O meu coñecemento da familia Paz Montenegro ven, afortunadamente de vello. De feito, faltan tan só un par de semanas para que se cumplan sesenta anos de que trabei amizade con Jesús Paz Cabo, vilalbés coma min, compañeiro de traballo, do que aprendin os primeiros coñecementos para andar polo mundo dos maiores.
Era home de traballo consciente e saberes profundos; pai de familia numerosa, e a vilalbesa que hoxe nos concita en Trama para participar na presentación da súa obra máis recente, era a maior das fillas que despois dun tempo se afincaría definitivamente en Lugo dedicánse ao ensino, tanto en centros de Primaria como no Ies Anxel Fole como profesora de Lingua galega.

Sen dúbida algo herdou de seu pai de coñecementos e xeitos, que lle permitiron camiñar firme no mundo das letras e das artes.
É difícil encaixar nunha actividade ou especialidade o conxunto do traballo de Conchita, e tomo prestado de José Estévez o concepto de que é "unha fecunda poeta que pinta", "unha muller cromática que vive a vida para expresar a beleza na harmonía" e Flor Sánchez Fernández iguálaa aos artistas do Renacemento por "aunar múltiples facetas".
Especialista en gravado e estampación, cun cento de exposicións artísticas realizadas, coa súa pintura impáctanos. Pero coa súa poesía, conmóvenos. E o conxunto de poesías que hoxe nos presenta nos seus dous idiomas poéticos, "...agroma primavera", afecta ao noso interior máis íntimo porque nos fai pensar na natureza, nos elementos, nos ciclos da vida que gobernan o noso mundo, que nos integran nel, e ao facernos sentir parte dun todo, evidenciar dependencias, humanizando a natureza e facéndonos máis humanos, máis grandes...
Nesta obra, a natureza xorde esplendorosa na nevada en San Andrés de Logares, unha sinfonia de cores brancas, azuis, bermellas... que rivalizan coa luz do fogar, co sol, coa noite e coa neve...
Coincide ou confluencia natureza e ser humano na vella árbore, o tronco que se laia de non ter polas con niños de paxaros, sen flores nin froitos, coma un humano que ao remate da vida fai triste reconto de decadencia
e a nai, "coidando, mimando, educando"... ven ser árbore, "toro forte", casa, patria.
A poeta soña delirios provocados por campos de millo, ramalletes de flores, pexegos en sazón, chimpos dos nenos no mar ou o canto do cuco... láiase do remate dos bicos no colo, polos soños tronzados, o latexo das paixóns violentas... pero sen embargo, aínda "arrastras, esgotada, fera a mente," ve agromar primavera."
Nada humano lle é alleo, e observa as "ondulantes serpes" da Pasarela Cibeles, como se a vida fose soño, e elas soños son
e as pombas das illas son "xuncos xoves das ribeiras do mar" que "semellan gueixas batendo alas de bolboretas" facendo á poeta cavilar na sabedoría "dos seres non humanos".
E abundando nas fonduras dos humanos, entra Conchita na vida de "seres feitos de ronsel de estrelas", fermosuras irreais que contrastan coas realidades que as rúas nos ofrecen, para estimar "que mal reparte a natureza as grazas sendo ella graciosa por excelencia".
Como serpe no paraíso aparece o Covid, dores, veleno de mapoulas, pernas sen usar, ollos inocentes... para logo "comezar a vivir humildes aventuras de novo, rosadas, con rosas de roseiras coloradas!".
Manexamos, contemplamos, sorpréndenos, conmòvemos este caleidoscopio poético co que Conchita Paz Montenegro nos agasalla neste outono, no que non podía faltar -como agochada no libro- a mensaxe feminina e feminista que agroma sentimento, forza e vontade:
Sen futuro
Mulleres, fetiches de uniforme escuro
que escondedes mil saias e chambras de colores,
carnes duras de adolescencia, mocidade, madurez,
entintadas en sangue aceda, sen futuro,
saíde do cadaleito ás caladiñas, a poucos, tenaces,
a liberdade está lonxe pero pódese acadar
loitando, sufrindo, sen dar pasos atrás, xuntas!.
Certamente, agroma primavera na obra -e na persoa- de Conchita Paz Montenegro.