Procesos
Estou pensando en acelerar o proceso. Que proceso? O de ir e vir, tornar e volver, asubiar e cantar, voar e berrar. Tamén podo proceder a estomballarme ou a derrubarme no sofá e esperar a velas vir. Porén, no sofá tan só me tiro para ver a película ou películas polas noites. Nada máis. Desde a cadeira da cociña podo contarlle tres pés ó gato (que non teño) e simular que me visto de Robocop para entrar en acción... ou para controlar o sono.
Hai procesos que son sinxelos de levar a cabo e tamén os hai practicamente imposibles de realizar. Digo practicamente porque, para min, non hai nada imposible. Se algo se me pon moi costa arriba, simplemente me poño a soñar e xa o consigo á miña maneira. É moi sinxelo soñar esperto. Tamén moi bonito. Isto aínda que se soñe en branco e negro.
O proceso de tomar un café tamén é moi simple. Tres tragos e adeus moi boas. A partir de aí, a escribir ou a esperar. Como as esperas me desesperan... O proceso de escribir pode ter moitas variantes; quedade coa máis simple: sacar papel, sacar bolígrafo e deixar que unhas mesturas de palabras se espallen polo papel en branco. Despois cada quen que as lea se lle apetece e que as entenda como queira.
O proceso de collerlle peras ó olmo entendo que si é complicado. Só complicado; imposible non porque, agora mesmo, en soños, estou a coller unha cesta de peras do maldito ou bendito olmo. Hai procesos esperpénticos e mesmo aqueles que poden causar apneas, aínda que isto sexa outro cantar. Hai procesos que van e vén, que se realizan en silencio e berrando, e procesos que empezan e acaban. Este de escribir acabou.