Por Defuntos deste ano, por Vilalba adiante, aparecéusenos Diego de Andrade. Viña da súa sepultura de Monfero canda outros da súa liñaxe alí enterrados. Un deles, o pai, Fernán Pérez O Mozo, viviu e padeceu aqueles tronantes anos de 1467-1469 cando se lle rebelaron parte dos vasalos canda uns fidalgos aspirantes a rendeiros e algún eclesiástico que non lle tiña simpatía ao arcebispo Fonseca. Era unha estadea de xente con moito aquel.
Tras pasar pola Porta de Cima, deixando atrás a praza Maior, foi indo a procesión de

espíritos pola rúa Principal. Alí, acaroados á casa onde viviu Mato Vizoso, pasmaron ao ver a situación lamentable e deixada dos edificios acaroados ao que fora camiño privilexiado na circulación de mercadorías, riquezas, ideas e, polo tanto, testemuña da chegada do auténtico progreso.
Tras dar volta e subir pola Roxeira, na praza do Pan, observaron que non existían muros nin defensas que noutrora conformaron o castelo e protexeron a torre da homenaxe. Notaron a ausencia do símbolo da liñaxe Andrade, aquel escudo que ostentaba o a súa pertenza á Orde da Banda creada en 1332 polo rei Alfonso XI de Castela, aquel escudo que recordaba que Diego de Andrade, ou Fernández de Andrade e Moscoso, foi nomeado primeiro conde de Vilalba en 1486, aquel escudo que noutrora presidía a porta dunha magnífica fortaleza que o propio Diego mandara reconstruír tras do derrubamento da vella que se producira no recordado 1467 cando os Irmandiños, dirixidos por un seu parente, Alonso de Lanzós, puxeron lume a torres e muros sendo Fernán Freire o xefe da liñaxe.
Indo cara ao Campo Castelo, seguiron polo camiño noutrora coñecido como rolda do Castelo, onde a inicios do século XX Valeriano Valdesuso derrubou parte da muralla para facer casas. E sen outra cousa descubriron o emblemático escudo. Sostido por fortes cravos, ancorado aos rexos muros da torre da homenaxe, xa non lucía como naquel ano de 1485 cando o propio Diego mandara colocalo para presidir a porta de entrada da fortaleza tras ser reconstruída. Durante séculos, na comarca, foi todo un símbolo do poder da liñaxe Andrade e marcou un fito histórico e serviu de recordario a veciños e viaxeiros.
A Compaña espantouse ao ver que se adorna, hoxe, por unha abatida flor de hortensia e algunhas outras secas.

Algún moderno dos presentes recordou que o tal escudo pasara formar parte do pozo dunha casa veciña a finais do século XIX. Outro tiña noticias de que, rescatado do pozo, fora trasladado ao exterior da torre para ser conservado e servir de lección de sucesos pasados. E toda a estadea lamentou como o paso do tempo, unido á inactividade de rexedores locais responsables do patrimonio cultural, fixeron que a finalidade do escudo, o ser testemuña da Historia, pasase ser un criadeiro de calquizo que, por ser planta que enraíza no feldespato da pedra de gran, provoca que os relevos gravados vaian esfarelando. Hoxe, oculto en parte, é difícil recoñecer as figuras talladas hai cincocentos corenta anos.
A Compaña, non sei se santa ou non, pero si calada e con pesar, foise indo sen alboroto. Se cadra iría cavilando nas persoas responsables de gardar a memoria histórica da vila e do que habería que poñer para gardar o escudo baixo un beiril que o gardase da auga, do que valería limpar o calquizo ou musgo de xeito adecuado e de sería posible incluír ao seu pé un cartel explicativo adecuado. Claro que para iso poida que haxa que chamar algunhas empresas de fóra que realizan fondos estudos, presentan informes e son as que saben, seica.