Luces de Nadal: 'Ouh que triste é andar pola vida!'
Campo Freire, Xaquín - martes, 19 de noviembre de 2024
Narón, 13-11-2024.
Por sorte non son unha persoa depresiva nin teño tendencia temperamental a inclinarme por unha visión negativa do mundo no que vivimos. Máis ben son positivo.
Desde Ferrol a Xuvia, na Estrada de Castela, vexo xa instalados os puntos das arcadas que van encher de luz e colorido un Nadal. Todo moi bonito pero moi anticipado e moi artificial. E este ano fíxome pensar ao observar contrastes que outros anos non percibía tan lacerantes no mundo que a cotío observo e no que me movo a pé de realidade.
Noto un incremento grande no número de pobres pobres. Deses que ves que lles dá vergoña pedir. Son xente nova, entre vintecinco e corenta anos. Principalmente homes. Algúns con estudos superiores. Tamén mulleres. Elas son máis capaces de verbalizar a súa problemática, non sei se porque a carga do xugo pesa máis do seu lado, coma sempre. Pero si vexo que a pandeireta do Nadal, Aninovo e Reis e cada vez máis un artificio para non escoitarmos aos outros que para bailar nunhas festas que non son tal.
Bauman fala da modernidade líquida: identidades semellantes a unha costra que por fóra dan o pego, que parecen estables desde un punto de vista externo, pero por dentro sofren a fraxilidade e o desgarro constante da inconsistencia. A mentira, os bulos, as fake news, (para falar máis en líquido), están invadindo o mundo. Non te podes fiar de nada e de ninguén. Multitude de chamadas que non acertas a saber por que saben tanto de ti e dos teus problemas, do teu banco e dos centros de saúde, etc.
O mundo converteuse nun cárcere grande, dentro e fóra das prisións. Os pobres son os que enchen os lugares dos pre-cárceres que conducen aos internamentos. E logo a rehabilitación e resocialización é unha utopía irrealizábel. Volves máis pobre e roto a un mundo máis empobrecido, onde unha acollida sandadora resulta irreal e sen condicións reais de posibilidade. Nin a sociedade a queremos en serio. "Que podrezan nos cárceres".
Aumentan os timos, e xeneralízanse os medos, as ameazas. Non podemos salvar nin os medios serios de información escritos, nos que antes confiabas, nin os falados e moito menos os audiovisuais que nos chegan polos móbiles. Que tristura e que mágoa!
Os políticos máis sonados, os que rexen as nacións máis grandes e os que nos gobernan a carón da casa, que coñecemos polo nome e nos van pedir o voto, as institucións nas que tiñamos tanta confianza e acreditabamos xustas e serias, entraron nun bucle, por veces inxusto, e xa non sabes quen é quen nin que principios éticos rexen eses organismos nos que estamos obrigados a traballar.
Os millóns de excluídos e refuxiados, de nenos que non chegan aos oito anos polas guerras, fame ou abusos. A restra de mulleres asasinadas ou traficadas. Os "vellos e vellas", (así lles chamamos), están cada vez máis sos, indefensos e convertidos en mercancía de negocio como sucedeu nas Institucións cando o do Covid, que aínda ninguén xulgou, nin estudou en serio e con claridade. E non parece teñamos moita vontade de facelo como sociedade. As comisións de investigación son vetadas ab initio.
Non. Non quero que desaparezan as luces do Nadal, porque precisamos un mundo de luz e taquígrafos, de xustiza, verdade, paz e de recordos entrañábeis, familiares e comunitarios. Necesitamos Panxoliñas e Nadaliñas. Aninovos e aguinaldos. Con Reis Magos e "dos de verdade", dos que temos en cada casa: as avoíñas e avós que nos contan fantasías e a nosa historia real e familiar. Que nos tiran amorosamente das orellas por estarmos matando e traizoando a nosa Lingua Galega, a nosa Cultura e Historia verdadeiras no concerto dun mundo plural, rural, obreiro e mariñeiro, artesanal e empresarial, que coma a enerxía, transfórmase e non debe morrer, nin ser destruído.
Non! Non quero un mundo de máis soidades, de máis "fake news". Claro que quero e exixo festa e celebracións festivas e xuntanzas de familia e de compañeiros de empresa. Non! Non quero un mundo de miseria e guerras, morte masiva planificada e ruína universal á que nos levan estes sistemas.
Que razón tiña Xesús de Nazaré, cando atado, xa par morrer, lle espetou a Pilato: O meu reino non é deste sistema, deste mundo, deste voso tinglado. (Xn 18,36).
O noso Curros Enríquez expresouno así de claro, pondo as verbas na boca do Deus Pai amoroso: "Se este é o mundo que eu fixen que o demo me coma!" E tiña razón. Este mundo facémolo nós. Fagamos un Bo Nadal, de xustiza, amor e condicións de paz e pacificador!

Campo Freire, Xaquín