Pombas e mazás
Santalla, Iago - miércoles, 30 de octubre de 2024
Cando se achega o tempo de defuntos, sempre sinto a necesidade de facer algo: escribir coa xente na memoria e de ter ese recordatorio que os eterniza en min. Con esta necesidade, este ano, deume por pensar en aquel poema de Lorenzo Varela dedicado a súa xeración (a da guerra incivil). Nel, expresaba a necesidade de levar ás sepulturas dos asasinados unha cesta de pombas e mazás. Fronte ao efémero das flores, temos a ledicia das pombas e a posibilidade de compartir unha mazá. Isto, faime pensar en como afrontar doutro xeito o día de defuntos e admiro como a poboación xitana vai con total naturalidade ao cemiterio a compartir, por exemplo, un café. É unha cuestión cultural moi difícil tanto de arrincar como de instaurar pero paréceme bonito compartir un tempo co recordo e contarlle a ese recordo como vai a vida. O que fagamos nese tempo é igual con tal de que o corazón latexe na memoria da persoa ausente pero coido que é moi bonito compartir onde un día depositamos a fin dunha vida que nos encheu; quizais, descubramos que unha mazá pode traer no corazón o sabor da memoria.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora