Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Efecto Dominó da crise do leite?

miércoles, 27 de mayo de 2009
Compás social: “Efecto Dominó” da crise do leite?

Repasando a prensa galega dos últimos meses, atopámonos con bastantes artigos que analizan a crise do leite desde diferentes puntos de vista, dende a súas causas hasta a súas múltiples e posibles consecuencias en cadea. Este especial interese polo mundo rural relucía nos xornais pola súa ausencia. Só algúns matinabamos sen a penas eco social. De súpeto centos de persoeiros e representantes de asociacións directamente relacionadas coa economía agrogandeira están dando a voz de alarma, especialmente na provincia de Lugo. Todos parecen estar espreguizándose dun mal soño. Entón,¿que está ocorrendo? Ao parecer os economistas non saben moi ben se estamos ante unha intensa crise conxuntural ou ante un paso acelerado cara a definitiva quebra estrutural dun cambio de rumbo que empezou na década dos anos 50, que os campesiños non puideron controlar e que os dirixentes políticos, estatais e autonómicos, orientaron e xestionaron dun xeito equivocado hasta chegar a situación actual de incerta saída. Chámese como se queira, moitos expertos xa deron a voz de alarma de que pódese producir un “efecto dominó” grave, é dicir, se pechan 4 ou 5.000 explotacións leiteiras, esa serán as primeiras fichas en caer que logo arrastrarán tras delas multitude de profesións autónomas, de pequenas empresas, de asociacións coordinadoras, de cooperativas de servizos e outros centos de negocios que viven directa ou indirectamente da economía agrogandeira. Se a crise se prolonga e o posible “efecto dominó” se produce a gran escala, as graves consecuencias van sufrilas tanto os gandeiros dispersos como os profesionais, comerciantes e pequenas empresas concentradas nas vilas do medio rural e nas capitais de provincia.

Esta situación chea de incertezas tráeme a memoria unha reflexión de Alberto Míguez que no ano 1970 escribía estas palabras nun pequeno libro, case un folleto, titulado “Galicia: de la estética al subdesarrollo”: ...“Los intelectuales, los artistas, los hombres de letras y cultura tuvieron que pasar de la estética al subdesarrollo en una suerte de salto en el vacío. En cuanto al pueblo de Galicia hace siglos que con una perseverancia y valor dignos de una gesta, conoce por experiencia las diferencias entre la realidad y la imaginación”....

Que pasou nos corenta anos transcorridos dende 1970? Superouse a estética e o subdesenvolvemento? Onde estamos agora? Que din os intelectuais, os artistas, os homes de letras e cultura? Que expectativas ten o pobo perseverante e valoroso? Os pesimistas, como naquela desfeita emigratoria, dirán que neste intre estamos nunha quebra irreversible da economía gandeira; mais persoalmente penso que a situación é mais complexa e que, como naquela encrucillada de hai cincuenta anos, as múltiples posibles saídas e alternativas irán xermolando día a día con mais forza. Só falta que tódolos actores sociais implicados e colaterais, facendo virtude da necesidade, acaben tendo un diagnóstico completo, consciente e realista da situación para poder planear unhas respostas coherentes, eficaces en tódolos frontes e na boa dirección.

Que facer a curto, medio e longo prazo?
Se votamos man das propostas espalladas nos medios de comunicación polos analistas divulgadores, os expertos, os sindicalistas, os representantes de moitas asociacións e hasta por varios gandeiros entrevistados, podemos acumular bastantes laios pero tamén recoller numerosas e suxestivas propostas para un plan a executar a curto, medio e longo prazo polos diferentes axentes sociais implicados. Como primeiros pasos inmediatos, teñen que clarificarse e desaparecer as trampas comerciais e deslealdades nese gran mercado único que é Europa; e para iso hai que esixir que os organismos comunitarios, estatais e autonómicos deixen de escapulirse e comecen a funcionar, empezando polas inspeccións e o Tribunal da Competencia que debe actuar de oficio ou por iniciativa dos organismos oficiais. Os dirixentes máximos do Ministerio de Medio Ambiente e da Xunta de Galicia deben resolver no mais curto prazo posible o problema dos créditos os gandeiros e cooperativas; e, analizados os abusos e arbitrariedades actuais, crear un contrato homologado de obrigado cumprimento entre produtores e industrias recolledoras e envasadoras de leite.

Poñéndose na pel dos gandeiros.
A medio prazo, suxiren os analistas, os gandeiros deben buscar unha alimentación do gando leiteiro apoiada en pastos e forraxes de cultivo propio para abaratar os custos externos de produción. Os fabricantes de pensos deben reflectir de seguida a baixada do prezo dos cereais e doutras materias primas. Os gobernantes estatais e da Xunta de Galicia teñen que aclarar en qué inverteron e inverten agora os substanciosos fondos agrarios europeos que corresponderon, seguen pertencendo, a Galicia en virtude dos baixos indicadores agrarios e sociais, especialmente das provincias de Lugo e Ourense onde poucas inversións se albiscan. Algunha organización leiteira afirma que, segundo as súas contas, o Estado quedouse nos últimos dez anos con 540 millóns de Euros que pertencían os gandeiros galegos. Pero os grandes problemas a tres e cinco anos vista serán a retirada dos fondos europeos e a supresión das cotas lácteas no ano 2015. A credibilidade do Ministerio de Medio Ambiente e da Xunta de Galicia está en xogo nestas dúas cuestións clave, xa moi próximas: a supresión das cotas lácteas e a liberalización total do mercado do leite; o que, se non hai algún tipo de regulación, traerá a ruína das explotacións mais débiles e das endebedadas, paradoxalmente, pola compra de cota láctea. ¿Cando estará amortizada esa compra e quen lles compensará, pregunta algunha Asociación de cooperativas? Os expertos confían en que haberá algún tipo de prórroga e regulación do mercado para evitar esas catástrofe previsible.

