Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (46)

Otero Canto, Xosé - viernes, 18 de octubre de 2024
O primeiro trato que fixen na miña vida

Corría o ano de 1932 e aínda non empezara a guerra incivil que deixou tantos mortos durante tanto tempo de persecucións e desgrazas. Tiña eu de 8 anos para 9 e meu pai e outro veciño eran os pesadores da báscula municipal de Castro de Rei e un sábado que era día da feira de Gontán, un señor, veciño noso, chamado o señor José de Caldeirón foi á miña casa porque quería pesar unha becerra de carne que tiña para vender, o meu pai non estaba, ía na feira de Gontán e díxolle a mamá:
- Vaia a xunto do outro pesador que é o Señor Manuel de Freixos.
E alí foi, pero non estaba porque era cazador, ía ás perdices e ós coellos. Volve para xunto de nós para que lla pesásemos e non podendo facelo deixounos o seguinte recado:Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (46)
- Dicídelle ao voso pai que se vén cedo que vaia ata a miña casa para pesarma, e se non pode, que vaia mañá pola mañá, se fai o favor.
Contéstalle a mamá:
- Mañá non está tampouco que sae moi cedo para a feira de Vilalba.
Contestounos o home o seguinte.
- Pois o señor Manuel tampouco está porque volve cedo á caza.
Nestas díxenlle eu á mamá.
- Mamá! Déixame irlla pesar eu!
E contestou a mamá:
- Eu déixoche pero hai que dicirllo ao papá.
Oíndonos falar isto o Sr. Xosé de Caldeirón, contestanos.
- Si, váleme que ma peses ti.
Foi pola becerra, que a trouxo cunha vaca, mai da becerra. Isto facíase moitas veces porque a vaca cando lle faltaba o fillo poñíase tola e podía haber unha desgraza na corte, por iso as becerras andaban a miúdo xunto das vacas que as pariran.
Xunto coa becerra e a vaca viña el, un fillo e unha filla e fomos para a bascula e peseilla. Pesaba 260 quilos. Era unha becerra moi bonita e moito me gustou.
Marcharon para a casa e en chegando eu tamén á miña díxenlle á mamá:
- Que boa é a becerra. Se estivese o papá na casa habíalla mercar e se me deixase vostede íalla comprar.
Contéstame a mamá:
- Si que che deixo. E saberaslla comprar polo que vale?
- Si que sei, mamá. E co boa que é non ten prezo.
Collín unha tesoira de meu pai, por se lla compraba, marcala para que se viña outro, que a visen marcada xa.
Bótome andando para a casa do Sr. Xosé de Caldeirón e en chegando díxenlle:
- Veño mercarlle a becerra. Quérema vender a min?
A filla do sr. Xosé dixo.
- Vendeilla, vendeilla.
A isto dígolle eu:
- Pídame por ela.
- Pídoche 25 pesos.
Segundo mos pediu dixen para min, xa a ten vendida porque os valía moito.
Eu mandeille 18, e menos non podía mandarlle porque se había de enfadar. El sacoume tres pesos dos 25, así eran 22 pesos.
Eu volvín a dicirlle:
- Doulle 20 pesos e non lle dou máis. Déama.
Vaise a filla que estaba con nós e díxonos: "agora é fácil de facer, papá, sácalle un peso e el que che dea outro e tédes o trato feito".
Saquei a tesoira do meu pai e díxenlle: "está vendida".
Contestoume o Sr. Xosé: "Non che fai falta marcala, eu para atrás non me volvo"
- Tampouco eu, pero como son un pequeno aínda, para que lle dea máis seguridade. Habémola recoller o luns pola mañá cerca do mediodía.
Cheguei á casa e conteillo a miña mai que me dixo: "Cando chegue teu pai e llo contes, moi contento se ha poñer!".
Chega meu pai á noite da feira e o primeiro que lle dixo a mamá foi:
- Sabes que fixo o teu fillo?
- Que fixo?
- Comproulle unha becerra a Caldeirón, sei que moi bonita e moi boa.
Meu pai chamoume a min e díxome:
- Que foi o que fixeches?
- Merqueille unha becerra ao sr. Caldeirón.
Contestoume:
- Fixéchelo ben, home. Como queira que sexa. Gústame o que fixeches, pero non lla marcaches?
- Si que lla marquei.
Ao chegar o luns o papá chamou ao criado e díxolle: "Vai co pequeno. Collede unha vaca para que sexa máis fácil traela e ide pola becerra que comprou o meu fillo. Toma 21 pesos e dállos. Págala ti."
Chegamos, préndemos a vaca e díxome o Sr. Caldirón: "Non, que ma pague teu pai", mais eu díxenlle que non, que lle pagaba eu, que collese os cartos.
Vaise el, colleunos e dixo: "Vouche regalar un peso por ser tan pequeño", e vaise a filla e díxolle: "Papá se vostede quixera, regaláballe outro, porque cando vou coas vacas para o monte, fainos lume e tornanos as vacas e os outros pequenos desfannos o lume e el reñe con eles".
- Déixame regalarlle outro peso?
- Si.
Vaise a filla, que xa era maiorciña, e saca outro peso do peto e deumo. Contestei o seguinte.
- Non quero que me fagades iso, porque o trato é o trato.
- Dámoschos de boa gana.
Deilles as grazas repetidas veces e viñémonos para a casa.
Meu pai, mirouna moi mirada e díxome
- Moi barata é. Como fixeches para facer o trato?
Eu faleille do trato tal e como fora.
O meu pai mandouna para Zaragoza cun vagón de gando e ao cabo de varios días veu a liquidación da becerra.
Díxome a mamá:
- Haste de alegrar moito porque veu a liquidación da becerra.
Chegou o papá, nestas, e ensinoume a liquidación de 34 pesos libres, sen gastos; así que mira que boa compra fixeches, pero non llo digas a ninguén.

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES