O Señor Roca
Xiz, Xulio - miércoles, 27 de mayo de 2009
Naturalmente que no mercado haberá moitas outras marcas de sanitarios pero do mesmo xeito que á gaseosa familiar se lle chama Casera porque de marca comercial se convertiu en prototipo así hai quen cando responde á chamada da natureza (este eufemismo escoiteino hai días pola radio) confesa que ten unha cita co Sr. Roca, á que non pode faltar.
Algún día alguén terá que facer un estudio detallado da implantación das xentes e dos productos hispanos polo mundo adiante, que ó mellor xa o hai pero eu non o coñezo, porque sería moi interesante saber poñamos por exemplo- onde se consumen productos españoles de calidade, e onde determinadas accións vitais sentarse, durmir, traballar...- teñen por marco productos que levan o made in compatriota.
Pasoume en Turquía, onde pasei unha semana a comezos de maio. Fose durante os traxectos en autobús, fose nas visitas peatonais programadas, a guía vendo a idade de moitos dos viaxeiros- concedíanos prudenciais tempos libres para que os necesitados (os máis, os homes) pudiésemos acudir ós excusados a cumprir coa natureza.
Pois se algún tiña querencia polo Sr. Roca non houbo notar ningunha diferencia porque os sanitarios turcos levaban esa marca impresa en lugar visible. Ou hai fábricas roqueñas no país ou moi áxiles andan os vendedores desta veterana fábrica española.
En fin, que o Sr. Roca pode estar contento polo diálogo constante que puido manter cos excursionistas lucenses.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora