Tirar a pedra e esconder a man
Tirei a pedra. Escondín a man. Deille na cabeza. Sangrou. Escapei. Como non ía escapar! Escapei da mesma maneira que escondín a man; para que non me pillaran. Non apetece pasar días ou meses á sombra. Xa sei que sería por un simple sangrado, pero, neste país, e vendo que a xustiza é coma un bambán esperpéntico... pés, para que vos quero. Agora que corran detrás de min. Ou que corra o que recibiu o coiazo. Que o merecía. A pena é que non sangrase máis. O tío nin tan sequera caeu ó chan.

A miña intención foi a de deixalo alí seco. Menos mal que quedou algo mollado co sangue.
O tipiño movérame o marco das Pedradarcas! Iso é faltar ó respecto. Ó respecto do eido, da marxe e meu. Non podía quedar de brazos cruzados. Esperei a ocasión. Sabía que as accións en quente poden saír peor. Así é que esperei.
Vino na distancia. Acochei detrás dunha toxeira. Acumulei á miña beira unha boa morea de pedras; por se non atinaba á primeira. Na espera, e como estaba nervioso, desfixen un nobelo de farrapeiras que lle levaba a miña nai. Cando o tipiño se achegou a uns cinco metros... apuntei, tirei a pedra, escondín a man, deille na cabeza, sangrou, escapei.
Agora ando ás agachadas polas carballeiras da Costela e pensando na forma de librar desta xustiza que nin é xustiza nin farrapos de gaita. Se fora xustiza, condenaba ó paspán por mover o marco. Certo que tampouco denunciei a acción. Preferín tirar a pedra, esconder a man, darlle na cabeza e mirar como sangraba, o maldito. Escapei e sigo fuxido.
Esperar
Espero. Espero que un paso leve a outro e que un detrás do outro cheguen á meta, ó final. Espero que o asubío rache o silencio e que o ruído asuma, por fin, que houbo poucas noces. Espero que as penas afoguen e os gozos, os praceres saiban nadar. Espero que un autorretrato mostre certas pingas de ansiedade. Espero berros desde o primeiro verso: por esas bombas que estralan e... matan, por eses mísiles que se lanzan e... matan, por esas balas que se disparan e... matan.
Espero que as pingas de orballo mollen as ansias, os devezos que me dominan, que o recanto dunha cama sexa coma unha ascensión ó ceo e que as gallas dos carballos solten belotas de esperanza. Espero rir para non chorar, bailar para non atrofiar, suar para vencer o medo, correr para non quedar quieto e seguir compoñendo máis versos.
Espero que os soños imposibles ou ficticios tornen a reais ou verdadeiros, que a luz da melancolía alume, ilumine a penumbra da nostalxia e que a circunferencia rache o triángulo da inercia para poder rodar e rodar. Rodar sobre un corpo nu, sobre unha nube branca, sobre unha novela barata e sobre unhas lorzas inmaculadas e desexadas. Espero o día, espero a noite, espero o tempo que vén e espero o momento no que todo chegue.
Espero. Espero un partido de fútbol que non se xoga, un café que non chega, un gol que non se marca e unha ollada que se apaga. Espero que todo empece para que algo acabe e que, o que remata, co tempo, volva empezar.