Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 15 de noviembre de 2024
Ladrón de substantivos

Son o ladrón de substantivos sen substancia, sen fundamento, sen concepto, sen interese. Ou non; ó mellor tal ou cal substantivo ten interese de máis. Dependerá das circunstancias, ou dos desexos de cada un. Hai algúns substantivos complexos, complicados de descifrar, de analizar.
Pingas de OrballoRoubeille silencio ó ruído e, ó momento, quedou a señardade preñada de nugalla. Roubeille ruído ó barullo e case todo quedou en silencio. Case todo, non todo; algún que outro latexo, algún que outro berro asomaba polo medio do substantivo.
Este ladrón de substantivos busca a forma de, aqueles que rouba, gardalos no caixón do tempo, ou no recanto da memoria. Pois aínda que sexan insubstanciais nunca se sabe o que deparará a redacción da vida, mesmo a lectura da existencia. Gardará o asubío de Morricone, o Love Me Tender de Presley, o polbo no garaxe e a tatuaxe sobre unha pel branca e inmaculada.
Entremedias, roubareille minutos ó tempo, sorrisos ó demo, toxos ó monte Medo, lapas ós incendios, frases ós pensamentos, bicos ós peitos, a Amaral o universo, ó ruído o silencio, a rima ós versos. Por roubar ata son capaz de roubarlle as estrelas ó ceo.
Son o ladrón daqueles substantivos que asoman por todas as etapas dun ir e vir inquedo, moitos deles escondidos en lugares que marcan un antes e un despois do tempo. Roubo un xesto de aquí, roubo unha gargallada de alá, róubolle unha canción a Paula Fernandes e unha flor amarela ó toxo. E, por último, tamén sei roubar substantivos con substancia, con fundamento, con concepto e con interese. Hai substantivos moi ricos, moi necesitados e moi apetitosos.

Unha e máis nada

Cortei o cordón do embigo que me unía ó cortello dos porcos. Pasei para a corte das vacas. A diferenza é pouca, pero esta cheira menos que aquel. Son o fillo da Paxarola, a muller do Alabastro, e todos me chaman Agapito, O Pito. Non sei dicir os motivos dos alcumes dos meus pais; ela chámase Manuela e el Manuel. Sinceramente, case prefiro que lles chamen da outra maneira; distínguense mellor.
Pingas de Orballo Segundo me contou miña nai -unha vez que estabamos os dous á sombra duns amieiros que estaban á beira do río Arnoia-, nacín por enriba do cortello a iso das cinco da mañá. Agora entendo perfectamente o meu achegamento ós porcos. Porén, xa era hora de que cortase tal vínculo. Acabo de facelo ós corenta anos.
Meus pais non me deron estudos porque eu non quixen estudar. Segundo me contou agora meu pai, o primeiro día que me levaron ó colexio chorei tanto que lles dei tanta pena que botaron man desa expresión que di "unha e máis nada". En principio, non sei nin multiplicar. Iso si, sei contar os marráns (dous) e as vacas (tres). Teño un can que se chama Evaristo. Ás veces, cando xogo con el, dígolle: Evaristo, es moi listo. Eu río, el dálle ó rabo e o burro mira para nós e ornea. Si, tamén teño un burro e cinco pitas. Nada máis. Tiña coellos, pero como meus pais viron que me custaba contalos, desfixéronse deles. Fartámonos de comer coello.
Librei do servizo militar grazas a que xa non o había. Ás veces oio dicirlles ós amigos, ás agachadas, que libraría igual por parvo. Creo que se pasan un pouco. Poida que sexa medio parvo, pero enteiro sei que non. Souben desvincularme do cortello dos porcos e evitar o colexio.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES