No ano 1974, mantiven unha curiosa conversa co entón cura párroco de Vilaronte do Concello de Foz. O cura chamábase Victoriano López Felpeto e era natural de Vilalba (Lugo).
O crego contoume, que cando el rematou os seus estudos de sacerdote en 1952, e se ordenou como crego, o bispo de Mondoñedo, destinouno á parroquia de Oleiros do Concello de Vilalba.
Daquela, as aldeas estaban súper poboadas, porque a emigración non era tan frecuente como anos posteriores. Victoriano quixo desde o primeiro momento, poñer todo o seu empeño en ser un sacerdote digno da súa devoción e profesión e o primeiro que fixo ao chegar a aldea, foi aproveitar a misa dominical, á que acudían tódolos veciños, para presentarse e ao tempo, ofrecerse a eles para todo o que precisasen, non so

espiritualmente, se non tamén, humanamente.
Victoriano, observou, que en Oleiros, había familias de todo tipo, pero destacaban curiosamente dúas, unha de labregos ricos e outra de labregos pobres.
A dos ricos, tiñan moitas terras, prados e montes cos que facían gran capital, porque como tamén dispoñían de moito gando, recollían moitos froitos para servizo propio e tamén para vender.
A familia de labregos pobres, nada tiñan e tiñan que pagar por todo, pago que normalmente facían coa prestación persoal, ou sexa, traballando para uns e para outros, traballos que en moitas aldeas se facían colectivos chamados, rogas.
A familia de labregos ricos, tiñan varios fillos e fillas, mentres que a familia humilde so tiñan unha única filla.
Contábame Victoriano, que a casualidade fixo, que un dos fillos da familia rica se namorase da filla da familia humilde, cuestión que a familia rica non lle fixo ningunha gracia e comezaron unha especie de guerra na casa con ese fillo.
O tempo foi pasando, pero os mozos en vez de deixarse, foi todo o contraio, cada día se querían máis, ata o punto, que a parella deciden casar.
Naquela época os homes eran maiores de idade aos vinte e un anos e as mulleres aos vinte e catro, e claro está, para casar pola igrexa, ambos tiñan que ser maiores de ideade, ou polo contrario, o pai dos ou do que era menor, debía pasar pola sancristía a asinar un documento en conforme autorizaba ao seu fillo a casar.
No caso de esta parella, dábase a casualidade de que ambos era menores e polo tanto, o pai de cada cal, tiñan que ir asinar o devandito documento e aínda que, a familia da rapaza non puxeron impedimento ningún, si que o puxo o pai do rapaz, que se negou a asinar a autorización.
Ante tal problema, Victoriano, quixo mediar e foi á casa da familia do rapaz a tratar de convencer ao pai para que asinase a autorización, pero Victoriano volveuse para a súa casa co non por diante.
Pero, dicía Victoriano, que tamén había unha lei na igrexa, que era, que cando unha familia se opoñían a un casamento como o deste caso, por ser menor ou menores e as familia negarse a asinar, o párroco neste caso, debía enviar un escrito ao bispo correspondente, solicitando o permiso para casar aos mozos menores. Este permiso episcopal, adoitaba a tardar noventa días e unha vez o bispo autorizaba ao párroco a casar aos noivos, o párroco podía casalos legalmente sen necesidade do permiso paterno. E así é, como Victoriano, envía o escrito ao bispo de Mondoñedo, detallando os inconvenientes cos que se encontraba a parella e el tamén.
Efectivamente, a autorización do bispo de Mondoñedo, chegou aos noventa días, tempo, que Victoriano aproveitaba para, de vez en cando, ir á casa do noivo a interceder ante o pai para que os deixase casar, volvéndose sempre con non por diante.
Chegada a autorización episcopal, Victoriano meteuna no peto interior da súa sotana e aló se foi á casa da familia do noivo coa idea de nun principio, convencelo polas boas e unha vez que lle volvese a ser denegada a petición, ensinarlle o documento coa autorización do bispado.
Ao chegar á casa, chamou á porta e o pai do rapaz estaba sentado á mesa na cociña, mandou pasar ao crego, e despois do consabido saúdo, o pai do rapaz díxolle ao cura, "xa sei a que ben, así que, visto o visto, dígame cando e a que hora vou pola sancristía a asinar a autorización. Se queren casar, que casen". Victoriano sentiuse feliz ao ver que o pai aceptaba sen saber que levaba no peto a tan esperada e desexada autorización e despois de felicitar ao pai pola súa decisión e de dicirlle, que había obrado correctamente, sacou do peto a autorización do bispo e ensinoulla, dicíndolle ao pai do mozo, "agora xa a podo romper, foi mellor así. Tomaches boa decisión!".
Victoriano casou á parella e estivo exercendo como párroco nas parroquias de Oleiros e Nete, entre os anos 1952 e 1963. En 1963, é destinado á parroquia focega de Vilaronte.
Os anos pasaron e un día a Victoriano, acorréuselle ir ata á parroquia de Oleiros, onde casou aos mozos, coa idea de visitar ao pai do rapaz para saber como lles ía a vida, tanto a eles como ao novo matrimonio. Cando chegou á casa do labrego rico, xa lle dixeron que o pai estaba encamado no seu punto final.
O fillo, o mozo que el casara, acompañou ao sacerdote ata a habitación onde seu pai permanecía encamado e ao entrar no recinto, e señor fixo un amago de incorporarse, pero tanto o fillo como o crego, non llo permitiron, dicíndolle que se deixara estar deitado.
O ancián na cama, confesoulle a Victoriano, que se lembraba moito del e da súa negativa a asinar a autorización para que o seu fillo casara coa rapaza pobre, pero tamén engadiu, que aquela súa nora foi tamén a súa salvación, "pois esta rapaza, don Victoriano, é a que me coida, me muda a cama tódolos días, me lava, me da de comer, mentres que, os outros fillos nin me veñen visitar. Ben deitei dela don Victorianio, ben deitei dela para vivir os meus últimos momentos dignamente!".
Compre destacar deste crego, que foi o fundador da cabalgata de Reis de Vilaronte sobre 1959/1960, foi membro do Padroado Martínez Otero de Foz e co fundador do Teleclube de Vilaronte, hoxe Asociación Cultural "O Castro", onde fundou e dirixiu varios anos o grupo de teatro "Axóuxeres" desa Asociación e párroco de Celeiro de Mariñaos varios anos conxuntamente con Vilaronte.
Victoriano López Felpeto, xubilouse aos 78 anos de idade, superando os 52 anos dedicado ao sacerdocio. Finou na súa casa de Vilalba, o día 20 de abril de 2017, aos 89 anos de idade. Foi soterrado no panteón familiar en San Pedro de Pígara (Guitiriz).