O meu poema "A cabeleira", que xa foi traducido a decenas de idiomas (setenta na última edición en libro e máis de oitenta na web https://www.acabeleira.com/a_cabeleira_multilinge.html), acaba de ser traducido ao pinzulèr, fala románica natural de Pinzolo, concello da rexión do Trentino situado no alto Val Rendena, ao norte dos maxestosos Alpes italianos. Trátase dunha lingua de transición entre o lombardo e o véneto, con confluencias retorrománicas co ladino dolomita e influencias do alemán, que adoita cubrir os seus baleiros léxicos actuais co italiano. A versión correu a cargo dunha falante nativa en pinzulèr, experta precisamente en tradución: Maria Maffei, licenciada en Letras pola Universidade de Trento, docente e doutoranda na Universidade de Bérgamo e na actualidade investigadora na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela.

A causa remota de tan inesperado encontro do galego e do pinzulèr proveu do interese de Maria Maffei por escritores galaicos, pois xa en 2020 realizou a súa tese de graduación sobre Valle-Inclán, dirixida polo hispanista Pietro Taravacci (concretamente sobre a tradución do esperpento valleinclanesco considerado como teatralidade multiforme) e actualmente está elaborando a súa tese doutoral sobre Valente, co-dirixida polos hispanistas Marina Bianchi e de novo Pietro Taravacci (concretamente sobre o poema en prosa dende a perspectiva tradutolóxica a partir das obras de Manuel Álvarez Ortega e José Ángel Valente).
Esta última investigación é a que a trouxo a Galicia e a que propiciou que traducise "A cabeleira" ao pinzulèr, así como que participase no recital multilingüe de "A cabeleira" realizado en Pontevedra o pasado 28 de outubro. Neste acto poético leu a súa versión xunto ás traducións efectuadas a linguas clásicas como o grego antigo e o latín ou a diversas linguas modernas románicas (portugués, español, francés, italiano, romanés, catalán), xermánicas (inglés, alemán, neerlandés), helénicas (grego) ou eslavas (ruso), sen esquecer un idioma internacional planificado (esperanto), unha variante comarcal do galego (chantadés) ou unha xerga gremial de afiadores e músicos ourensáns (barallete).
A propia Maria Maffei anunciou o evento, en italiano, nun medio de comunicación da súa terra, Campane di Pinzolo, o 14 de outubro anterior: "La poesia 'A Cabeleira' di Claudio Rodríguez Fer verrà letta anche in dialetto pinzulèr" (https://www.campanedipinzolo.it/cronaca-locale/la-poesia-a-cabeleira-di-claudio-rodriguez-fer-verra-letta-anche-in-dialetto-pinzuler/).
Neste artigo explicou moi lucidamente o sentido integral de tal empresa multilingüe: "O universo tradutolóxico no que se proxecta non se limita ao mundo lingüístico: de feito,

Carmen Blanco ilústrao graficamente e crea un caligrama. Cada tradución marca un momento, un encontro, un lugar físico ou espiritual polo que pasou o poeta: o conxunto de versións de 'A Cabeleira' devolve así non só un esbozo biográfico da experiencia de Claudio Rodríguez Fer, senón tamén unha peculiar rede de intercambios intertextuais e, sobre todo, relacións transmedia, nas que a palabra poética se reenuncia continuamente, desafiando cada vez os límites expresivos, temporais e espaciais".
Hónrame tanto como me alegra que agora, á beira das linguas máis faladas do mundo ás que foi traducido o meu poema, como o chinés, o hindi, o bengalí, o árabe ou outras xa citadas, figure coa mesma dignidade o entrañable pinzulèr, tan só falado, aproximadamente, por un par de miles de persoas. E cáusame igual satisfacción compartir esta xustiza poética con Maria Maffei e coa súa comunidade, dado o que ela mesma escribiu ao respecto: "O feito de que o noso querido dialecto pinzulèr sexa acollido con gran entusiasmo nun contexto non só poético senón tamén internacional e académico é para min, pero creo que para todos nós, un motivo de gran orgullo". Porque, en efecto, para Maria Maffei, o pinzulèr é por encima de todo "identidade, pertenza, comunidade, tradición, fogar", así que para ela "non hai alegría máis grande en 2024 que ver como se lle devolve cada vez máis a dignidade que lle é propia".
En efecto, igual que non pode haber Galicia sen galego, non pode haber Pinzolo sen pinzulèr, xa que, como recorda Maria Maffei nesta fala, cómpre lembrar que as súas xentes deben ser conscientes de ser "i fiöi dai mulöti, cai fava filò, ca i magnava pulenta e lat, canedarli e ca i nava drè al bistiam" ("os fillos dos afiadores, que nos reuníamos para contarnos historias pola noite, que comíamos 'polenta' con leite e 'canederli', e que coidabamos as nosas vacas"). Pois este é o auténtico Pinzolo antes de que o turismo masivo convertera o seu mundo no entorno da Perla dos Dolomitas con todo o que isto implicou para a vida da veciñanza e con todo o que isto desnaturalizou a paisaxe (proliferación de grandes pistas de esquí, de instalacións para toda clase de deportes, de hoteis de luxo, de importantes concertos e atraccións, incluído un punteiro teleférico de múltiples estacións), Mais tan emocionante compromiso co vernáculo é o que explica a solidaria sinerxía do encontro do galego e do pinzulèr, idioma cuxo cultivo defende sen complexos nin desalentos Maria Maffei: "É a nosa responsabilidade mantelo próspero, dinámico, vivo, coñecido e estendido: por que non, incluso a nivel internacional; por que non, nun contexto no que non se coñece".
De feito, o evento políglota galego no que o pinzulèr foi incluído tivo eco nos medios de comunicación da súa contorna, como evidencia que Maria Maffei fose entrevistada ao respecto do seu acto de autoafirmación identitaria en "Quotidiano" o pasado 1 de novembro: "Maffei, ambasciatrice del 'pinzulèr'. La docente e studiosa ha tradotto del galiziano la poesia 'A cabeleira'" (https://www.iltquotidiano.it/articoli/maria-maffei-ambasciatrice-del-pinzuler-ha-tradotto-dal-galiziano-la-poesia-a-cabeleira/).
Aquí lembrou o seu monolingüismo familiar e asegurou que perder a fala orixinaria suporía perder as raíces e ata os sentimentos que só unha lingua tan intimamente ligada ao seu territorio e a súa xente pode preservar, apostando mesmo por reforzala a través da tradución. Mais as linguas non son simples nomenclaturas intercambiables, senón diferentes visións do mundo adaptadas aos medios nos que nacen, polo que Maria Maffei asumiu o reto de trasladar a cosmovisión que implica o galego á que implica o pinzulèr: "O pinzulèr codifica e esculca a realidade de Pinzolo: un verdadeiro microcosmos autosuficiente e autonomamente regulado no seu equilibrio, diferenciándose así de calquera outra lingua. Non foi un simple traslado de lingua a lingua para obter un texto equivalente, senón ler e codificar as imaxes do texto a través do prisma do noso dialecto".
Así, por exemplo, preguntouse como transmitir a idea de inmensidade e infinidade do descoñecido, que o meu poema evoca a través do mar, nunha lingua montañesa que nin sequera ten o concepto de 'mar'". E atopou a solución a través da translación do inexistente mar nesta lingua de montaña ao ámbito semántico propio dela: así, "abismo" pasou a ser "orbadi" (barranco) e "naufraxio" pasou a ser "temporal". Igualmente, nunha comunidade na que a cría de gando se limitaba a uns poucos animais útiles para autoconsumo familiar, non existe o concepto "manadas de vacas", polo que para traducilo optou por "scungiübla di vachi" (fatos de vacas). E o termo "labirinto", así mesmo ausente en pinzulèr, expresouno mediante "gramusel 'ngatià" (bóla de la enredada), pertencente ao campo semántico do tecer tradicionalmente efectuado polas avoas, pois en efecto se asocia a algo intricado, enmarañado e por tanto difícil de percorrer.
Atribúese ao lingüista Max Weinreich, especialista en yidish (fala xudeoalemá á que por certo tamén está traducida "A cabeleira"), a sentencia de que unha lingua non é máis que un dialecto cun exército detrás, lembrando así que o estatus oficial dun idioma deriva simplemente do poder político e socioeconómico da comunidade que o usa. Concordando con el e con Maria Maffei, que se remite a esta máxima no seu devandito artigo, o proxecto de "A cabeleira" acolle coa mesma dignidade o humilde barallete que o máis expansivo inglés e, correlativamente, tanto o italiano oficial como o moi minorizado pinzulèr. Por isto me ilusiona tanto que a lingua do Pinzolo se escoite en Galicia a través da miña poesía e viceversa, pois como anunciou a entusiasta autora de tan cabal tradución: "Agora só me resta levala a Pinzolo e lela alí en pinzulèr".
Mentres, fica na memoria e nos diversos rexistros audiovisuais o fraterno recital multilingüe de Pontevedra, coroado, dende a mesa das presentacións ás mans da ilustradora e musa do poema (Carmen Blanco), coa inflorescencia multicolor de tantos pétalos como linguas, dadas as flores traídas sobre as augas da vida polo rapsodo holandés Gideon Kuitenbrouwer da aldea que rehabilitou ecoloxicamente coa súa políglota familia na boscosa comarca asturiana dos Oscos.
Escribiu Dante no "Paradiso" da súa "Divina Commedia" (III-XXV), referíndose ao apóstolo Santiago e ao motivo polo que se peregrina a Galicia: "e la mia donna, piena di letizia, / mi disse: Mira, mira: ecco il barone / per cui là giù si vicita Galizia". Inversamente, e grazas a Maria Maffei, xa hai moitas persoas en Galicia que, plenas de ledicia por tela lido e escoitado en pinzulèr, descubriron e queren coñecer o níveo Pinzolo e a lingua na que o seu resiliente pobo expresou o impresionante e marabilloso entorno natural no que vén habitando dende hai séculos. Longa e plena vida desexamos pois, no noso máis solidario galego, ao pinzulèr.