No longo prazo, por simple esixencia do tempo necesario, concéntranse a maioría das propostas dos homes de letras. Irremediablemente, dinnos algúns analistas, impóñense os modelos agrarios empresariais europeos, ben dimensionados, moi tecnificados, con altas calidades, con prezos moderados, con potentes organizacións de comercialización, con transformacións primarias e diversificación dos derivados lácteos. Por contra, Galicia ten unha maioría de explotacións de exiguas dimensións, de escasa tecnoloxía, con xestión tradicional, con febles organizacións dos produtores e sostidas con subvencións concedidas con criterios de clientelismo político e patriótico. É dicir, segundo estes discursos, seguimos co pé totalmente cambiado nesta batalla supostamente xa perdida.

En consecuencia, os gandeiros que queiran subsistir deberán aumentar a base territorial das súas explotacións e terán que reconsiderar a súa especialización en vacas pintas frisonas de leite, abrindo un abano doutras posibilidades, como son as vacas para carne, a cría e engorde de cuxos, a explotación de gando ovino ou caprino, unha primeira transformación dos derivados do leite, algunhas producións agrícolas chamadas naturais ou ecolóxicas, a silvicultura, etc... Estas posibles decisións está negativamente condicionadas pola idade dos gandeiros e a falta de sucesión o fronte da explotación familiar. Posiblemente estamos ante unha acumulación de carencias que moi poucos campesiños poderán superar sen unha forte axuda e coordinación pública. Cantos resistirán?, un cinco, un dous por cen ou menos?

Que cómpre esperar dos dirixentes políticos?
A dirección política de Galicia, se realmente toma en serio a sociedade rural, ten por diante uns enormes retos e unhas tarefas inxentes. Hai que encomezar a corrixir os erros cometidos e acumulados no último medio século. Cómpre acelerar as concentracións parcelarias totais ou parciais, seguir cos alugamentos tanto do banco de terras como dos particulares, incentivar as permutas, promover e publicitar as Cooperativas de explotación en común da terra e as Sociedades Agrarias de Transformación (SAT), e calquera outra forma de reorganización do espazo rural agrogandeiro e forestal. É imprescindible diversificar as producións agrícolas, gandeiras e forestais das ríxidas especializacións pouco rendibles e de difícil reorientación; mais iso require organizar os departamentos das administracións públicas non só con criterios burocráticos, senón con mentalidade de axentes de información, formación e actuación directa sobre o terreo, como foi o caso dos axentes de Extensión Agraria que no seu día tan bos resultados obtiveron. Para esa diversificación tamén é necesario ampliar as transformacións primarias dos produtos agrarios, que acumulen valor engadido, e consolidar as redes de comercialización a escala autonómica, estatal e internacional, rompendo a fraxilidade dos puntos nodais que producen a actual dependencia total do campesiñado. Moitos rexeitarán este intervencionismo dos poderes públicos que sen dúbida poden cometer excesos, pero non debemos esquecer que nesta situación de fraxilidade estrutural o campo galego pode ser vítima dun liberalismo salvaxe.

Para rematar, a gran materia pendente é a formación profesional, especialmente a formación profesional agraria de tipo medio na súa triplo vertente, agrícola, gandeira e forestal. Ademais da ensinanza oficial regrada, necesariamente algo abstracta e xeneralista, as tres administracións autonómicas (Xunta, Deputacións e concellos) deben intensificar os cursos non regrados de formación profesional axustada as demandas do mercado de traballo e as previsións estratéxicas das necesidades futuras. O alto porcentaxe de fracaso escolar, responsable da proletarización e derrotismo de moitos adolescentes rurais, pode ser en boa parte neutralizado nos seus efectos con ese ensino extra e post-escolar. Se os magros orzamentos municipais do medio rural se orientan nesa dirección, estaríamos dando un paso xigantesco.

Ata aquí o resumo de algunhas propostas de expertos, de analistas dos medios de comunicación e de moitos comentarios vertidos en Internet. Asumo grosso modo todo o exposto. Só réstanos esperar que os sindicatos agrarios, as asociacións de profesionais e de pequenas empresas, as industrias lácteas e outros sectores relacionados e condicionados directa ou indirectamente pola economía campesiña sigan remando na mesma dirección solidaria e sostendo o debate mediático.

Xenaro Pérez López, jenaro@safcb.com
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES