Monte da Escrita
Otero Canto, Xosé - martes, 08 de octubre de 2024
Corazon da Valura
latexando en vivo.
Xesús resucitado en sentimento puro de aire.
Pedra e aire,
vento e bronce,
... e pedra, e bronce, e aire.
Monte da Escrita,
rota dos poemas empedrados
no víacrucis da existencia,
onde os heroes apagan os seus días
coa semente elipsoidal encarnada
das Teixoeiras na memoria,
Monte Medulio da Escrita.
Non hai nome con máis beleza apenada para un monte
onde o corazón alonga amenceres,
onde a Valura estristecida nos reclama,
mais non só é Escrita de inscripción,
tamén "est cryptam" que en latín é corredor soterrado
onde moran os mortos- mártires,
onde os nosos ancestros escoitan o latexar da terra,
a dignidade vestida de silencios,
o orgullo privado da vitoria,
a nobreza da morte, que honra.
Gloria aos nosos devanceiros
cuxo prestixio agora respectamos.
Homenaxe e veneración! Aquí,
no Sagrado Corazón da Valura
latexando en vivo
coma Xesuses resucitados en sentimentos puros de aire.
Pedra e aire.
Vento e bronce
... e pedra... e bronce... e aire.
Este poema foi lido no Monte da Escrita con Xosé Manuel Carballo.
Data 5 de xuño de 2016.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora