A UNED Senior Coruña visita a Casa dos Mosaicos (ou Domus Oceani) e o Centro de Interpretación da Muralla. Ámbolos dous reflicten a orixe romana da cidade de Lugo.

A Casa dos Mosaicos, situada no soto dun edificio da actual Rúa do Doutor Castro, é unha excavación musealizada. Os restos que se poden ver corresponden a unha pequena parte dunha antiga domus romana de finais do s. III ou comezo do s. IV. A parte que se pode visitar está condicionada pola estrutura do actual edificio.
O tamaño desta domus (calcúlase que a dimensión total sería duns 3000 metros cadrados) e a súa situación, fronte ao foro, fan pensar que pertencía a unha persoa relevante da sociedade da época.
Observamos os mosaicos que adornaban a antesala, fragmentos de pinturas nas paredes, a estrutura do hipocaustum (sistema de circulación polo chan de aire quente que calefactaba as estancias) que percorría un dos comedores e as bases das columnas da zona de acceso a un dos patios interiores.
As explicacións da guía Teresa xunto ao visionado dun curto documental resaltaron a importancia deste espazo e achegáronnos á vida da antiga civilización romana.

O Centro de Interpretación da Muralla sitúase nun edificio do s. XVIII, localizado na Praza do Campo.
Nas diferentes salas, repartidas en tres pisos, puidemos observar carteis, maquetas e pantallas que explican como se ideou e construíu a muralla, cales eran as súas características e cal foi a súa evolución ao longo dos séculos de vida.
A muralla construíuse entre finais do s. III e comezos do s. IV, seguindo as ideas arquitectónicas de Vitruvio. Formaba parte do complexo defensivo da cidade, acompañada dun foso e un corredor interior. Nun principio eran 5 as portas que permitían o acceso ao interior. Medía máis de 2000 m. A ausencia de ángulos rectos xunto ás elevadas torres (de 3 e 4 pisos) permitían divisar unha ampla zona. Os muros están recheos de pedra e nun principio o exterior estaba recuberto de cal.
Este aspecto primitivo dista do que presenta neste momento; a muralla non quedou exenta dos cambios que co paso dos anos se experimentaron na nosa sociedade.
A cidade condicionou o devir da muralla e a muralla condicionou a evolución da cidade.
De novo as explicacións e a conversa coa guía foron de gran axuda para comprender a importancia deste monumento da Humanidade.
Fácil resumir e recontar as dez Portas da Muralla:
- Catro con nomes de Sant@s
Porta do Apóstolo Santiago
Porta de San Pedro
Porta de San Fernando (ou Príncipe Alfonso)
Porta do Carme (Virxen do Carme)
- Tres con nomes de Bispos:
Porta do Bispo Odoario
Porta do Bispo Izquierdo
Porta do Bispo Aguirre
- Tres mais sen referencias eclesiasticas:
Porta Falsa
Porta Nova
Porta da Estación
A influencia e poder da Iglesia daquela, dende o punto de vista eclesiástico, político, administrativo, mais económico, deixa mostra na Muralla de Lugo, e muitas outras obras de interés público, dende aquel Bispo Odoario polos anos 700, que dominaba dende Lugo ata Braga, e construía "pais" xunto co reí Alfonso I de Asturias, loitando contra os musulmanes. Pasarían mais de setecentos anos ata que os Reís Católicos tomaran Granada, pra dar forma a España actual.