A teoría da conspiración
Cando dende un lado se denuncian os feitos (aos que me teño referido en artigos anteriores) e se aclara que non poden ser inconscientes, dende a outra esquina somos acusados de non ver máis que conspiración, pero desa banda o que hai son estratexias, persoas pensando en como cumprir os seus obxectivos sen ter en conta a situación dos demais.

Vexamos: unha mesa redonda de cinco persoas, un presentador. Todos falan en galego e aí se mantén o idioma.
Chega o coloquio, dende o público alguén fai unha pregunta en castelán, o conferenciante contéstalle en castelán e xa continúa facéndoo todo o tempo. Ah, claro! enténdese, pensa o relator "eu tamén podo falar en castelán, é máis, estaba facéndoo en galego polas cousas do ritual pero o que eu quero é falar en español, son desa lingua, é a miña nai, a outra é madrasta", será iso? Claro! Inconscientemente, no mellor dos casos, dáste conta de que estabas falando en galego e non ten sentido, alguén abriu a espita e xa todo sucederá en castelán. Estamos no país dos castelos e o imperio. O noso é sempre menor e non hai que mostralo, xa se ensina só ou xa o fan os do Bloque, ou só o fan eles.
O normal é non volver xa ao galego, os seguintes que pregunten farano en castelán e xa se conseguiu cambiar o idioma. Danme ganas de facelo por costume. Ir entrando en todas as conferencias e ver en que idioma as están facendo, se é en galego, cambio o idioma nun instante por medio dunha pregunta... como é que non se lles pasou pola cabeza aínda? Unha vez feito ese boicot inconsciente, vou para a seguinte actividade e vou colocando cruces no camposanto da lingua. Iso si, proba a facer o contrario, onde falen castelán fai a pregunta en galego e verás a reacción...
Todo é tan inocente... Nas salas de espera das consultas nos hospitais (nas que se agarda que haxa rapazada) hai uns andeis con libros, todos en castelán, a ninguén lle chama a atención. Aparece unha persoa "incómoda" e pregunta o porqué, a resposta está clara, a empresa que monta estes espazos é a que fornece de libros, toma a decisión e non hai nada que dicirlle... Pois non! Os libros ademais son de mala calidade. No país do álbum ilustrado que se vende a outras comunidades e outras linguas o que se lle ofrece á rapazada é Disney e mal gusto, cores pasteleiros e estereotipos de xénero, pero a ninguén semella importarlle agás á persoa inconveniente que reclama e denuncia. Logo dirán que o problema está en que se identifica galego con Bloque, logo dirán que se identifica bo libro con persoas que incomodan.
Todo é moito máis sinxelo do que ti o ves. Unha visita guiada, unha guía que pregunta en que lingua, calan porque supoñen que non hai dúbida, ti dis que en galego e a partir dese momento todos che van mirar mal. Certamente vas soa e os demais son grupo, como te atrevestes? Se todos están falando en castelán entre eles, por que lles impuxestes o galego? Ao final vaste acabar sentindo mal ti...
Na aldea chega a rapazada da escola falando castelán, xa é abondo, con que fagan iso xa é suficiente. A mestra é tan desastre que case te alegras que peche a unitaria porque lle pagan case unicamente por instalar as criaturas nun mal castelán. Os pais e os avós aínda falan entre eles en galego, pero a rapazada imponse, sabe que o castelán é superior e non queren perder o pouco que aprenderon porque o que é certo é que o profesorado que tomou esa decisión seguramente pouco máis lles ensina.
En Galicia hai un idioma propio: o galego. Pero semella entenderse que é imposto, que o propio é o castelán. Non, non penses que o castelán lle corresponde a Castela, non, a Galicia tamén. E, onde estaría ben o galego? Pois desaparecido, seguramente, para moita xente que actúa como se tivera que esvaecerse rápido rápido. Que se extinga dunha vez, semellan dicir moitos. Outros aproveitan a situación para sacar uns cartos de subvencións, nun non facer que semelle que facemos... Unha tristeza! Quen deixaría que caese a catedral de Santiago? Quen axudaría a que sucumba o Pórtico da Gloria? Quen cubriría con cemento todo o granito da cidade histórica? Pois alguén está acabando cun idioma e todos/as calamos. Por riba, no ritual das Letras escoitamos repetir que hai uns "secuaces" que se apropian da lingua, que a fan súa (impedíndolle exercer a paternidade aos demais?) e iso é malo... Se non fose por "eses", a lingua non estaría orfa de todo? é iso o que se busca? onde ficaría o idioma propio?