Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Qué traio na maleta? (4)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 22 de noviembre de 2024
¿Durmín aquela noite? ¡Si, nunha nube! A habitación era grande, cunha ventá ao ceo; no alto do edificio de Cibeles (Banco de España); aló abaixo, o tesouro de España, pero no meu cerebro, un inferno: ¿Como e cando ía saír daquela..., aventura? Entre as emocións e mailas preocupacións, o caso é que non peguei os ollos en toda a noite: ¡Rapaz, vas bo para o exame que che van facer nesoutra beiravía, no Ministerio!

- Atiende a lo que te voy decir: Sólo te quedarás a comer en el Ministerio los días festivos, pues los otros lo harás aquí, con nosotros, porque tienes que ir a clase por la tarde. Ya te dijimos que tu primo te consiguió..., (¡benditos conseguidores, vulgo, ¿Qué traio na maleta? (4)caciques!), una beca, en el Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, que se la dieron los de Acción Católica. Para eso tienes que pedir un "pase pernocta", que ya te dirá el Cabo Verdugo como se hace; los Verdugo, ¡Verdugo de apellido!, son nuestros vecinos, aquí al lado, en el 21...

Por aquela muller, por aquela Santa, Juanita, Juana Navarro de Lombardero, levo rezado tanto ou mais que por miña nai; miña nai tiña a obriga de criarme, estoutra non. Juanita fíxoo precisamente porque era xenerosa, ¡unha santa! Non recei por ela, receille a ela, como se reza aos santos: ¡ela, e poucos máis!

Ao sentinela da porta que dá a Alcalá pouco lle faltou para meterme o fusil polas nafres:

-¿A dónde vas, atontado?

-¡Vengo a presentarme...; soy voluntario!

-Nosotros, los soldados, por la puerta de la calle Prim...

Se non chega a ser porque me persignara ao saír do Banco de España, houbese tomado aquilo por un refuse de San Pedro; foi como se me dixese: ¡Primeiro, polo Purgatorio, séxase, por Prim!

En Prim tiñan a porta aberta...; unha porta grande, tanto coma a boca dunha quenlla..., que ía tragar tres anos, ¡tres!, da miña vida, en plena mocidade. Alistáronme, pesáronme, medíronme, cortáronme o pelo ao cero... ¿Sería para que non lles levase piollos..., xa que ía da aldea! E por último déronme unha cartilla onde poñía: "2ª Compañía de Destinos".

¡Vaia, ho, xa teño Destino, xa estou destinado! A continuación, uniforme, dous, pero de momento recollería o de face-la Instrución. ¡Iso; instruírme, que boa falta me facía, caído dunha nube, braceando naquel mar das quenllas..., e sen saber nadar!

¡De fronte; marchen; ar! A aquel Sarxento, alto e feo coma un diabro, os veteranos chamábanlle "Gilda" precisamente por iso, por ser o reverso daquela Gilda da película. Para min, aínda era peor a fealdade da súa alma, ¡maldito bicho!, que comigo non foi capaz de recoñecer que viña dunha aldeíña, concretamente de arar e de zoquear, de leva-las vacas pola corda, e non me resultaba doado marca-lo paso, competindo con aqueles señoritos madrileños que seica fixeran ximnasia nas súas escolas. ¡Menos mal que aos tres meses xurei bandeira, librándome por puntos do pelotón dos torpes..., que igual noutras cousas eran máis listos cós aprobados!
¿Qué traio na maleta? (4)
-.-

O Supremo, para min, foi supremo. Fortuny, 4; aló arriba, por tras da Castellana. Alí era outra clase de xente; ¡con estrelas, gordísimas, que tamén foron problema para o zoqueiro! Pasar do ripeiro ás máquinas daqueles Oficios, cuns escritos redactados á man, con letra de médico, por aqueles señoróns das estrelas de oito puntas, e algún coas de catro, que aínda impoñían máis..., require..., iso, iso no que estades pensando! Pero os emigrantes témolos..., pois os que non, non emigran!

Volvendo ao tema, volvendo ás orixes; deixando aos Cabos e atando cabos:
¿Que lle debo, que lle debemos á emigración? ¡Moitísimo, incalculable, así que, ademais deste monumento e desta festa, en Mosteiro, era pouco dedicarlles un responso, tal que no mes das Ánimas!
-.-

No persoal, o primeiro que se me vén á cabeza: Facía un día soleado, precioso, primaveral, así que cheguei a San Cibrao ben suado de subi-la costa de Ribón; alí por xunto da casa do Cuco meu pai detívose para recuperar forzas:

-Neno, non traes un pano? ¡Daquela sécate a fronte, que estás chorreando!

Xa cos ollos secos e limpos, ¡que descubrimento: unha bandeira tricolor, grandísima, colgada dun pau, alí adiante, na "Casa de Córneas", que era onde tiña a "Unión de Agricultores y Ganaderos de Montecubeiro" o seu local social!

-Papá, xa que falamos de panos, ese da Casa da Unión..., dá para tres sabas!

Fulminoume cunha daquelas olladas súas que tanto respecto lles metían aos seus alumnos:

-Perdóoche porque non sabes o que dis. Non é un pano, e tampouco unha saba, senón a nosa bandeira, a da República, res pública, insignia da nosa Patria, España! Sempre que pasen con ela por diante de ti, ou ti por diante dela, se levas pucha, descúbrete.

-E logo, para que está aí, colgada coma se fose a moca dun malle?

-¡É un signo externo, neste caso de algo que lles debemos aos nosos emigrantes, que nin en Buenos Aires se esqueceron da súa Patria!

-¿Trouxérona…?

-¡Non exactamente! O que trouxeron foi unha maleta de cartos, e compartíronos con nós, cos morgados, cos que quedamos agochados en cadansúa lareira. Con eses cartos organizaron esta Unión, que vén a ser unha Cooperativa Económico-cultural. Ben sabes que da súa biblioteca, que é circulante, adoito levar libros, que os podo ter quince días. No económico, traen nitratos, sulfatos, e demais artigos, para o campo, que, ao pormenor, estaban carísimos, pero así, ao comprar en cantidade, por xunto, poden cedelos baratísimos aos socios.

-¿Que me di do teatro? ¿Non vimos para ver á prima Asunción, á do San Bernabé, facendo unha carnavalada?

-Si, fillo, que ese é outro favor que lle debemos á emigración, pois o teatro, así como o tango, cultívase moito na Arxentina, e de aló trouxeron esas ideas.

Pero despois, na ¿foleada? de xullo do 36, a Casa de Córneas pasou de biblioteca a cuartel mixto, Garda Civil - Falange. Con ese novo ¿evento? aprendín que a cultura e mailo cooperativismo son / eran o principal inimigo do caciquismo entón imperante.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES