Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 08 de octubre de 2024
Canción de abalar

Canción de abalar para aqueles que predican no deserto. Non vale predicar; ó final as cousas son como son. Son sinxelas e son retorcidas. Son boas e son malas. Son un canto de esperanza e unha brincadeira de falsidade. Predicar no deserto é como mirar ó baleiro.
Quixen buscar en Groenlandia unha pinga de orballo e tan só atopei silencio conxelado. Aí nin tan sequera intentei predicar porque non me escoitaba ninguén. E como non son parvo emprendín camiño do Edén. Pingas de OrballoÓs poucos quilómetros atopeime cunha moza collendo patacas e tomates negros. Pregunteille se por aí iría ben para o ceo. Miroume de esguello.
Canción de abalar para os que predican no deserto. Hai que ser paiolos. Ó predicar, ó falar moito tempo, a boca seca, entra a sede. Que beben? No deserto nin tan sequera hai unha pinga de orballo. A non ser que beban a propia suor. A xente, en principio, só quere chamar a atención.
E subín ó monte máis alto para mirar se a divisaba. A quen? Á algunha trapallada. Vivimos entre troulas inconexas que intentamos xuntar nun feixe pero sen ter con que atalo. Non tarda en escangallar. Como as palabras que se perden polo deserto. Tamén a quen se lle ocorre predicar desde unhas dunas cheas de area.
Canción de abalar para aqueles que dormen cun ollo aberto. Para que?; se total non se pode evitar o que teña que acontecer. Por moita pataca que collas, ó furgar na leira unha e outra vez, sempre aparecerán suficientes para unha nova sementeira. Por moito tomate que collas, á ensalada hai que achegarlle tamén leituga, cebola e mazá; como mínimo. Canción de abalar para os que esbardallamos espertos.

Mandar e obedecer

Se o penso friamente, profundamente, mesmo filosoficamente -aínda que nunca fun moi amigo da filosofía-, o ser humano só ten dous cometidos nesta vida: mandar e obedecer. Os que mandan son os menos e os que obedecen, de caixón, os máis. Pertenzo a estes.
Ide pedir unha cita médica. Imos. Ide cavar unha leira. Collemos o sacho na palleira, botámolo sobre o ombreiro e imos. Fregade os cacharros. Que remedio. Facede as camas. Alá estiramos as sabas. Ide alá arriba e, cando cheguedes, baixade. Subimos e baixamos. Como debe ser.
E obedecemos sen rosmar. Non sexa o demo que... E seguimos baixo o xugo dos que mandan, que, ademais, estes, como saben da nosa obediencia, da nosa submisión, aproveitan. Vaia se aproveitan. Pedide unha autorización sanitaria. Pedímola. Pillade algo no súper. E no algo hai que medirse, non vaia ser o demo que collamos o que non era.
Algunha vez quixen mandar e non houbo maneira. Que por que non o fas ti ou, simplemente, faino ti. Nin os animais me obedecen! Case me dá por pensar que non sei mandar. Asegureino sempre. E ante iso, non queda outra que obedecer.
Mandar e obedecer. Gravade esta canción. Toca gravar. Asubiade este tema de Morricone. E imos polo monte ou polos atallos asubiando "o bo, o feo e o malo". A maioría tan só somos o feo... e o obediente, o dócil, o disciplinado: asubiamos ese tema. Mandar e obedecer. Hai que ir ó colexio. Imos. Hai que traballar. Traballamos. Hai que vivir. Vivimos. Aínda que, iso si, mandando e obedecendo. Máis ben obedecendo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES