Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (47)

Otero Canto, Xosé - sábado, 26 de octubre de 2024
A feira de Rubián e a vaca da gota

Esta feira acontece os días 14 e 29 de todos os meses do ano. Está en pasando a fábrica de cemento do Oural, así como a dous quilómetros aparece Rubián, a feira está subindo á esquerda, no mesmo centro de Rubián. Hoxe aínda hai feira e segue sendo unha feira moi boa.
Fun á feira de Rubián un 14 de abril de 1957 e merquei unhas vacas, e no medio desas, compreille unha a un home que era dun pobo antes de Monforte, era unha vaca Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (47)arratinada (alpina), grande, preñada, de cor apombada, escuriña que me costou 16000 pesetas de daquela e mandeilla a un parceiro (os parceiros, mantíñanas e as ganancias repartiámolas a medias), o parceiro chamábase Filiberto, que era un home alto, gordiño e guapo de figura, e as outras mandeillas a outros parceiros que eu tiña.
Aos catro ou cinco días veu a xunto de min Fernando Alberto e díxome que lle dera a gota á vaca.
- Caéuseme, empezou a machacar e durou un gran pedazo desa maneira.
Contesteille:
- Repetiulle ao outro día? Porque acostuman a facelo ao día seguinte. E mancouse?
- Non, a vaca non se mancou porque caeu no prado. Tivemos esa sorte, que lle deu sen estar atada e nun sitio aberto e brando.
O día 24 fun a Monforte á feira que se celebra os 24 de todos os meses. A feira está a un lado de Monforte, á esquerda indo de Lugo, está un pouco retirada do pobo, mais é moi boa feira. Tratei de atopar ao home que ma vendera e ao fin atopeino e díxenlle:
- Deulle a gota á vaca que me vendiches, hai tres días. Foi moi forte e caeuse botando un cacho grande machacando coa boca.
Outras vacas ás que lles dá a gota empezan a correr e a escapar correndo ata que chocan con algo ou se caen, esta era das que en principio non corría.
O vendedor díxome que contaba mentira.
Contesteille que non e que traía un certificado feito polo veterinario e que estaba avalado por tres testemuñas, e ensineillo para que o vise. E díxenlle:
- Cando quere que lle mande a vaca?
- Bueno! Tráema a esta feira o día 4, que é outra vez feira en Monforte ou senón tráema a Rubián o 29.
Leveilla a Rubián e segundo cheguei pola media mañá, busqueino e díxenlle, "Aí está a vaca". Abrín a porta de atrás do camión e ensineilla para que a mirase todo ao redor conforme non tiña golpes e non estaba mal.
Preguntoume:
- Vés solo?
- Por que me pregunta iso?
E contéstame:
- Porque se traes algún contigo era mellor que se baixase e se puxese el a vendela.
Respondinlle:
- Iso non o fago e aínda que viñese algún comigo tampouco o faría. Devólvame os cartos e todo listo. Véndaa vostede, que a vaca é súa.
Resposta do vendedor:
- Xa a baixarei cando me pareza.
- Devólvame os cartos -díxenlle- que senón non baixa.
Marchouse e nisto díxenlle ao condutor do camión:
- Pecha esa porta para que non baixe a vaca sen estar eu.
Pechouna e marcheime pola feira onde merquei outras vacas.
De alí a un bo cacho, díxome o condutor do camión:
- Se queres, ímonos. Recolle as vacas, metémolas no camión e marchámonos.
Contesteille:
- Antes temos que ir en procura do home para que baixe a vaca. Vouno buscar.
Atopeino no medio da feira e díxenlle que fose pola vaca porque se quería marchar o dono do camión e dixo:
- Vou logo por ela.
Chegamos ao camión e díxenlle que me devolvese os cartos antes de baixala.
Contestoume:
- Vendín aquí outra vaca e non chos podo devolver ata que a cobre eu e así darche os teus cartos.
Contesteille que se non me devolvía os cartos que a vaca non baixaba do camión.
Nestas botoulle a man a porta para abrila pero estaba pechada e non puido. (O home era alto, gordiño, máis vello ca min).
Díxome:
- Os cartos non os teño.
Contesteille:
- Pois logo, pídaos, pois eu non lle devolvo a vaca sen os cartos que lle dei e voulle deixar un cuarto de hora para buscalos, senón chamo a garda civil e que decida ela o que fai con vostede e coa vaca.
Contestou:
-A ver... Eu a vaca cóllocha, se quero, senón non cha collo.
Eu díxenlle a outra persoa que coñecía que fose buscar a garda civil.
Cando chegaron, preguntaron que pasaba.
El dixo que viña eu enganado cunha mentira, que á vaca non lle dera a gota e que non era certo.
Díxome un dos gardas.
- É certo o que di este señor?
- Non é certo. Mire, aquí ten un certificado do veterinario con tres testemuñas de que conforme viron que lle dera a gota.
Os gardas, despois de ver todo, dixéronlle:
- Quen conta mentira é vostede, mais ten dúas posibilidades:
Unha: Que vostede lle devolva os cartos e el que lle entregue a vaca.
Dúas: Metela no xuzgado, nós, acompañándoa deste certificado.
Eu contesteille:
- O certificado non o solto. Entón contestan os gardas:
- Non se preocupe que vou facer unha fotocopia e con ela basta. Tráiolla agora mesmo.
Eu díxenlle:
- Déixeme ir a min facer a fotocopia e quede aquí o outro garda porque eu non quero lío, estou nun sitio descoñecido e o que ma vendeu está no seu lugar e xa vexo por aquí varios esperando a ter lío.
Vaise o outro garda e dixo:
- Señores, o que non sexa interesado que se retire de aquí, inmediatamente.
Logo foise facer a fotocopia quedándome eu co orixinal. Dixo un dos gardas:
- A vaca ímola depositar nunha casa que teña Vostede de confianza.
Eu contesteilles que non era de Rubián nin dos arredores nin coñecía casas onde deixala.
A garda civil díxolle ao home que ma vendera o seguinte:
- Élle mellor coller a vaca porque senón vai ter que pagar todos os gastos que se orixinen da asistencia e do mantemento. Nós ímola depositar na casa que a nós nos pareza. Levantaremos acta do acontecido e levarémola ao xulgado.
O home repetiu:
- Pero non teño os cartos.
Contestan os gardas:
- Vostede é coñecido aquí e sóbralle quen llos deixe. Vaia buscalos que o acompañamos un de nós.
O home aceptou e foron pedirlle os cartos a outro que llos deixou e logo veu a xunto miña entregoume os cartos que valía a vaca e díxenlle:
- Fáltalle pagar o porte de traela e xa non lle cobrarei o de levala de Rubián.
El volveuse a negar a pagarme o porte aínda que a garda civil lle dixo:
- Ten que pagarlle o porte e a mantenza dos días que a tivo, que veñen sendo en total catorce días.
Voume eu e díxenlle á garda civil que me pagase soamente o porte de levarlla e que o demais, a mantenza e o outro porte que non llo cobraba.
Contestou a garda civil:
- Ten vostede sorte que topou cun bo rapaz.
Pregunteille ao camioneiro canto valía o porte e dixo que 3.000 pesetas.
O vendedor sacou as tres mil pesetas e deumas. Baixouse a vaca que colleu o vendedor e acabouse o trato índonos tamén nós para as nosas casas.

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES