Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (45)

Otero Canto, Xosé - viernes, 11 de octubre de 2024
Na feira de "Adomonte" case hai lío.

A do Monte ou Adomonte é unha feira que está nun alto. Antes a feira non tiña a estrada que ten hoxe, estaba toda unida, sendo a parte de arriba para os cabalos e a de abaixo para o gando e, subindo pola marxe esquerda estaba a feira dos cochos. Agora é unha feira distinta, pois abríronlle unha estrada para ir á igrexa, e fíxose unha feira na zona de arriba e outra na de abaixo. Subindo polo lado dereito, agora están os porcos e máis arriba os cabalos, e polo lado esquerdo o gando; Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (45)os chigres póñense por debaixo onda as casas.
Sobre o ano 57 ou 58, chegou unha muller de Pino, cerca de Caldaloba á feira, era a muller do zoqueiro de Pino cunha vaca moi boa, non sabía se a vaca era preñada ou baleira, á súa chegada xuntáronse varios tratantes e preguntáronlle:
- Canto quere pola vaca?
E contestou ela:
- Se é preñada non a vendo e se é baleira, sen que veña o meu home, non a vendo.
Preguntaron:
- E logo onde quedou o seu home?
Contestou a muller:
- Non vivimos na mesma casa porque el ten a casa súa e eu a miña, pero vén aí.
Díxolle un home de San Lourenzo de Aguiar:
- E canto quere por ela?
- Se é baleira quero vinte mil pesetas, pero sen que veña o meu home, non a vendo.
Vai o de San Lourenzo e saca de tesoiras para marcala como vendida, mais un veciño da muller díxolle "Non a marques" e deulle cun pau nas tesoiras que acabaron caéndolle, senón, marcábaa.
Algúns tratantes de pouca chispa que había por alí quixéronse volver a el. Eu estaba tamén alí termando das miñas vacas para vendelas, prendinas e vin un rebumbio e chegueime alí.
A muller coñecíame e contoume que lle querían pegar ao que lles dera un pau nas tesoiras.
Eu díxenlles:
- Estade quietos, non lle peguedes porque el ten razón, el saíu pola verdade.
Nestes intres chega o home dela, un home sen medo e moi valente. Colleu a vaca da muller e díxolle que lle contase todo o que pasara.
Despois de contarllo recriminou aos tratantes porque marcaran a vaca e díxome a min que lle mirase a vaca a ver se era preñada. Eu díxenlle que chamase ao veterinario, mais el insistiu en que lla mirase eu porque se era preñada non a vendía e se era baleira a muller vendía polas vinte mil pesetas e para que non houbese lío díxome outra vez:
- Si, si. Mírala ti e polo que digas, pasamos nós.
E insistiron en que a mirase. A xente da feira e os tratantes de gando mirando como facía. Primeiro metinlle a man dereita polo puño, por encima da braga e atopeille a cría e díxenlles:
- A vaca é preñada duns seis meses aproximadamente, días arriba ou días abaixo, mais agora vou mirar se está viva a cría ou non. Metinlle a man esquerda por debaixo da braga, adiante da ubre e sentinlle por dúas veces moverse a cría.
Empezaron a dicir uns a outros:
- Igual non é certo.
Eu oín e calei e díxenlle ao zoqueiro que fose polo veterinario para asegurarse mellor e tamén para que "estes homes te deixen en paz porque queren que a vaca non sexa preñada para levala por vinte mil pesetas".
Vaise o zoqueiro e dixo
- Baste a túa palabra.
E eu contesteille:
- Se queres, respóndoche cos cartos que queiras ata que ti lle vexas bulir a cría por fóra, que logo lla has ver.
O zoqueiro, díxolles:
- Señores, non lle me toquen máis á vaca.
Porque estaban apalpando nela varios a un tempo.
- Se seguen apalpando nela, rómpolles o brazo co que lle toquen.
Entón, algúns daqueles que estaban mirando para el, dixeron que a señora xa pedira e que a vaca estaba vendida.
O zoqueiro levantou o pau e pegoulle un pau ao que isto dicía detrás da orella e tirou con el ao chan ao mesmo tempo que dicía.
- Quen é o atrevido que lle me volve tocar a vaca ou falar o que non debe?
Deume as grazas a min por mirarlla dicindo que bastaba a miña palabra e continuou dicindo e mirando para un carballo que había alí mesmo:
- Vou atar a vaca a esta árbore, e vouna velar para ver quen vén tocarlle.
Atouna e púxose a falar comigo. Todos deron en marchar e ao final da feira levaron a vaca para a súa casa e santas pascuas.
De alí a tres meses e pico o zoqueiro de Pino díxome un día na mesma feira de Adomonte que parira a vaca e que tiña un becerro. "Coidamente a vaca non a vendemos por nada que naceu na casa e non a venderemos nunca ata que sexa vella porque estamos moi encariñados con ela".
Queríame invitar a comer, pero eu non quixen.
Continuou dicindo:
- Heina traer de hoxe nun mes á feira para que a vexan parida, pero sen pedir por ela nin vendela.
Meu dito, meu feito, ao cabo do tempo tróuxoa para a feira e vímoslle alí todos como era verdade que estaba preñada.

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES