Ben me estraña que non se apoien as editora foráneas que publican en galego. Ben me sorprende cando tendemos a apreciar moito máis o que vén de fóra que o que facemos na casa. Os alófonos están moi ben considerados entre nós e resulta máis doado colocalos a eles nas institucións do país ou conseguirlles recoñecemento que aos que naceron dentro.
Por iso, é un pouco chocante atopar unha nova como a que acabo de ler.

Dúas editorias (unha de Jerez de la Frontera, Peripecias; e outra de Ocaña, Juglar) acaban de publicar, a primeira en edición bilingüe galego castelán un libro do cantautor Xoán Rubia Cartas a Michi, dende o confinamento... e despois e outra en galego: o poemario de Vicente Araguas, Ronsel de prata vella.
O primeiro que nos chama a atención é a sensibilidade de empresas externas para coa lingua de noso,
Xoán Rubia comenta... "Eran misivas sinxelas daquela etapa na que estivemos en 'prisión preventiva', sen poder saír da casa. A gata andaba rebulindo enriba da mesa, coas patas no teclado, e entón ocorréuseme esta idea como desafogo, contándolle as miñas cuitas e preocupacións a Michi". Un conxunto de cartas que escribira como catarse durante a pandemia coa súa gata como protagonista. O seu editor quixo mantelas integramente en galego ou, en todo caso, realizar unha edición bilingüe a pesar do que isto encarecía a publicación. Di o editor que escolle a opción cara ("non nos imos facer ricos de ningunha maneira pero apostamos pola cultura" di) porque de ningunha maneira quería perder o orixinal en galego pois considera que España é plurilingüe e hai que normalizar esta situación. Unha normalidade por parte dos alleos que se ve coartada pola nosa anormalidade, por iso nos sorprende esa aposta pola diversidade cultural e lingüística que debería ser unha marca de propiedade española.
Araguas considera que o caso do seu editor é bastante insólito, coma o é tamén que el e un grupiño de galegos manteña unha revista poética en galego, practicamente a única en papel, en Madrid, Olga, igual que antes publicaban Loia. O editor de Júcar tamén opina que "estás nisto porque che gusta a literatura, porque amas a difusión da cultura, porque queres que chegue a máis xente". E ante isto o que nos asombra é que non reciban axudas da administración galega ou da administración española, que dalgunha maneira non se colabore coa difusión que estas empresas realizan do galego, este empeño en levalo máis lonxe. Pequenas empresas facendo cousas pequenas en pequenos lugares pretenden normalizar un Estado plurilingüe. Quen fala e defende esta linguas minorizadas agradece o esforzo e reclama axudas para o sector. Non queremos crer na irregularidade de conceder subvencións a xornais que case non utilizan o galego mentres non se colabora -na súa xusta medida- cos medios impresos e dixitais, que periodicamente o utilizan ao 100%. Normalidade ou anormalidade? Intereses bastardos dos orzamentos que todos achegamos? Non queremos pensar naquelas frases da época de Aznar "Al enemigo ni agua" porque iso podemos entendelo cos cartos de cada partido pero non cando se administran os de toda a cidadanía e hai que mirar polo ben do país.
Volvamos ao rego e falemos dos libros. As Cartas a Michi, (segundo a presentación editorial) hai que velas como a radiografía íntima dunha España convulsa baixo o prisma dunha óptica ácida, crítica, non exenta de humor e unha fina ironía. Preocupacións e dúbidas ante o futuro mentres, unha vez máis, a picaresca dalgúns sae a flote para sacar rendemento económico da dor allea. Ronsel de prata vella baséase nos catro movementos da 4ª Sinfonía de Brahms; porque Araguas considera que a música representa un paso máis alá do que a poesía pode lograr, deixando atrás a filosofía. Por iso, neste libro, ambas disciplinas converxen nunha mestura épica e lírica que fornece unha obra, chea de emoción e sentimentos.
A nova dábanola a coñecer o Diario de Ferrol porque ambos autores son de Ferrolterra, o primeiro de Mugardos e o segundo de Neda. A reflexión é nosa, porque xa case non podemos aturar máis desinterese coa lingua do país e que por fóra se saiba deste desleixo.