"Eu non lle vou chegar a estrealo". Este foi o comentario dunha persoa maior en espera do ascensor no edificio. A súa impotencia levoume a pensar, unha vez máis, nas persoas prisioneiras nas súas casas por problemas de accesibilidade e discordias nas comunidades á hora de eliminar barreiras arquitectónicas. Cunha morea de xuízos pendentes, semella que algúns veciños teñen asegurado que nunca van necesitar unha

cadeira de rodas, aínda que sexa temporalmente, ou que non van ter maiores dificultades co paso dos anos.
Os nenos da polio, que temos o noso día o 24 de outubro, xa nos imos facendo maiores e agora tócanos enfrontarse a un termo pouco frecuente: o edadismo. Esa palabra case descoñecida, -incorporada a RAE no 2022-, é unha das formas máis estendidas de discriminación que se manifesta en actitudes máis acentuadas cara as persoas maiores, pero tamén cara os xoves. Acostuma a ser un motor de maltrato e de abandono. A OMS define o edadismo en referencia a como pensamos, como sentimos e como actuamos cara as persoas en función da súa idade. Calcula que arredor do 16% das persoas maiores de sesenta anos son vítimas de abusos, aínda que considera que a cifra é inferior á realidade porque a maioría non ten posibilidades de denuncia. Tamén recoñece que unha de cada dúas persoas ten actitudes edadistas.
Van case setenta e seis anos da Declaración dos Dereitos Humanos, pero... que aplicación ten nas persoas maiores? Empeza a falarse de iniciativas como: Convención da Onu, Consellos de Maiores, Oficinas do Maior... As persoas con diversidade funcional pasamos anos reivindicando e loitando por unha Convención que temos desde o 2006, España foi dos primeiros países en ratificala no 2008. Van dezaseis anos e aínda que, en teoría, permitiu cambiar a forma de tratar a discapacidade e entendela como unha cuestión de dereitos humanos e non de políticas caritativas, serve de ben pouco cando non se ten en conta que o 4 de decembro de 2017 remataba o prazo para que todo fose accesible.
A falta de accesibilidade está a ser a primeira causa de discriminación que vai repercutir nun maior illamento social e na igualdade de oportunidades. Danse pequenos pasos para resolver casos puntuais, pero é necesario reivindicar unha aplicación da Lei de Propiedade Horizontal máis contundente. Non podemos quedarnos na teoría de que onde haxa unha persoa con problemas de mobilidade ou maior de setenta anos hai que facilitar a accesibilidade cando na práctica pasan anos e anos perdidos en problemas burocráticos. Igual que ocorre coas axudas da Lei de Dependencia, cando chega o ascensor, a persoa xa non o precisa.
Poder saír da casa para ir de compras, ao médico, tomar un café..., en definitiva, para levar unha vida normal, non pode esperar. A accesibilidade é boa para todos, deixamos de ver como viamos, deixamos de oír como oiamos e deixamos de subir escaleiras como o faciamos. Canto mellor concibida estea a cidade o envellecemento será máis levadío así que loitemos por unha sociedade para todas as idades e que esa esperada Convención non se converta nunha lei máis porque AS PERSOAS MAIORES CONTAN.