Hai pouco tempo souben que as Fundacións creadas polas grandes empresas para desgravar e non pagar impostos ao erario público, non quedaban nese traballo, senón que ademais de recoller esas migallas, despois tiñan que manterse a si mesmas creando riqueza. Quedei desconcertada! Non podía crelo.
Imaxinemos a empresa X multimillonaria, en vez de pagar impostos (que van investirse nos programas nos que os poderes públicos destinen os cartos) fano na Fundación x

que os gasta no que o consello de dirección -ou quen sexa- decida (por exemplo, en aparataxe informático que pode vender por medio doutra empresa e volvo venderlle cando este quede obsoleto) pero é que ademais, esa Fundación x ten que converterse noutra empresa que consiga ganancias que reverterán na mesma cabeza. Seica é así como ten que ser, seica desgravan unha e outra ven na Empresa X e na empresa x.
Concursos. Aquí tamén me sorprendo. Un exemplo: a Fundación José Manuel Lara pon en marcha un certame que pode servir para promover a lectura ao redor do título "O meu libro preferido". Pois ben, os premios, moitas veces, ponos o Ministerio ou as consejerías / consellerías correspondentes. Neste caso semella estar dividido, trátase de bonos para mercar na Casa del Libro (a libraría da empresa) e os lotes de libros cos que se agasalla ponos a Administración. Seguramente pasa o mesmo ou semellante con "Enséñanos a leer." E non só eses, deberiamos ver o resto dos certames literarios de empresas e quen paga eses premios.
Isto lembra aquelas casas de turismo rural subvencionadas pola Administración nas que restauraban casas a conta do erario público para volver á propiedade privada e privativa ao cabo duns anos (algunha vez sen ter ofrecido a posibilidade de aloxarse ou facer uso do seu restaurante en ningunha ou case ningunha ocasión). Eu mesma asistín ás chamadas que un grupo de xente facía para reservar e atopar sempre a casa ocupada (unicamente pola familia, imaxinamos). Seica anda sucedendo algo parello coas ruínas da Ribeira Sacra que os "listos" de sempre, mercan por catro patacos para edificar e restaurar cos cartos de todos nós, dos que pagamos cada tella e bote de pintura cando se trata da nosa vivenda.
Trampas por todas partes. Enganos a todas horas. E non sei ata onde poderemos aguantar sen estallar... Sempre conto que unha vez vivín dentro dun cómic: acostumaba ler neles aquilo de "vermello de ira" pero nunca o tomei en serio ata un día no que tivera demasiados episodios de "maltrato". Pode semellar chiste pero non o é: devolvéronme de menos cando me cobraron o tabaco, o taxi dou máis voltas das debidas, saía dunha tenda elitista na que os empregados se sentían nobres por traballar alí e me trataran mal, e diante do paso de peóns alguén me empuxou... daquela mirei o mundo e vino de cor vermella, entendino todo! O perigo da gota que reborda o vaso, a ameaza de sentirse burlada, o medo a ter poder con todas as agresións... porque se nese instante tivese unha arma nas mans non sei ata onde sería dona de min, por iso penso que o mellor é que ninguén as teña, nin sequera os países. O mellor é levar as mans baleiras e tentar non mirar o que pasa ao redor.
Teño unha amiga que traballaba nun banco e unha vez confesoume que a ela lle gustaba moito ver que a xente facía cartos, eu non podo dicir o mesmo, defendo os cartos só para a xente boa (porque se os teñen eles tenos todo o mundo) e as armas para os catro honrados que nos coiden dos "malos".