amor era incomparable. Un amor que xa máis ben parecía enfermizo. Non vivían un sen o outro.
Un día, os dous noivos, deciden casar e comezan a tratar de como facer a súa voda. Tiña que ser algo máxico e diferente. Unha voda que fose soada en toda a contorna, de norte a sur, de leste a oeste.
Ledos estaban os nosos noivos preparando a súa voda, pero o que menos esperaban é que a noiva, enfermou de tises galopante (tuberculose), e en pouco tempo a moza morreu.
O noivo, non puido superar a morte da súa amada, ata o punto que psicoloxicamente sacouno dos eixos e perdeu o norte da súa vida".
Aquela vella, contáballe aos nenos, que o noivo estaba como ido, totalmente fóra de lugar e comezou a abandonarse tanto psíquica como fisicamente, pero iso si, que ía tódolos días ao cemiterio visitar á súa amada.
Pero é máis, que nunca fallaba no día de San Valentín, o día catorce de febreiro de cada ano, en levarlle un ramo de flores da laranxeira (flores de azar).
Os anos transcorrían e o noivo sempre cumpridor coa súa amada, á que sempre e día tras días visitaba no cemiterio, e como xa dixemos, cando chegaba o florecer da laranxeira por San Valentín, leváballe as brancas e puras flores de azar.
O noivo foise facendo maior, xa era un anciá cargado de anos, e un día coma tódolos días en que foi ao cemiterio a visitar á súa amada, desapareceu para sempre. Os veciños do barrio da Ponte Vella, nunca máis o volveron a ver.
Os comentarios corrían pola parroquia cando o botaron de falta. Ninguén sabía nada de aquel home namorado. Algúns comentaban de se se tiraría ao río preto da igrexa no chamado Pozo da Ponte Vella no río Ouro. Outros dicían que se se tiraría ao mar e outros que marchou para borrar o seu pasado coa súa amada.
Pasado o tempo, a familia da noiva precisou do nicho onde estaba ela soterrada facía moitos anos, e decidiron sacar os seus restos para botalos no osario. Chegado o enterrador, lle narraba a vella ao nenos, sacou a lápida que tapaba o nicho e acto seguido os ladrillos con cemento e sacaron o cadaleito, pero ao abrilo, todos os presentes se levaron a grande sorpresa. Ao sacar a tapa observaron que no seu interior non había absolutamente nada, nin restos da rapaza, nin dos ósos, nin da roupa, o interior do cadaleito totalmente limpo de todo, agás nunha esquina do cadaleito moi ben colocadiñas, unhas flores de laranxeira, as flores de azar totalmente frescas como se acabaran de poñerllas".

Os murmurios no interior da igrexa

Como ben sabemos, son moitos os tipos de lendas que existen. Lendas que varían sempre no lugar onde se conten e da boca de quen as conte. Hai persoas que contando lendas fan unha auténtica maxia da súa narración e fanche vivila ata o final como se estiveses hipnotizado.
Pero, que é unha lenda?: As lendas son narracións de sucesos que se transmiten por normalmente tradición oral. Unha lenda é un relato baseado nun feito ou nun personaxe reais, deformado ou magnificado pola fantasía ou a admiración.
Contábaseme a min, que son moi amante das lendas, que en certa ocasión, unha Lendasmuller de Fazouro tivo por suma necesidade que saír case ao anoitecer a buscar herba para os animais que tiña na casa.
O prado de onde esta muller segaría a herba, estaba moi preto da igrexa parroquial. Unha vez no prado e sacado o lampo, púxose a cortar unha pouca para saír do paso, porque se facía noite.
Cando xa tiña máis ou menos a herba necesaria e se dispoñía a marchar, sentiu como un estraño murmurio que procedía do interior da igrexa. Un murmurio como se houbera xente rezando.
Estrañada a muller de sentir o murmurio e á vez, tamén estrañada de que a esas horas en nun día de defuntos, estivera a igrexa aberta de noite e con fieis rezando, decidiu achegarse á porta principal e mirar o que pasaba ou por quen se rezaba.
Efectivamente, a porta estaba aberta de par en par e no interior, a igrexa ateigada de xente. Ao final, a muller entrou na igrexa e foi pouco á pouco observando que os rostros dos fieis que estaban rezando, resplandecían misteriosamente e non os coñecía ou identificaba.
Case xa chegando ao atar, unha das rapazas que estaba rezando e tamén co rostro resplandecente achegouse a ela e díxolle, "Mira, eu son a túa madriña, vaite canto antes podas e non te deas a volta, pois se te das a volta, a porta pódete matar". A muller toda asustada recordando que súa madriña facía moitos anos que morrera, fixo caso do que lle dixo a moza, e camiñando marcha atrás e así, saír canto antes da igrexa e que a porta non a matara.
Nunca máis soubo o que alí puido acontecer.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES