Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Lingua, a Catedral que derrubamos

Sampedro, Pilar - jueves, 07 de noviembre de 2024
Andamos ás voltas coa lingua e co estudo que acaba de facerse público para demostrar o que xa sabiamos: que vai caendo coma un edificio que non se mantén ou máis ben no que se colocan cargas explosivas para que caia sen danar o que hai arredor.
A Lingua, a Catedral que derrubamos
Aínda así, hai dous días tiven que escoitar a alguén (que semella estar ao día) dicir que non é para tanto, que a lingua leva séculos en situación de alarma e nunca desapareceu, que volverá a rexurdir igual que despois dos Séculos Escuros e da Longa noite de pedra (isto xa llo engado eu). Sempre hai discursos creados para desactivar. Sempre choveu que non escampara é o mellor deles... cando Altri nos ameaza, cando os eólicos semellan caernos sobre as cabezas, cando ENCE continúa a pesar de rematarse o seu tempo (sempre hai alguén disposto a darlle osíxeno ao gran capital), cando as grandes empresas (que xogan coas autoestradas ao tenis) parece que van ter que soltalas sempre aparece alguén que as mantén contra toda a cidadanía... E, a pesar de todo o vivido, seguiremos dicindo que non mexan por nós, que é un orballiño que nos refresca.

Estamos secuestrados, somos reféns dos nosos veciños que deciden por nós e tamén contra eles, pero hai quen segue pensando que o planeta ten outras tantas vidas, que o cambio climático está aí dende sempre, que o furado de ozono se recupera deseguida, que se morremos imos resucitar, que o negocio continúe e a ideoloxía se faga cada vez máis e máis depredadora, que algo quedará despois de tanto canibalismo.

Hai uns días falaba Carlos Taibo da necesidade do decrecemento, pero seguimos sen crer que os recursos estean limitados, continuamos sen pensar nas xeracións vindeiras e estamos dispostos a acabar con todo, incluso a permitir que rematen con esa metade da poboación mundial que seica sobramos para poder proseguir os poderosos con este nivel altísimo de consumo. Fronte á realidade e a súa análise sempre aparece alguén falando de teorías conspiranoicas e asustámonos, ninguén quere pasar por tolo, sen caer na conta que a realidade é unha gran conxura, un contubernio debuxado por un arquitecto diabólico. A que responde a morte de tanto ancián na pandemia? A que os gastos inflados na sanidade pública e o paso dos seus fondos á privada? Como se explica a venda de caixas de aforros por uns euros cando deseguida pasaron a valer millóns de millóns? Que pasa co ensino público afundíndose para servir de abono á privada? E todo feito cos cartos públicos!

Non era Deus o que xogaba aos dados co universo, non, eran os grandes poderes ocultos na sombra (e ata non tanto). Que fai Musk saltanto ao redor de Trump coma un cabalo desaforado? Que fai Israel destruíndo un país, asasinando meniños e forzas humanitarias?

Vivimos nunha antiutopía. Dirémolo antes de calar para sempre, antes de deixar de mirar para os bosques autóctonos substituídos por eucaliptais, de ver como se esfarela a sociedade do benestar que creáramos con tantísimo esforzo. Dirémolo para quedar tranquilas porque sabemos que ninguén escoita, porque aos mandos de determinadas naves non hai ninguén (non sabemos se as manexa a intelixencia artificial ou simplemente lle pasaron o control á torre que para iso é o máis do máis). Tocounos vivir esta situación e vai chegar o momento de sorrir ante unha conxuntura que non deixa de ser interesante, por que: quen máis asistiu á morte dunha lingua, un mar, un país?

Pois iso, a mirar o espectáculo!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES