O pasado 28 de setembro faleceu en Luanda o cardeal Alexandre do Nascimento (Malange, Angola, 1925-Luanda, 2024), á idade de 99 anos de idade. Metropolitano de Angola e das illas de São Tomé e Príncipe. Cardeal de 1983 a 2001. A D. Alexandre do Nascimento o coñecín en abril de 1990, na primeira viaxe que realicei a Angola (en plena guerra civil), convidado por Luandino Vieira, Secretário Geral da União dos Escritores Angolanos, por ser o primeiro tradutor de "Sagrada Esperanza" ao castelán no Estado español, poemario do primeiro presidente de Angola, António Agostinho Neto.

Durante vinte días de estadía, pronuncie conferencias e recitais. A primeira delas foi no auditorio da citada União, co título: "A Biblia en 'Sagrada Esperanza' de Agostinho Neto". Ao principio dese acto encontreime un tanto incómodo pola numerosa presenza de público, na que estaba o cardeal do Nascimento con varios clérigos, algúns militares uniformados e a viúva do presidente Neto, Eugénia Neto e o pastor protestante de Luanda, situados en primeira fila. Ao final da conferencia houbo diversas preguntas sobre ese temario. Xurdiu a pregunta dun xornalista, un bocado capciosa: -"Quantas vezes você leu a Bíblia?" - "Mais de cinco vezes e unhas vinte por temáticas escudrinhadas". - "Então você é um excelente católico". - "Não sou crente de nenhuma religião". Ao final do acto, D. Alexandre do Nascimento veu a cumprimentarme e díxome se eu tiña a ben en aceitar unha Biblia dedicada por el, que eu podía procurala no arcebispado.
Pasaron uns días e fun ao arcebispado, acompañado dos poetas e membros da dirección da União dos Escritores Angolanos, Lopito Feijóo e João Maimona. O recepcionista, avisounos: "o senhor cardeal está á espera". Subimos por unha longa escaleira de ricos balaustres e pasa maos de negras e robustas madeiras angolanas. Este edificio foi a antiga residencia dos xesuítas do século XVI, convertida en residencia arcebispal. D. Alexandre do Nascimento, introduciunos nunha sala exenta de decorados relixiosos, na que conversamos sobre os coñecementos bíblicos de Agostinho Neto, dado que o seu pai foi pastor protestante en Angola, por iso coñecía puntualmente a Biblia que empregou versículos e conceptos no seu poemario.

Faloume dos encantos da Galiza, sobre todo de Santiago de Compostela. Evitou falar do motivo de eu non ser crente. Polo que eu fiquei máis expansivo, por ser un dos poucos que tivo sumo coidado de non tocar ese tema, nen exhibir a súa prédica en seu propio espazo relixioso. Percibín un enorme respecto de liberdade e humanismo con os outros, cos diferentes de pensamento. Reparei naquel momento que eu estaba ante unha excelente persoa, capaz de manter un diálogo sobre cultura e literatura.
Noutro momento da visita, convidoume a coñecer o seu "santuario": a súa biblioteca persoal, fiquei moi cómodo cando intercambiamos ideas sobre concretos libros de autores non relixiosos e mesmo ateos. Nesa ocasión mostroume unha das xoias da biblioteca: un facsímile de "Las Moradas" de Santa Teresa, da primeira edición publicada en 1588, meteuma nas maos, congratulando a miña admiración que sentín naquel intre. Ese facsímile era un agasallo que lle fixo o cardeal arcebispo de Madrid, Angel Suquía. Nesta ocasión falamos das conveniencias da paz que precisaba Angola e na que el estaba empeñado en concretar diálogo entre ambas partes en litixio. Comunicoume que a Biblia do agasallo aínda non a tiña. Preguntoume cando eu viaxaba, prometéndose a que a enviaría ao hotel onde me hospedaba.
Pasaron días, e estando no aeroporto de Luanda, en protocolo, para viaxar a Lisboa, veu a procurarme un funcionario do aeroporto de que tiña unha visita importante, el acompañoume até chegar ao visitante, este era D. Alexandre do Nascimento, que me traía a Biblia prometida. Fiquei de pedra. Acompañeino até o seu coche e alí estaba de condutora unha monxa de avanzada idade. O auto do cardeal do Nascimento, era un vehículo moi modesto e desgastado, non era un daqueles "mercedes" de rango que utilizaban os bispos españois da era de Franco e, aínda, no período democrático. Exhibindo ese alarde que pouco beneficiou a predica humilde do Evanxeo. Reflexionei moito sobre ese xesto do cardeal primado de Angola, e non deixei de facer comparativos sobre o comportamento deste mitrado africano con outros mitrados españois, tan exhibidores de seus poderes eclesiásticos, que mesmo negan a humildade que encontramos na prédica do Nazareno.