Nisto veu a Longa Noite de Pedra, e seguía sen amencer a primeiros dos 40, a pesares daquel himno mentireiro, "...que en España empieza a amanecer". Aquela noite estabamos na ruada da casa do Ferreiro, os cativos atusmando, e dos grandes, os homes dándolle a brisca, e as mulleres unhas coa roca e outras facendo na media, á vez que lle daban á palleta, repetindo temas, pois, dunhas cousas non se sabía, e doutras era perigoso falar. Aos poucos, que se lle faría noite polo monte da Capela arriba, chegou o señor Severino, que fora a Lugo, deixando a besta en Mosteiro para, ao seu regreso, cargala cos vultos: ¡Dous paquetóns enormes, ben cosidos e ben atados!
-Queridos, -que sempre dicía así-, estou de regreso de Buenos Aires, por segunda vez!
A todo isto díxolle súa cuñada:
-É certo que estes paquetes veñen de Buenos Aires, que xa nos anticipou teu irmán Eduardo que os ía mandar vía Nova York, por iso da censura, supoño, pero ti o que vés a tal momento é de Lugo!
O señor Severino pediulles que, acabada a partida, retirasen os naipes da mesa de levante, e sen máis requisitos nin explicacións púxose a abrir aqueles fardos. ¡Deus, o que de alí saíu, de apertadas que viñan as cousas! O que máis me chamou a atención foron aqueles cortes de traxe, que dixeron eran..., ¡de Vicuña! (Unha Vicuña, camélido suramericano, só produce 200 gr. de lá, e para iso rapada cada tres anos, así que aqueles téxtiles eran de millonario, daquela e sempre). Aló no fondo, un feixe de periódicos, mesturados, "La Nación", e, "La Prensa".
Como deixaron a un lado aquel mazo de periódicos, eu, que casualmente tiña a luz de carburo ao meu lado, colgada da gramalleira, púxenme a ler, con igual fruición ou máis que un arqueólogo descubrindo a momia dun faraón.
O que non lembro é en cal deles viña, pero na segunda páxina din con un verso, ¡en galego! Non caín de cu porque estaba sentado nunha banca de respaldo, pero pouco faltou. ¡Na escola de Maxide, aquí mesmo, dentro de Galicia, daquela non se podía falar, e menos escribir, en galego; mira ti por onde, aló adiante, Atlántico en medio, escribían naqueles periódicos..., ¡en galego!
¿Que lin? ¡Pouco menos que a Biblia en verso: algo inaudito, algo que nunca oíra no meu país!
Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezais
tornas facéndome mofa.
...
De inmediato pedinlle ao Eduardiño, que viña a ser da miña idade, que me prestase a

súa pizarra, e mais un pizarrín, que xa llo devolvería ao día seguinte: Copiei aqueles versos, todo, enteiros, e leveinos na pizarra para pasalos ao meu cartapacio da escola..., pero non cheguei a ensinarllo ao Mestre..., por se había castigo para aquel pecado lingüístico!
-.-
Pola miña parte, algo quixen, algo puiden, reintegrar...
¿Por que se nos dá mellor a unión, a colaboración, o galeguismo, fóra da casa que na propia terra? Téñomo preguntado mil veces, pero sego sen darme resposta: ¡Afellas que non o sei! Por exemplo: ¿Como era posible aquela entrañable amizade, no Centro Galego de Madrid, entón na calle da Bola, entre o seu Presidente, entón Coronel, Constantino Lobo Montero, e mailo represaliado Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shei? En Madrid, cando eu ía ao Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, precisamente en ángulo co outro Centro, quen me encantaba, entre outras cousas, era a sobriña do Ben-Cho-Shey, Carmina Cerrada Algarra.
Outro si digo:
Nas Palmas de Gran Canaria, a Casa de Galicia, onde o seu lema é todo un Credo!
Outra:
En Gijón, na calle Jerónimo González, 2, Entlo., onde, na década dos 60, eu non me cansaba de escoitar música galega.
Outra máis:
Pero o meu gran amor estivo, dediqueillo, ao Centro Gallego de Mallorca: Alí, no hotel Calma, fixen faladoiro cos vellos de Pol (capitaneados, si capitaneados, polo inesquecible, e nunca ben ponderado, Javier Castro, de Fonfría), que en rotunda unanimidade acordamos planificar as nosas excursións a estilo alemán, ben apresas as Guías e ben anotadas as incidencias; pola miña parte prometinlles facer un libro con todo aquilo, que así se xerou o meu "De mámoas e talaiots". Daquela levantamos Acta na contraportada do libro de George Sand, ¡a Biblia de Mallorca!, que aquí a tedes, con caligrafía da miña dona:

Desta Acta, deste Acordo, Javier tirou a idea de fundar, ao noso regreso, unha Asociación de Xubilados e Pensionistas de Pol..., para non volver a estar desorganizados. ¡O dito, as organizacións organizámolas, sempre, ou case sempre, fóra!
Naquelas, ¿exploracións?, fixémoslle unha visita ao Centro Gallego, Calle Singladura 2- Ca'n Pastilla. Tempo adiante, partindo daquela amizade, comprometinme co seu eximio Director, Luís Fernández Pombo, a crear e levar unha sección, na súa revista Adiala, que íamos titular Aventuras Turísticas, para a que lle enviaría, trimestralmente, airiños aires da nosa Galicia. Así o fixen, dez anos seguidos, que so os interrompeu o óbito do Sr. Pombo.
.../...Gómez Vilabella, Xosé M.