Peregrinación e Camiño
Espiñeira Medín, Nieves - lunes, 07 de octubre de 2024
Na tarde deste martes, día 1 de outubro, un grupo da Pastoral Penitenciaria da Diocese Mondoñedo Ferrol xunto co noso Bispo, D. Fernando García Cadiñanos, e D. Antonio Rodríguez Basanta, cóengo e párroco da Concatedral de S. Xiao, tivemos a sorte de acoller en Ferrol a un grupiño de peregrinos do cárcere de Córdoba que veñen facer o Camiño Inglés, acompañados polo capelán e dous funcionarios, que tanto traballan en prol deles.
D. Bruno González Mauriz, membro activo do Consello de Pastoral Penitenciaria da diocese, Lic. en Historia, conduciu maxistralmente un roteiro pedagóxico polas xoias do Ferrol marítimo e da Ilustración. Non faltaron as citas a Dª Concepción Arenal Ponte (Ferrol, 31 /01/1820-Vigo, 0/02/ 1893), ferrolá de pro, eximia loitadora pola defensa dos pobres, dos presos e da liberación integral da muller: "Abride escolas e fecharanse cárceres". "Odia o delito, pero compadécete do delincuente".
Como se trata dunha Peregrinación diocesana, dentro dunha actividade do Camiño de Santiago, rematamos coa celebración da misa na igrexa da Nª Sª do Carme. Recibimos a bendición, noso Bispo Fernando que peregrina conxuntamente con todos ata Compostela servindo como condutor "de apoio" co seu coche e axudando activamente.
Isto non tería máis relevancia de por si. Sería unha peregrinación máis a Santiago de Compostela. Pero o que si importa é a devoción, entusiasmo, alegría, esperanza e as peticións que traen no seu corazón. Supón unha experiencia e un paso moi significativo para a superación, rehabilitación e resocialización de cara a unha reinserción social que nunca se presenta nada fácil cando todo é tan complexo na vida.
"A necesidade de sandar a mirada en tantas realidades". Ao final, xunto coa bendición, recibiron un aplauso moi caloroso por parte dos fregueses, presentes na Eucaristía parroquial da Nª Sª do Carme. Todo iso transmitíronnolo verbalizándoo de moitas formas. E foron capaces de que a mirada de todos nós de cara a eles se fixese ben distinta: Que ben que que saibamos axudar a cambiar a mirada. Así axudaremos que a nosa sociedade, veciños, compañeiros sexa mellor e moitos delitos non se producirían. Que saibamos aprender a cambiar a mirada, valorar a dignidade de toda persoa aínda que estea cumprindo cadea.
Canto agradeceron a nosa acollida! Para calquera interno/interna un abrazo, unha palabra de alento, sentirse positivamente queridos e non rexeitados, supón un agasallo inmenso e reciben alentos dos que van precisar moito para aproveitar unha nova oportunidade na vida... Ningún dos internos viñeran nunca a Galicia. Que grande é sentirse queridos fora da súa terra, en terra estraña!
Sabemos que a saúde mental é un problema moi serio na nosa sociedade actual. Para moitos/as o cárcere non é o lugar e só agrava as situacións. Axudemos tamén neste ámbito a cambiar esta dolorosa realidade. Os cárceres non solucionan estas patoloxías. Fan falta centros onde poidamos coidar a saúde mental. A represión non cura nada. Volve á persoa moito peor. Logo pedímoslles que non reincidan.
Non esquecemos nin dámos de lado o sufrimento das vítimas e as súas familias, nin o das familias dos internos. Todos están a sufrir. Pero só salvan o amor e a compaixón. Isto é unha grande chamada a traballarmos todos xuntos pola reinserción, como cando se trata de un ou de unha dos da nosa familia. Pero aínda é mellor se somos capaces de empeñarnos en serio pola PREVENCIÓN. Evitar que se chegue ao fracaso.
O que non se di non se sabe. As experiencias para sandalas hai que comunicalas porque son procesos longos que se están a seguir e precisan de apoios positivos, entusiasmo e grandes doses de comprensión por parte de todos. "Ponte no seu lugar."
Nieves Espiñeira Medín é Delegada Diocesana de Pastoral Penitenciaria de Mondoñedo-Ferrol.

Espiñeira Medín, Nieves
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora