A historia comeza en Holanda, na cidade de Zandvoort na costa (preto de Haarlem), unha anciá de 82 anos esvara nas escaleiras de casa e cae por elas abaixo. O golpe foi gravísimo polo que é trasladada de inmediato a un hospital.
Ingresada na UCI (Unidade de Coidados Intensivos), alí pasa varios días sen recobrar o coñecemento.
En Holanda, cando alguén enferma e é hospitalizado, non pasa como en España que aquí pode quedarse un familiar co chamado paciente, pero en Holanda ningún familiar se pode quedar con el.

Pasados uns oito días do accidente, esta muller volve en si, e para asombro de todos, fala nun estraño idioma. A sorpresa é impresionante, ninguén entende o que fala e son varios os médicos e enfermeiros que tendo coñecemento dalgún outro idioma agás do holandés, visitan a anciá, pero non entenden nada, unha doutora española pensa se pode ser portugués ou brasileiro.
Avisados de inmediato os familiares da doente, os doutores comunícanlles a curiosa nova, a súa familiar espertou falando un estraño idioma!.
Pero para o seu fillo a sorpresa non era o idioma que falaba, a sorpresa era que súa nai non lembrara o holandés ou o español, súa nai falaba correctamente en galego e así llelo fai constar aos sorprendidos doutores.
O fillo coméntalles que el non ten nome holandés, pois chámome Ramón, nome do patrón parroquial da terra onde naceu miña nai, Vilalba, Lugo (España)!.
A curiosidade foi que esta muller naceu o 2 de setembro de 1905 en Rioabeso do concello de Vilalba, chamábase Carmen Ramil Lozano que emigrou a Arxentina en 1920 coa idade de 15 anos. Sobre 1925, volveu a Galicia de vacacións e no barco que a trouxo ao noso país, coñeceu a Adriaan Shipper, un holandés con quen casou en 1929.
De casada Carmen, veuse vivir a Holanda e alí aprendeu o holandés que dominaba perfectamente e entre unhas cousas e outras, Carmen nunca máis volveu a utilizar o idioma galego, porque non tiña con quen falalo, pero nese fatídico accidente, Carmen volve automaticamente ao idioma que mamou, o idioma da súa infancia, volve a falar temporalmente o galego como único idioma.
O seu fillo Ramón Shipper, casado cunha alemana chamada Jutta, e que frecuentaban de vacacións o País Vasco, coincídelles estar no noso país cando a nai de Ramón se accidentou. Despois do accidente de Carmen, desexan volver a España en 1988 e achegarse a Vilalba só coa idea de saber se quedaría familia de súa nai nesa localidade.
Coñecidos determinados familiares, véñense a vivir temporalmente a Mondoñedo, pero chegado o verán, recorren a costa da Mariña e despois de recorrela toda, quédanse abraiados de Foz e xurde entre eles a idea de converter á nosa vila no fogar da súa xubilación.
Intentan probar se poderían convivir con nós, cunha cultura tan distinta á de Holanda ou Alemaña, cunhas costumes tan distintas, cunhas xentes tan distintas e para elo van e veñen de cada seis meses, ou sexa, seis meses en Foz e outros seis meses en Holanda, pero chegado o momento, é Jutta a que primeiro se decide en quedarse para sempre con nós. Ramón precisa un pouco máis de tempo e ese tempo tamén chegou e a estas alturas xa son moitos os anos que viven con nós.
A primeira en morrer foi Jutta, o día 10 de febreiro de 2017, pero poucos meses despois, tamén morre Ramón, o 23 de xuño de 2017. Jutta morre na residencia de Xove e é incinerada e levada para Alemaña onde vive e traballa a súa filla. Ramón foi levado a Alemaña e morre na residencia onde traballa a súa filla. Tiveron dous fillos, Marco e Adriana. Un matrimonio que serán sempre lembrados en Foz.