Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre a segunda edición de 'O cantar dos músicos errantes' (Medulia Editorial, 2024) de Xulio López Valcárcel

Cabada Castro, Manuel - martes, 12 de noviembre de 2024
Deixarse embruxar, levar e acompañar polo verbo rexo, literario e noso, do comunal pasado, un presente trémulo e lembrado, é un exercicio que remoe os recordos da lareira ida e querida. Presente, porén, no seu poder e resistencia como un deber ser que xa non é, mais que aí está. Como unha despedida que non se executa, que -estantiga- aí se queda ou vai pese a todo. Como algo que se nos foi das nosas mans, pero sen poderse ir de todo.
Por que? Porque estes seres humanos que somos non é algo doado de entender, de saber ou describir. Dinos algo se dicimos que somos misterio puro e duro? Non o sei. O que fai o poder literario dun escritor tan relevante é o de reproducir -recuperándolles ou devolvéndolles vida nova- aconteceres que levan ou levaban tempo perdidos, mais non de todo. Sen dúbida, o poder literario non é simple historia ou relato de aconteceres senón resurrección daquilo que xa non é, mais que alá no máis fondo nunca nos deixou de todo.
Os "músicos errantes" dos que nos fala o seu autor -el un músico tamén coma eles desde neno, como acordeonista, ata que tal feito se esfiañou- continuarán a vivir só mercé ó labor literario e evocador de quen nel nos deixa o que xustamente para o feble tecnicismo informador é simplemente algo que foi, que xa non é e do que tampouco paga a pena lembrarse.
Porque, velaí o que o poder literario é quen de facer: xustamente devolverlle a vida a tantos Lázaro mortos. E só porque en vida eran meus amigos. Amigos nas boas e nas malas, no soñar e no sufrir, no querer e no poder, no saber e padecer. Pois tanto o cantar coma o escoitar, o gozar e o vivir están ancorados no cerne da vida mesma, no seu medrar, no seu esperar ou desesperar.
Mais como a música está inextricabelmente engarzada coa vida pluriforme do pobo que a escoita de maneira activa e entregada, os "músicos errantes" participan dun sentir e proceder comunal que envolve e remove ditos, historias e aconteceres dos que a mestría do autor dun escrito coma este deixa nel pegadas memorábeis para a memoria dos aconteceres populares nesta terra nosa.
O atento lector non se sentirá en modo algún defraudado no seguimento dos aconteceres dos que un tan sobranceiro escritor aquí e alá vai deixando potente e sabedor testemuño.
A Galiza popular e inmorredoira poderá así revivir neste escrito a súa potente e humana música popular, a dos nosos -aínda non moi alongados- tempos mozos.
Como botón de mostra da filosofía dos "músicos errantes", velaquí vai o que nos conta o seu poderoso recuperador literario nas páxinas 101-102:
"Patrimonio de todos e de ninguén, os músicos eramos os pasaxeiros dos camiños, os hóspedes dos bosques, os vixiantes das estrelas. En calquera taberna, cunhas xerras de viño e algo de picar, faciamos nosos os versos de Celso Emilio que adoptaramos como fundamento das nosas andanzas:

Miña nai deume os camiños
e meu pai deixoume o mar;
non tiñan máis que deixarme
nin eu penso máis deixar."

Cara ao final do seu escrito e referíndose a un dos derradeiros "músicos errantes", comenta aínda X. López Valcárcel:
"Xan do Vilar conservou o que outros deixamos perder. Non será fácil enfrontar o desafío do pequeno David contra o poderoso Goliat da despoboación e do abandono. Porén, mentres o seu canto non esmoreza, mentres o bruído do corno continúe a estenderse por ceos e por bosques, haberá un lume aceso, un recanto de acollida e un fogar ao que abeirarse" (p. 208).
Non quero rematar este curto comentario sen deixar polo menos de aludir (aínda que só sexa así) ao formidable -en tódolos seus sentidos, tanto literario como terrorífico- capítulo XII, que leva como título "O músico asasinado. Os Celas de Parada" (pp. 139-153).
Grazas, Xulio, polo teu bo saber dicir!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES