Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Expatriados dentro da súa propia Patria

miércoles, 27 de mayo de 2009
Dende a Marronda: Expatriados dentro da súa propia Patria

Dende hai moitos anos un dos maiores males que sufriu Galicia foi a emigración, drama humano e social de enorme magnitude, sobre o que se ten reflexionado amplamente.
Pero existiu e existe aínda hoxe, outra emigración quizabes psiquicamente máis destructiva, a expatriación mental que un galego ten que facer cada vez que abre un libro, un xornal, recibe información a través dos medios audiovisuais ou mesmo cando senta humilde e relixiosamente nun banco dunha igrexa. Parece que vivimos de esmola ou que todo o recibimos prestado.

Todo ser humano sente a necesidade de ter unha lingua como parte da súa identidade, unhas veces esa lingua será falada por millóns de persoas e outras soamente por uns poucos milleiros, pero o realmente importante será o sentimento de pertenza a un grupo lingüístico determinado. Sen este vínculo a personalidade enteira verase gravemente afectada. Todas as linguas, como todas as persoas, teñen o mesmo dereito a que se respecte a súa dignidade. Tamén me parece esencial que se respecte, sen ambigüidade de ningún tipo, o dereito do todo ser humano a conservar a súa lingua propia e a empregala con plena liberdade. Pero este dereito e esta liberdade ten que ser algo efectivo, real e concreto, feito que non se dá en Galicia, porque, aínda que non se persegue a ninguén por empregar a lingua galega, tamén é certo que, dunha maneira ou doutra, se lle impuxo e se lle impón unha lingua que non é a propia, por máis que a comprenda. Non abonda con poñerse nun plan estratexicamente democrático pedindo libre elección lingüística no ensino e en todos os campos, que escollan os pais e os alumnos, esquecendo que o desenvolvemento do sistema educativo de Galicia é función do Parlamento e que a aprendizaxe do programa educativo é obrigatorio para a comunidade escolar. Nestes últimos tempos anda o galiñeiro un tanto alporizado, cacaréxase máis que se razoa, de tanto berrar que había imposición da lingua galega chegouse a crer e mesmo deu votos, agora xa din por boca do novo Director Xeral de Política Lingüística que non houbo tal imposición, pero minte que algo queda. O novo goberno galego, con catro ou cinco Conselleiros analfabetos en galego e con varios Deputados que non acadan o nivel de primeiro de primaria en competencia lingüística, trata de suprimir as probas de coñecemento de lingua e cultura galega para acceder ao funcionariado na Comunidade de Galicia, é dicir, que os encargados de atender aos galegos non entenderán aos seus clientes. Isto supón que os cidadáns galegos terán que expatriarse, saír do seu para poñerse ao servizo dos novos señoritos, e volver a unha situación de servidume e humillación. Todo isto no nome dunha chamada liberdade lingüística, pero aos únicos que se priva desta liberdade é a aqueles que son capaces de se expresar nas dúas linguas, pois os que soamente falan unha non teñen outra opción e impoñen a súa situación aos demais.

Que diríamos se se tratase de impoñer a relixión dun grupo que di descoñecer a relixión da maioría? Simplemente, non sería aceptable.

Pois ben, a liberdade real lingüística paréceme máis importante cá liberdade relixiosa, porque as relixións son excluíntes -ninguén pode ter ó mesmo tempo dúas relixións, pero si pode non sentirse incómodo expresándose en varias linguas- por iso quen queira vivir e traballar en Galicia, non ten porque sentirse incómodo falando en galego, incluso saberá mais, xa que quen sabe galego sabe máis.

Para que o galego siga a ser unha lingua no pleno sentido da palabra, e un elemento esencial da identidade, o camiño a seguir non consiste en soster batallas con outras linguas, senón no compromiso de todos no mantemento e desenvolvemento da lingua nacional e ao tempo manter e reforzar as relacións con outras linguas. Sería unha desgraza para un galego descoñecer o castelán, pero aínda sería peor saber só castelán, pois sería un individuo alienado, fóra de si, é dicir, un perigoso perturbado.

A lingua galega é a lingua do pobo galego, dos campesiños, dos mariñeiros, a burguesía e os novos ricos hai tempo que desertaron, tomaron como modelo o poder cortesán e renegaron do seu e agora encóntranse sós e moito máis pobres, falan moi mal o castelán e non saben galego, non son nin de aquí nin de acolá, están levitando e por enriba odian o seu.

Aquí non hai unha guerra de linguas, aquí hai unha guerra contra a lingua galega.
En que bando se sitúa o Goberno Galego? O tempo falará, hoxe non está claro.

Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES